Tipoloxía Constructiva Tradicional
Este apartado contempla construcións fortemente arraigadas na tradición popular, e inclúe cabaceiros, muíños, fornos, minas, fontes e eiras. Por fortuna, elementos abondosos na xeografía amoeirense, aínda que o estado de abandono de algunhas destas tipoloxías ameaza a súa supervivencia, polo que é obriga de todas as persoas que formamos parte de Amoeiro coidar deste ancestral patrimonio.
Os cabaceiros ocupan un lugar nuclear no lenzo patrimonial galego e, singularmente, en Amoeiro. Proba de súa relevancia é a protección que reciben dende 1973, e nomeadamente a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) que lles outorgou a Lei de Patrimonio Histórico Español de 25 de xuño de 1985 ; adicionalmente, debe subliñarse a cantidade e a singularidade de moitos deles na nosa terra: nun traballo encargado polo concello en 2009 ó especialista José Arturo Fernández Araújo e ó arquitecto Diego González Naval, que foi presentado ás axudas do 1% cultural en 2010, o Concello de Amoeiro inventariou 220 destas construccións, presentando un proxecto de restauración ante o Ministerio de Fomento que non conqueriu a axuda económica esperada por mor de cuestións técnico-xurídicas. A continuación, amósase unha mostra do proxecto que inclúe a introdución do Alcalde de Amoeiro e unha das 220 fichas incluídas no mesmo.
Tamén é amplo o abano de muíños de auga que adornan a nosa xeografía, se ben o seu estado de conservación é máis preocupante que o dos cabaceiros. Exemplos destas construcións anexas ós cauces fluviais son os existentes en Martinga, Bubeiras, as Carballas (no “puzo” de Amoeiro), Fontefría, no Cachón, en A Pena, na Devesa, no Formigueiro, no puzo de Penouviña, en Cimadevila de Rouzós ou en Liñares. Algúns deles crese que son orixinarios do s. XVI (como os xa mencioandos de Fontefría); a súa reparación é unha tarefa inaprazable.
Un terceiro elemento patrimonial a destacar son os fornos. Aparte da súa función na alimentación (cocer pan, empanadas ou roscas, así como asar carnes), estas construcións desmpeñaron notables funcións comunitarias e mesmo políticas en Amoeiro. Os fiadeiros tiñan lugar ó calor dos fornos, e tamén neles agromou o agrarismo e a loita por unha terra libre da opresión e o caciquismo. Así, Benito Sánchez Dopazo (pai de Castor Sánchez Martínez, primeiro Alcalde da Democracia Amoeirense na II República) sementou o xermolo da loita polos dereitos dos labregos no forno de Portecelos, e a súa mensaxe trasladouse nestes entornos ós demais núcleos do municipio. Cada núcleo de poboación tiña o seu forno, e exemplos actuais deles son os existentes en Amoeiro, Os Casares, Cachomane, Fontefría, A Bergueira, Outeiro de Trasalba, Soutomanco, Portecelos, A Poboanza, O Burguete, O Fontao, Albeiros, A Bergueira, Monteasnal, O Burgo, Outeiro de Bóveda, O Priorato, Bacurín, Santabaia, Cimadevila de Rouzós, Loureiro, etc.
Tan indispensable como a comida é a auga, e nun terreo tan asucado por mananciais non resulta estrana a abundancia de minas e fontes. De feito, arredor dunha centena destes elementos poboan o municipio; as minas máis toscas e antigas coexisten con fontes sobrias construídas nos anos 50 que serviron de escaparate da publicidade franquista. Recentemente, o Concello de Amoeiro asentou placas sinalizadoras desta simboloxía nas devanditas fontes (13 en total) co obxecto de dar cumprimento á denominada Lei de Memoria Histórica.
Un último elemento a destacar na arquitectura tradicional é a eira ou construción chan de terra firme ou de pedra empregado para mallar cerais, secar legumes, etc. Na maioría dos casos constituía un lugar de encontro comunitario, aínda que parcelado de xeito individual; os máis acaudalados dispoñían de eiras de seu dentro das súas propiedades. Sea como for, o certo é que as eras esparexíanse por toda a xeografía rural, e delas quedan algunhas particularmente fermosas como acontece coas enlousadas,
Un último elemento da arquitectura popular son as adegas. Neste senso, e aínda que están espalladas por diversas partes do territorio amoeirense, só nun lugar constitúen unha agrupación característica: en A Bergueira; a razón é a zona de viñedos alí inscrita, pois trátase do lugar que reúne as condicións máis apropiadas para o seu cultivo. Na actualidade, algunhas delas reconvertíronse en vivendas.