Persoeiros de Amoeiro
O Percorrido pola senda dos persoeiros senlleiros de Amoeiro condúcenos a escritores insignes da talla de Ramón Otero Pedrayo, membros destacados do Estado como Juan Fernández de Boán, arabistas de renome como Darío Cabanelas Rodríguez e artistas universais como Antón Pulido Nóvoa. Grandes figuras da nosa terra, algunhas inxustamente esquecidas.
O Patriarca das Letras Galegas, e figura emblemática da cultura amoeirense, é D. Ramón Otero Pedrayo. D. Ramón é máis que un egrexio escritor , trátase dun verdadeiro polígrafo que cultivou narrativa, ensaio, dramaturxia, xornalismo, descricións biográficas e ata guións cinematográficos, ao que hai que engadir unha faceta non menos relevante que as anteriores: a súa incomparable valía como conferenciante.
Viviu gran parte da súa vida na Casa Grande de Cimadevila (Trasalba, Amoeiro), tamén coñecida como Pazo Museo Otero Pedrayo, que alberga a Fundación que leva o seu nome. Nesta sede do pensamento oteriano outorgase anualmente dende 1983, e de xeito ininterrompido, o Premio Trasalba, sendo entregado ás figuras máis renomeadas do panorama cultural galego. O Presidente da Real Academia Galega é, así mesmo, Presidente de Honra da Fundación, sendo o Presidente actual do Padroado D. Victor Fernández Freixanes.
Calquera comentario ou análise sobre a obra de D. Ramón Otero Pedrayo precisa, necesariamente, de profundar no seu erudito coñecemento cuxa magnitude pódese albiscar na web da Fundación, cuxa ligazón aparece baixo estas liñas, ó rematar a páxina.
Practicamente descoñecido para a poboación amoeirense contemporánea é D. Juan Fernández de Boán, que naceu na Pousa de Cacabelos, coñecida actualmente como Pazo de San Damían (Abruciños), en 1549, e finou en Sevilla o 9 de outubro de 1615. Foi un maxistrado e político español que estivo provisionalmente a cargo do Vicerreinato de Perú como Presidente da Real Audiencia de Lima (1606-1607).
Estudou no Colexio Fonseca, na Universidade de Salamanca, graduándose en Leis e Canons, chegando a rexentar a Cátedra desta última materia. O 23 de abril de 1592 foi nomeado Oidor da Real Audiencia de Lima. Tras a morte de Gaspar de Zúñiga y Acevedo, Conde de Monterrey (10 de febreiro de 1606), encargouse á dita Audiencia o goberno do Vicerreinato, sendo elixido como presidente o doutor Diego Núñez de Avendaño, por ser o Oidor Decano (o máis antigo); pero este faleceu o 26 de maio, polo que correspondeulle a Fernández de Boán asumir a Presidencia da Audiencia gobernadora, así como o cargo anexo de Capitán Xeral do Perú. Culminado o seu mandato, Juan Fernández de Boán foi designado para ocupar una praza no Consello de Indias (27 de xaneiro de 1613). Porén, retornou a España e tomou posesión do seu novo cargo o 17 de decembro de 1614, no que se mantivo ata a súa morte. Conseguiu unha grande fortuna en Perú, á que engadiu a da súa única esposa lexítima, Damiana de Landecho y Asolo, distinguida dama criolla coa que se casou en Lima en 1601. Así engrandeceu a súa linaxe, que arraigou en Amoeiro e Galicia.
Tamén inxustamente esquecido, ou a lo menos falto do recoñecemento que merece, é o perfil do senlleiro arabista D. Darío Cabanelas Rodríguez (Trasalba, 1916-1992). De feito, é sinalado como un dos máis importantes arabistas do século 20. Estudou filosofía e teoloxía en Santiago de Compostela, e foi ordenado sacerdote da Orde Franciscana en 1940. A partires de 1942 dirixiu os seus estudos cara a titulación de Filosofía e Humanidades, Sección de Filoloxía Semiótica, na Universidade Central (coñecida actualmente como Universidade Complutense de Madrid), onde obtivo un Premio Extraordinario. Doutorouse en 1948 coa tese “Juan de Segovia y el problema islámico”, coa que tamén gañou un premio especial de doutoramento. Foi bolseiro e colaborador de Miguel Asín Palacios do Instituto Español do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ensinou lingua e literatura árabe na Universidade Complutense e, dende 1955, na de Granada. Foi discípulo de Emilio García Gómez, que formou a moitos profesionais de distintas xeracións durante máis de 40 anos.
As súas contribucións son moi extensas: escribiu más de 100 traballos entre libros, artigos, informes e revisións bibliográficas, dirixiu 18 teses de doutoramento, participou en 26 masters, etc., e impartiu conferencias sobre o mundo árabe e islámico a nivel nacional e internacional. Especializouse en lingüística árabe, literatura e filosofía, versando os seus traballos máis senlleiros sobre Ibn Sida e Alonso del Castillo. Posteriormente, ocupou altos cargos e dignidades académicas, tales como o de Deán da Facultade de Filosofía e Humanidades de Granada (1965-1968), Director do Departamento de Arábe en Granada (1972-1987), Director da Escola de Estudos Árabes do CSIC en Granada (1972-1984), Membresía da Real Academia de Belas Artes de Granada (1977-1992), Presidente da Comisión de Publicacións do Consello da Alhambra e do Generalife (1978-1985), Membro “ad honorem” do Instituto de Cooperación co Mundo Árabe do Ministerio de Asuntos Exteriores de España (1979-1982), entre outros. Xubilouse en 1985, e foi nomeado Profesor Emérito da Universidade de Granada en 1987.
Antón Pulido Nóvoa, nado en Bóveda de Amoeiro, Vigués Distinguido en 2007, Fillo Predilecto de Amoeiro en 2008 e Premio Trasalba 2015, é un dos pintores máis sobranceiros do panorama galego. Cursou Estudos de Belas Artes na Escola Superior San Jorge (Barcelona), e foi durante moitos anos profesor de debuxo e artes plásticas no Instituto Álvaro Cunqueiro en Vigo e, así como Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e Director do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela).
A súa primeira exposición tivo lugar no Ateneo de Ourense, en 1971, participando dende entón en máis de 50 exposicións individuais e colectivas en galegas, estatais e internacionais. En Cataluña, no ano 1987, representou a Galicia como invitado pola Generalitat, xunto a artistas da talla de Antonio Saura, García Berlanga, César Manrique e Baltasar Porcel, no marco dos «Encuentros de Antropología y diversidad hispánica». Editou tres carpetas de gravados, tituladas «O home», «O abrazo» e «A espera» nos anos 1978, 1979 e 1981. Exposicións destacadas de talla internacional son as que realizou en Taiwan (Galería “Jia Art Gallery” de Taipei, 2008), Beijing (Feira BEIJING FAIR ART, 2008), Shangai (Feira SHANGHAI ART FAIR, 2009), Seul (Feira KIAF/09 SEUL, 2009; Galería MYOUNG GALLERY , 2010; Feira SOAF SEUL, 2010) e Roma (Embaixada de Exipto en Roma, 2011; Galería Casiopeia, 2013).
Tamén está vinculado a proxectos editoriais, deseñando a colección Artistas Galegos da editorial Nova Galicia Edicións e portadas de libros da editorial «Ir Indo», reproducindo nalgunhas delas cadros de seu exhibidos en mostras relevantes. Na actualidade, a súa obra, asociable ás escolas xermanas de postguerra con modos fauvistas, ocupa lugares preferentes en museos e coleccións nacionais e internacionais. Apaixonado das redes sociais, avanza novidades da súa obra no seu propio Facebook.
Na historia de Amoeiro existen máis figuras que serven de bandeira do concello, e esta é só unha escolma, polo que convidamos a que fagan aportacións a veciñanza e os estudosos, co obxecto de seguir enriquecendo o noso acervo municipal. Algunhas só a historia poderá recuperalas, outras incorporaranse á atalaia de próceres de Amoeiro no futuro, e todas dignificarán a nosa terra.