Persoeiros da Corporación de Amoeiro durante a II República

[vc_row][vc_column][vc_single_image image=»1302″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_border_circle» title=»CASTOR SÁNCHEZ MARTÍNEZ: PRIMEIRO ALCALDE DA DEMOCRACIA DE AMOEIRO»][vc_column_text]Quen sería o primeiro alcalde de democracia en Amoeiro naceu á unha da madrugada do 8 de xaneiro de 1894, no domicilio familiar de Xesteira, na parroquia de Parada de Amoeiro (rexistro municipal de nacementos, Tomo 16, páx. 173V). Os seus pais foron Benito Sánchez Dopazo (labrego e veciño de Parada) e Consuelo Martínez, natural de Armeses (ama de casa e veciña de dita poboación de Maside). Pola liña paterna, o seu avó -Antonio Sánchez- procedía de Cudeiro (daquela distrito de Canedo, hoxe concello de Ourense), era labrego e estaba casado con Inés Dopazo, que tamén era labrega e ocupaba o mesmo domicilio; pola liña materna, o seu avó era José María e Martínez, natural de San Martín de Rebordelo e pertencente á familia dos “Cañón do Pau” no concello pontevedrés de Cotobade, era veciño de Armeses (Maside) e estaba casado con Manuela Gómez, labrega e habitando o mesmo domicilio do concello de Maside. Castor era o segundo de tres irmáns, sendo a maior María Remedios (nada o 11 de setembro de 1892) e a máis nova Teresa (nada o nove de febreiro de 1901).

Castor chegou á vida nun Amoeiro de fins do século XIX que contaba cun censo de 4.667 persoas, as máis delas labregas, e moi poucas con terras de seu suficientes para sobrevivir, polo que recorrían a terreos prestados ou eran escravas do foro, como viña acontecendo dende tempos seculares.

IGREXA DE ARMESES LATERAL

Igrexa de Armeses (Maside)

Nada se sabe da súa infancia e mocidade a día de hoxe, coa excepción da súa reacción ante unha insinuación aparecida en El Radical na que, parafraseando a Lamas Carvajal, dicíase que todos os alcaldes eran burros e larpeiros, á que respondeu no xornal La Lucha o 26 de decembro de 1931 dicindo: “En cuanto al primer punto he de estar conforme  y hacerme acreedor de tal término y creo que nada extraño será para un obrero que no tuvo más colegio que desde la escuela primaria de su aldea hasta la humilde profesión de picapedrero…”. A escasa formación de Castor era a común na poboación labrega daquela, mais o oficio de canteiro denota certa cualificación e maiores posibilidades de promoción social que os traballos do agro; quizás, o seu avó de Armeses con raíces na terra pontevedresa de canteiros de Cotobade podería explicar a inclinación profesional de Castor.

Basilio Álvarez

Basilio Álvarez

O agrarismo de fins do s. XIX e comezos do s. XX alicerza as bases ideolóxicas do futuro alcalde de Amoeiro. Con dezaoito anos era un fervente admirador do crego Basilio Álvarez, ó que tamén seguía o seu pai Benito Sánchez Dopazo, quen foi presidente da primeira asociación agraria amoeirense, que se radicou primeiro no cruce da Casa-Vella alugada a Manuel Gutiérrez e despois na casa dos Salgado en Portecelos. Segundo relata o fillo de Castor –José Benito Sánchez Chao-, o noso protagonista acompañou ó seu pai nas reunións cos agraristas de Amoeiro, e a Basilio Álvarez nas campañas de axitación que desenvolveu na provincia. Como exemplo de isto serva o relatado por José Benito na súa obra Las alimañas de la noche (manuscrito non publicado):

“En las Charlas que se daban por toda la Bisbarra de los Chaos desde Coles, Peroxa, Villamarín y Cea hasta las Bocas-Ribeiras, para que los vecinos se uniesen para redimir las rentas, foros y subforos: Un buen día en el pueblo de Portecelos entre Benito Sánchez y Castor Sánchez le decían a todos los vecinos que se trataran de unir porque la tierra tenía que ser de quien la trabajase.

La señora condesa que estaba en el balcón, al oír aquella frase, parece ser que se cayó para atrás desmayada, ella que no era de esta clase no pensó en que fuera recogida del arroyo, porque ésta era la hija natural de aquella sirvienta que hubo en la dicha casa de uno de los Miranda en Portecelos”.

Dous anos despois, en 1914, crease a “Acción Gallega” de Amoeiro da man do canteiro X. González “Meco”, o liberal-agrario R. Rodríguez e o socialista Castor Sánchez Martínez, que organizarán o asociacionismo agrario local coa axuda do avogado Juan Carid.

Probablemente, foran as dificultades na conxuntura económica o que empuxou a que Castor emigrara a Asturias, de onde retornou en 1915, ó pouco de marchar. Mais esa viaxe marcouno politicamente pois empapouse de socialismo e afiliouse ó PSOE ó regresar ese mesmo ano.

En suma, agrarismo e socialismo constitúen a base do pensamento político de Castor, que se enriquecería posteriormente co republicanismo.

Ós 24 anos, casou con Rudesinda Chao González, de 25 anos, en plenas festas patronais do 15 de agosto de 1918. O pai de Rudesinda (José Chao) era de Souto de Amoeiro, e a nai (María González) de Os Garabatos, na veciña parroquia amoeirense de Cornoces.

O matrimonio tivo 10 descendentes, dos que só permanecería con vida na actualidade Amadeo (descoñécese a súa localización; tería 85 anos de idade). A maior foi Consuelo, e o seguinte José Benito (a quen pode considerarse como o auténtico cronista de Amoeiro). Tres morreron precozmente: Arsenia en 1925, cando contaba 9 meses, a causa dunha grastroenteritis; pola mesma causa faleceu Castor en 1929, con 12 meses de idade; e, finalmente, finou Berta, ós 8 meses de idade, debido a unha tubaritis aguda (o 12 de outubro de 1936, só 2 meses despois de que asasinaran ó seu pai Castor Sánchez Martínez); tamén constan os falecementos de Luz Mercedes e de Arsenio, e confirmase, segundo información de José (neto de Castor e fillo de José Benito), o pasamento de Luísa Libertad (que aconteceu ós 18 anos de idade) e da segunda filla a quen tamén se chamou Arsenia.

O 12 de xaneiro de 1919 nace a súa primeira filla –Consuelo-, e ese mesmo ano vese obrigado a emigrar cara Francia avisado dos perigos que podería ocasionarlle a súa actividade como agrarista.

O descrédito do movemento agrarista de Basilio Álvarez, xunto ó auxe do socialismo, empurraron a Castor a transformar a antiga agraria de Parada na primeira sociedade obreira socialista constituída en Amoeiro, que se denominou como “Sociedad de Profesiones, Oficios varios y Obreros en General de Parada”, cuxa data fundacional foi o 20 de decembro de 1929, ingresando directamente na UGT, tal e como informa o xornal El Socialista. A súa directiva estaba integrada por: Castor Iglesias (presidente), Ramón Caride (vicepresidente), Pajero Caride (secretario), Antonio Parga (vicesecretario), Baldomero Gómez (contador), Juan Manuel Rúas (tesoureiro), Amadeo González, Benjamín Gómez e Santiago Vázquez (vocais).

A Agrupación Socialista de Amoeiro será a seguinte en ver a luz na comarca dos Chaos, constituíndose e ingresando no PSOE en abril de 1930 da man de Francisco Seco Lerunde (presidente), Amadeo González Sánchez (vicepresidente), Castor Sánchez Martínez (secretario), Ramón Caride González (contador-depositario), José Sarmiento Sarmiento, Francisco Dopazo Rodríguez e Marcial Vázquez (vocais).

O pacto entre socialistas e republicanos foi seguinte ingrediente do futuro goberno de Amoeiro, e tamén se engadiu en xaneiro de 1930, segundo o escrito por Castor en La República o 1 de novembro dese ano:

“…los elementos izquierdistas que lucharon en el agrarismo por cuanto fuese progreso y justicia sin caer en los manejos caciquiles soportaron 7 años de desgracia (…). En enero de 1930 se organizaron en una entidad republicana coaligada con los socialistas en política municipal para luchas contra los renacidos bugallistas y el cacique local, que en Amoeiro cometieron siempre toda suerte de vilipendios y canalladas”.

Xa na campaña cara as eleccións de 1931, o punto culminante dos actos de propaganda da conxunción tivo lugar o domingo 5 de abril no mitin do campo da feira de Parada de Amoeiro no que, ademais de Castor, dirixíronse ós congregados o mestre Enrique Sabas, o secretario de Acción Republicana Miguel Carmona, o comunista Manuel Gómez del Valle, o socialista Manuel Suárez Castro e o avogado ferrolán e futuro candidato ás Cortes polo PSOE Alfonso Quintana. O xornal La Zarpa recollía o acto, subliñando a asistencia de 3000 persoas, 700 das cales  estaban na estrada agardando o paso dos coches dos oradores.

Manuel Suárez Castro

Manuel Suárez Castro

Coa proclamación da República celebráronse eleccións o domingo 31 de maio de 1931, ás que non se presentaron nin os bugallistas nin os liberal-upetistas, ó sentirse orfos de respaldos dende o poder central. O resultado foi unha corporación integrada por 8 socialistas e 4 republicanos que cambiaba drasticamente o estilo de gobernos conservadores que ata daquela rexeran o consistorio. Esta era a corporación: Castor Sánchez Martínez (alcalde), Manuel Vázquez González (1º tenente alcalde), Benigno González González (2º tenente alcalde) e os vogais Maximino Sarmiento Gómez, Agustín Rivera Suárez, Modesto Santos Pulido, José María González González, Wenceslao Corral González, Antonio Otero Sarmiento, Francisco Dopazo Rodríguez, Marcial Vázquez Vázquez e Manuel González Paradela.

Eles comezaron unha intensa labor de xestión municipal, cuxo primeiro eixo foi a creación e mellora de infraestruturas e equipamentos municipais , o segundo incidiu na mellora e construción de escolas, cantinas e vivendas para mestres, e o terceiro dedicouse a sanear as contas e a moralizar a actividade dos funcionarios e empregados públicos. Para coñecer a magnitude dos logros acadados, lease o informe dos instrutores acreditando a honra concedida ós membros desta corporación.

1-02-128

Informe dos Instrutores

Sen embargo, os acontecementos revolucionarios de outubro de 1934, e sobre todo os sucesos de Portosancho de agosto dese ano -nos que houbo enfrontamentos entre membros dos sindicatos de Amoeiro e de Parada que competían por traballar na vía férrea-, conduciron á destitución de Castor que figura na acta da sesión do 21 de outubro.

En 1935, Castor reincorpórase como concelleiro despois do seu desterro en Pontevedra, e cos resultados das eleccións de febreiro de 1936 –que conducen á vitoria das esquerdas e a repor na alcaldía ós alcaldes, concelleiros e corporacións cesados en 1933 e 1934- reincorporase como alcalde de Amoeiro por votación unánime da corporación (tal e como se recolle na acta da sesión plenaria extraordinaria celebrada o 24 de febreiro de 1936).

A conflitividade social daqueles momentos requiriu de rápidas accións da alcaldía para evitar novos enfrontamentos nas obras da vía férrea ou accións anticlericais. Os tempos eran convulsos, mais todas esas accións non impediron o que aconteceu despois do golpe de estado do 18 de xullo de 1936.

Membros do exército sublevado e falanxistas comezaron a chegar a Amoeiro. Ás 00:30 horas do 21 de xullo entra un camión con 8 gardas e 15 falanxistas, retornando a Ourense ó pouco tempo por medo a sufrir unha emboscada. Nos días seguintes as incursións militares conseguen dispersar a afíns de esquerdas e realizan numerosos rexistros e detencións, mentres que os falanxistas acaban por ter o control absoluto da situación. Así comeza unha brutal represión con a lo menos 10 asasinados e numerosas persoas detidas e encarceradas.

PAZO DE MIRANDA

Casa Grande de Parada

Castor Sánchez Martínez permaneceu agochado dende poucas horas despois do golpe de Estado. Primeiro estivo nunha casa-taberna propiedade do concelleiro Antonio Otero Sarmiento en Liñares (Rouzós), e despois en Souto de Amoeiro na casa do seu sogro José Chao Nóvoa, atopándose practicamente inhabilitado para fuxir cara Portugal a causa dunha ciática, a pesares de contar cun vehículo para tentalo. O 23 de agosto foi descuberto e denunciado ós falanxistas, que o levaron para a casa grande propiedade de Antonio Miranda en Parada. Tres veciños da parroquia acudiron á casa do cura para interceder por el, mais foi en van. Á maña do día seguinte foi trasladado uns intres á súa casa, para retornar deseguida á citada casa grande. Sentíndose perdido ofreceulle ós que ían a ser seus asasinos irse de Parada, onde deixaba muller e sete fillos, pero de nada valeu. Arredor da unha da madrugada do 25 de agosto, e co pretexto dun traslado ó cárcere de O Carballiño, sacaron a Castor e ó seu amigo Antonio Pérez Gutiérrez da casa grande de Parada; parece que fixeron unha primeira parada na aldea de Maside, que xa era un activo núcleo falanxista antes do golpe de Estado, onde a cúpula local foi informada da súa detención, continuando viaxe cara a vila de Orcellón e, dende alí, aducindo que non cabían no cárcere, pola estra de Ribadavia ata o cruce de Berán, onde ambos foron asasinados e deixados alí os seus corpos.

Deste xeito tan cruel arrebataron a vida a quen só podía ser revolucionario para mellorar as condicións de vida da cidadanía naqueles intres históricos. Tal meta podía tentarse de xeito violento ou apostando polos mecanismos lexitimados pola democracia, como fixo Castor Sánchez Martínez. Como subliñou Julio Prada Rodríguez:

“…o máis notable e fecundo da súa acción política manifestouse durante os anos en que as forzas progresistas camiñaron, mailas diferencias que as separaban, unidas polo común desexo de estender os dereitos da cidadanía a todos os homes e mulleres dun concello que moi ben puidera representar a todos os de Galicia e mesmo do Estado.

E por iso, o mesmo acabou por enfrontarse tanto aos que se negaban a aceptar que os humildes puidesen ter outra recompensa que ó alén, como os que pensaron que o paraíso na terra podía conquistarse con só desposuír dos seus bens aos que nunca coñeceron a miseria. A loita entre esas dúas fes, tan de seu antagónicas, acabaría por levarse por diante a moitos que, como o noso protagonista, creron que era posible conciliar democracia política, reformismo social e benestar común como a fórmula máis axeitada para garantir o progreso da sociedade e a atenuación das desigualdades de clase.

De certo foi, en moitos aspectos, un adiantado ó tempo que lle tocou vivir.”

Artigo redactado a partires do texto “Castor Sánchez Martínez. A conquista da cidadanía” realizado por Julio Prada Rodríguez en 2014, editado pola editorial IR Indo (Vigo) coa colaboración do Concello de Amoeiro. Os rexistros municipais e o manuscrito non publicado “Las alimañas de la noche. Raíces do Chao d’ Amoeiro. Vida y muerte de Castor Sánchez Martínez y otros”, obra de José Benito Sánchez Chao tamén fundamentaron, xunto a outras contribucións, esta publicación na web municipal.[/vc_column_text][/vc_column][/vc_row][vc_row][vc_column][vc_single_image image=»818″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_3d» onclick=»img_link_large» title=»AGUSTÍN RIVERA SUÁREZ (“O INDIANO”) E AS PEGADAS DA REPRESIÓN NO SEU CUÑADO E SOBRIÑA»][vc_column_text]Quen foi un dos representantes de Trasalba no Goberno Municipal de Amoeiro na II República (1931-1936), abriu os ollos á vida ás 10 da mañá do 12 de marzo de 1897 no pobo de Outeiro, desta parroquia amoeirense.

Contrariamente á numerosa composición familiar da época, foi fillo único, sendo o seu pai  Manuel Federico Rivera Pernas e a súa nai Obdulia Suárez Rodríguez, ambos os dous labregos e veciños do referido Outeiro de Trasalba. Tamén eran deste núcleo os dous avós e a avoa materna (Manuel Suárez e Maximina Rodríguez por vía materna, e Luciano Rivera pola paterna), mentres que a avoa paterna –Francisca Pernas- procedía de Sobreira (Concello de Vilamarín).

Como tantos outros daquela época, adaptouse a subsistir baixo as duras condicións da autarquía gandeira e agrícola, aprendeu os rudimentos da albanelería e emigrou ás Américas (de aí o seu alcume de “Indiano”).  En concreto, foise para Cuba cando tiña 20 anos para redimir unha renda de catro ferrados pola que pagaban 40 pesos daquela, e alí aprendeu que tiña dereitos; cando retornou en 1920 xa existían sociedades agrarias para redimir as rendas. En total, fixo catro viaxes á illa americana e a súa conciencia era tal que decidiu integrarse na federación republicano-socialista de Amoeiro cando se asentou en Trasalba: era o ano 1930.

O 7 de novembro de 1921, con 24 anos, casou con Aurora Caride Sarmiento –de 21- natural do veciño núcleo de O Formigueiro, na igrexa de San Pedro de  Trasalba. E desta unión naceron catro fillos e unha filla: Manuel, en 1922; Bernardino, en 1925; José, en 1929; e Antonio e Ramona (de quen se descoñecen datas por non existir actas municipais do seu nacemento). Salvo Manuel -cuxo fillo homónimo reside en Madrid- os demais emigraron ó continente americano, e morreron lonxe da súa terra:  uns en Buenos Aires (Bernardino e Ramona), e outros en Caracas (José e Antonio).

Agustín era alto, forte, humilde e inspiraba confianza, polo que recorrían a el os veciños cando precisaban aconsellarse; así mesmo, foi un home comprometido na loita do agrarismo e concienciado coa necesidade de mellorar as condicións de vida da veciñanza. Probas de elo foron a súa pertenza á UGT de Parada de Amoeiro e integración –como representante do partido socialista- na corporación de Amoeiro. Tan fortes implicacións redundaron no ben da comunidade, pero ocasionáronlle un elevado custe persoal.

O 10 de novembro de 1934 foi detido baixo a acusación de “insurrección” xunto ó resto dos integrantes da UGT de Parada: entre os que se atopaban os seus compañeiros e tamén concelleiros José María González González (“Pucha”) e Francisco Dopazo Rodríguez (“Protasio”), así como o seu cuñado (Benigno González Caride),  outros familiares (como Higinio e David Dopazo Caride, ou Jesús Caride Dopazo) e amigos (José González Sánchez, Francisco Seco Lerumbe, Manuel Crespo Crespo, Santiago Vázquez Rodríguez e Alfonso Pérez Nóvoa).

Tras a auténtica insurrección golpista de xullo de 1936 acontecéronlle a el e os seus compañeiros múltiples e graves adversidades. Sirva de mostra o que lle sucedeu ó seu cuñado e tesoureiro do Concello de Amoeiro, Benigno González Caride, con que compartiu penosidades.

A persecución e fustrigamento de Benigno González Caride e a súa familia

Benigno González Caride

Benigno González Caride

Segundo o relato da filla de Benigno, María González Caride (“Maruja”), que conta 87 anos na actualidade, este foi detido xunto a outros veciños de O Formigueiro (entres os que menciona a Adolfo Dasairas e os irmáns Serafín e Antonio Sarmiento Caride) na ocupación das forzas franquistas, e levado con eles ó Pazo de Miranda en Parada de Amoeiro. Nesas terribles circunstancias difundiuse a nova de que os ían levar a Oseira, polo que as familias dirixíronse con urxencia –a pé e ó lombo de bestas-  cara o mosteiro. Chegadas ó lugar amosáronlle ós presos, mais ningún deles estaba alí, polo que o pavor ante as execucións fíxose patente.

Nunha situación tan desesperada, a “tía” de Maruja (en realidade, Rosa Armada Nóvoa era a súa madrasta, pois a súa nai biolóxica morrera no parto) encomendoulle unha dura tarefa: ir ó Pazo de Miranda a preguntar polo pai.

Non resulta sinxelo situarse na pel dunha nena de apenas 10 anos con tan temible encargo. E máis ó coñecer o que alí pasou. Maruja realiza o seguinte relato:

“Cheguei ó pazo, e as portas estaban abertas. Entrei ó patio, e neso entrou un coche negro do que baixou un home (esta foi a conversa):

  • que fas aquí nena?
  • veño a preguntar polo meu pai
  • quen é?
  • O Benigno
  • O Benigno do Burguete? (pobo da parroquia de Parada de Amoeiro)

O home levouna a un grande salón, e alí había un grande barullo e moitos presos. É este?, lle dixo o home. Ela recoñeceuno, e ó dirixirse cara el Benigno díxolle: vaite para a casa.

Maruja lémbrase, aínda conmocionada, que “salín correndo a todo meter, e cando cheguei á casa o meu pai xa chegara” (o domicilio, atópase a uns 3 quilómetros, en O Formigueiro). O home do coche era Antonio Miranda –anterior alcalde conservador e propietario do pazo tomado polas forzas da falanxe-, e a liberación de Benigno puido deberse á boa relación que mantivera con el, pois fora o seu caseiro e tíñao en alta estima polo seu bo traballo.

Formigueiro

O Formigueiro ó pé dos outeiros de Coto do Corvo

Pero aquilo era só o principio. Tempo despois, collérono uns veciños contrarios a el e levárono a carón dun río en Ribadavia, e xa o tiñan na cima dun penedo para matalo e botalo á auga, mais Maruja di que o salvou no último momento a mediación do Conde de Ramirás, segundo lle contou unha veciña de nome Cristalina. Mais esta segunda “salvación” non minguou as ansias dos falanxistas que unha e outra vez rexistraban a súa casa –furando sacos cunha espada ou meténdoa por baixo das cubas do viño para ver si o atopaban-, e rebuscaban polo monte calquera lugar no que puidera agocharse; e novamente as bágoas afloran na faciana de   Maruja ó recordar como pegaran ó seu irmán de 5 anos (de nome Agustín) para que lles dixera onde se escondía o pai; esta foi a historia que menciona Maruja: “estando co gando no monte, había uns fochos na herba (causados polo peso da que fora segada e amontoada alí con anterioridade), e os falanxistas dicían que se debían a dous homes que se deitaran alí, e pegáronlle ó meu irmanciño para que confesara onde estaba Benigno e o seu acompañante”.

Coto do Corvo exterior

Miradoiro dende os outeiros de Coto do Corvo

Nesas datas, Benigno compartía escondedoiros co seu cuñado Agustín Rivera, e os nenos do pobo xogaban un importante rol como vixías ante a presenza dos falanxistas. Entre os lugares nos que se ocultaron os dous figuran falsos teitos, palleiras, así como fendas e covas dos outeiros de O Formigueiro. Nos outeiros de Soutonovo, que se atopan na parte baixa do pobo, escondérenos Benigno e Agustín, e tamén o fixeron nos outeiros do Coto do Corvo, que están na parte máis alta do Formigueiro (xusto enfronte do castro do mesmo nome); nestes outeiros agocháronse –segundo o relato doutro fuxido (Ángel Iglesias Martínez)- o “Catelo” e o xuíz de Amoeiro Don Alfonso (que logo escapara cara Portugal xunto o concelleiro Francisco Dopazo Rodríguez, tamén alcumado como “Protasio”).  Outros veciños lembran que foron moitos os homes de Parada e Trasalba que se ocultaron nos outeiros do Coto do Corvo, o cal pode reflectir a idiosincrasia socialista e republicana do Formigueiro, e/ou a singularidade desa zona rochosa, cuxa elevación sobre a paisaxe, dificultade de acceso e numerosos ocos facilitan as posibilidades de ocultamento e escape.

Cova Agustín

Outeiros de Soutonovo

A insistente persecución fixo que as posibilidades de agocharse chegaran ó seu límite, polo que a fuxida tornouse como a alternativa máis fiable. Este tamén foi o caso de Benigno, que aproveitou para elo a chegada ó Formigueiro dun amigo que tivera que disimular a súa querenza polo socialismo enrolándose no exército sublevado, e cuxo destino era Guadalajara (chamábase José Cudeiro). Uniuse a el, e ambos marcharon cara esa provincia. Alí estivo Benigno traballando de canteiro nun puebliño ata que rematou a contenda, e logo regresou para a súa casa sen volver a sufrir riscos de morte.

Conta Maruja que ó pouco de retornar Benigno foi á misa do domingo en Trasalba, e que o esperaron á saída os seus perseguidores para darlle a man, que el rexeitou dicíndolles: “non dou a miña man a quen as ten sucias”. Tal escena segue viva na retina de Maruja.

Mais os efectos da represión seguiron presentes. Proba de elo e que acusaron a Benigno de desfalco nas contas municipais durante a súa etapa de tesoureiro, incautándolle unha vaca; na subasta só puxou unha persoa, pois todo o mundo coñecía a inxustiza que se estaba a cometer (existe un expediente ó respecto). Nunha liña semellante, a discriminación feriu á propia persoa de Maruja. Así, nomea con dor como pasou de recibir o cariño de Dona Nieves -mestra da escola de Trasalba durante a república-, a ser ignorada por esta despois de xullo do 36: “nunca máis mirou para min … nin me puña deberes nin se fixaba como os facía. Desatendeume de todo, e non puiden aprender como fixo cos outros por ser filla dun socialista”.

A fuxida de Agustín Rivera Suárez

Cipreses escondite de Agustín

Cipreses da Igrexa de Trasalba

Agustín separouse de Benigno cando este marchou para Guadalajara. E seguiu cambiando de sitios para agocharse. Un dos últimos foron os cipreses da igrexa de Trasalba. Na obra inédita de José Benito Chao, titulada “Las alimañas de la noche”, tamén figura esta igrexa como lugar de protección, e citase que o crego da parroquia –Severino Bermello- tíñalle lista unha cova por si a precisaba para esconderse; neste mesmo texto indícase que cando foi a detelo o sarxento Valeiras da garda civil o cura respondeu por el, evitándolle ir ó cárcere.

Sexa como fose, parece que Agustín escapou en solitario e baixo penosas condicións a Portugal, onde permaneceu ata o fin da guerra. Despois regresou a Outeiro e tratou de adaptarse ás condicións do réxime ditatorial para continuar coa súa vida.

A súa muller finou o 18 de xuño de 1988, e el 8 anos despois (o 20 de xaneiro de 1996), estando ambos soterrados no cemiterio da parroquia de Trasalba. Non existen actas municipais de defunción de ningún dos dous.

De acordo co acordo plenario unánime da Corporación de Amoeiro, Agustín Rivera Suárez recibirá, a titulo póstumo e coa maior solemnidade posible, o Nomeamento de Membro de Honra da Corporación de Amoeiro. A súa sobriña María González Caride será quen recibirá o galardón.

Sirva este recoñecemento simbólico como honra aos seus méritos, así como de reparación dos seus padecementos e dos de tantas vítimas que sufriron –ademais- un dos peores castigos: o ouvido.

Fontes:

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 18, FOLIO 85-V, Nº 3907:

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 25, FOLIO 227, Nº 493.

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 29, FOLIO 159, Nº 315.

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 26, FOLIO 359-V, Nº 719.

ACTA DE MATRIMONIO: TOMO 8, FOLIO 277, Nº 148.

Quintas Ferreño, F.J. (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936). Fundación Luís Tilve: Santiago de Compostela. Testemuños de familiares.

Sánchez Chao, J. B.: Las alimañas de la noche. Manuscrito non publicado.

Soutelo, R. (1999). Los aspectos microsociales de la Emigración gallega a cuba: aproximación a sus consecuencias familiares y sociales en La periferia rural de ourense (1890-1960) a través de los documentos personales. Historia Contemporánea 19, pp. 287-317.

Soutelo, R. Transcrición literal da entrevista realizada a Ángel Iglesias Martínez (Monteasnal). Obra non publicada (28 de novembro de 1990).

Testemuño oral de María González Caride (2014).[/vc_column_text][vc_single_image image=»1424″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_3d» onclick=»img_link_large» title=»FRANCISCO DOPAZO RODRÍGUEZ: EXILIO E CALVARIO COA SÚA DONA LOLA»][vc_column_text]Unha das historias máis ilustrativas da dureza e crueldade da represión franquista é a de Francisco e a súa esposa Dolores.

Francisco Dopazo Rodríguez de mozoEl, ó igual que toda a súa familia, tiña as súas raíces na parroquia amoeirense de Parada. E como tantos outros daqueles tempos era fillo de labregos, sendo o seu pai Protasio Dopazo González e a súa nai Manuela Rodríguez, ambos de Rairo. Os avós paternos –Ramón Dopazo e Bernarda González- eran orixinarios de Fondo de Vila de Parada (núcleo sen habitar na actualidade), mentres que os maternos –Toribio Rodríguez e Nicolasa Dopazo- procedían do antedito Rairo.

Alcumárono co nome do seu pai –Protasio-, e naceu, ás 12 da mañá do 31 de outubro de 1902 no domicilio familiar de Rairo, sendo o último de 6 irmáns (5 homes e unha muller). Sen embargo, só hai datos na actualidade dun deles: en concreto, do segundo por orde de nacemento –José María-, nado o 31 de abril de 1882, ás 16 horas, e finado en A Poboanza o 2 de febreiro de 1946, ás 4:00 horas, a causa dunha enfermidade cardíaca. Do resto, ata a familia actual descoñece incluso a súa existencia, si ben as actas de nacemento municipais deixaron testemuña do seu nome e data de nacemento. Trátase de:

Antonio (nado o 7 de marzo de 1881, ás 5 da mañá)

Tomás (nado o 20 de decembro de 1891, á 1 da tarde)

Concepción (nada o 18 de outubro de 1895, ás 8 da mañá), e

Camilo (nado o 7 de abril de 1899, ás 2 da madrugada).

Os esforzos por localizar o seu rastro resultaron baldíos. Previsiblemente, emigraran cara as Américas, e nunca retornaron á súa terra (é posible, incluso, que ata cambiaran os seus apelidos ó arribar ó novo continente como fixeron tantos tras a guerra civil).

O “Protasio” era unha persoa amable e voluntariosa para cos demais, con carácter, habilidade como carpinteiro e cunha forte implicación nos movementos de esquerdas e sindicais. Presidiu o Sindicato da Madeira da Casa del Pueblo en Ourense, foi concelleiro do partido socialista no Concello de Amoeiro (1931-1936) e deputado na Deputación de Ourense dende o seu nomeamento o 21 de marzo de 1936 ata a última sesión da mesma o 20 de xullo. Entre as propostas coñecidas de Francisco Dopazo na Deputación figura a de solicitar a substitución das “Hermanas de la Caridad” do hospital por persoal civil, aínda que tal medida non foi aceptada ó contar coa oposición, entre outros, do entón Alcalde de Ourense Manuel Suárez.

Francisco coñeceu á que logo sería a súa esposa – María Dolores Villamarín Otero (ou “Lola do Protasio”)- en Parada. Ela nacera en Ourense o 21 de xuño de 1907. Era filla de Manuel Villamarín e Genoveva Otero, vivía na rúa Lepanto e viñera para o cuartel da garda civil de Parada acompañando á súa irmá Teresa, quen casara cun garda chamado Bernardo. Vivindo no cuartel xurdiu a II República, si ben xa facía un ano que Lola se falaba co noso protagonista. O feito de estar no acuartelamento e simpatizar cun activista como “Protasio” non resultaba estraño, xa que a propia Dolores falaba da garda civil como un corpo progresista afastado do que logo sería na ditadura.

Os avances acadados coa loita sindical, as numerosas melloras en estradas, escolas, etc. logradas cunha excelente xestión municipal e os pasos iniciais de Francisco como deputado provincial desapareceron -para sempre, e da noite para a mañá- co golpe de estado do 36. Precisamente, o 20 de xullo dese ano ó mediodía, os militares franquistas tomaban o Goberno Civil mentres se celebraba a sesión plenaria na Deputación de Ourense; e só 3 días despois unha comisión xestora militar fíxose cargo deste organismo provincial.

A partires de entón, a situación tornouse cada vez máis grave. O 25 de xullo de 1936 unha patrulla militar do bando franquista dirixiuse cara Amoeiro e Parada, practicando rexistros, 4 detencións e infrinxindo 6 baixas (que non constan no rexistro de defuncións no concello, descoñecéndose a súa identidade e lugar de soterramento); O 1 de agosto dese ano aparece morto en O Formigueiro un descoñecido do que só se sabe que tiña domicilio en Canedo, e nesa mesma data tamén se atopa morto en Rouzós a Manuel “Naboeira” (veciño de Palmés); catro días despois aparece o cadáver de Enrique Pérez -de Amoeiro- en Fontelo (Canedo), os de dous veciños de Parada de Amoeiro na costa das Estivadas -Modesto Dopazo Caride e Ramón Nóvoa Martínez- e os de Castor Sánchez Martínez (Alcalde de Amoeiro) e o seu amigo Antonio Pérez Gutiérrez (“Pinante”) en Beade. A todo elo hai que engadir as ducias de veciños do concello que foron detidos por aquelas datas.

Neste convulso contexto enmarcase o agochamento e fuxida de “Protasio”. Primeiro escondeuse tras unha parede da casa da súa moza Lola quen, durante ese tempo, recorría a pé os 12 quilómetros dos que dista Ourense para comprarlle o tabaco a Francisco e non espertar sospeitas. Este, despois, escondeuse en minas e pozos secos, levándolle un velliño de comer ás escondidas. A familia sufría por si enfermaba ou o atopaban, e os falanxistas andaban na súa procura chegando a maltratar a un neno para que delatara o seu escondedoiro.

A situación fíxose tan crítica e sen saída que decidiu marchar cara Portugal. Para elo contou cuns amigos de Dolores que tiñan aceas en Untes, pedíndolle que o pasaran na súa barca ó outro lado do río. Así se fixo, e logo marchou a pé ata o país veciño en xullo do 37; segundo o relato de Dolores, no paso a Portugal acompañárono o deputado nacional Alfonso Pazos e o xuíz de Amoeiro que tamén se chamaba Alfonso. Ían case descalzos, as escondidas polo día e andando pola noite, levándolle dous días pasar a fronteira. Estiveron durante meses en Portugal, onde foron finalmente detidos polos gardas e enviados a prisión. Temendo a súa entrega a España remitíronlle unha carta o cónsul británico, e grazas a ela saíron do cárcere ó cabo de 61 días, levándoos directamente a un barco con destino a Francia. Tras facer escala en Casablanca, decidiron desembarcar en Barcelona para axudar ó exército da república. O perderse Cataluña, pasaron a Francia.

Campo de concentración de Argelès sur Mere

Campo de concentración de Argelès sur Mere

No país galo “Protasio” foi incluído no campo de concentración de Argelés sur Mere, que se atopa no departamento de Pirineos Orientais, pertencente á rexión de Languedoc-Rosellón. Este campo instalouse na praia norte, pechándose con arame de espiño e custodiando ós refuxiados algúns xendarmes e, sobre todo, tropas coloniais –marroquís e askaris senegaleses- que os mallaban si trataban de saír. Non había barracóns, latrinas, cociña, enfermaría nin electricidade. En marzo de 1939, o fotógrafo Robert Capa visitou o lugar, describíndoo do seguinte xeito:

“…un inferno sobre a area: os homes sobreviven baixo tendas de fortuna e chozas que ofrecen unha miserable protección contra a area e o vento. Para coroar todo iso, non hai auga potable, senón a auga salobre extraída de buratos cavados na area”.

O trato era infame, e había mortos cada día, enterrándoos nos arredores da zona ou mesmo na propia praia. As zapatillas para andar facíanas con gomas de coches e os calzóns de cachos de saba con cordas. Despois retiraron ós refuxiados que eran carpinteiros, albaneis e canteiros, integrándoos nos Bataillons de Marche (Batallóns de Marcha) cos que construiron hangares e obras de formigón contra os alemáns.

Presa de Pont-de-Salars (Le Barrage)

Presa de Pont-de-Salars (Le Barrage)

Coa invasión xermana de Francia en 1940 Francisco converteuse, de novo, nun fuxido que andou escapado ata que retornou De Gaulle e o país foi liberado. A partires dese momento, o noso veciño de Rairo incorporouse –xunto a outros refuxiados españois- a outro traballo do goberno francés: construír presas para producir electricidade, tarefa a que lle dedicou 11 anos da súa vida. Finalmente, Francisco afincouse en Toulusse e estivo case 20 anos traballando nese departamento e no de Alto Garona.

A odisea vital de Dolores Villamarín Otero

Cafetera-Protasio

Pezas do xogo de café salvadas dos destrozos dos falanxistas

E que lle aconteceu a Dolores Villamarín Otero nese espazo de tempo? Lola foi presa polos falanxistas ós 8 días de que Francisco marchara cara Portugal: o 28 de xuño de 1937, ás 6 da mañá, os falanxistas romperon a porta da súa casa de Rairo (Parada de Amoeiro) e pedíronlle a roupa del, pois querían os seus traxes “a todo meter”; cachearon a casa de arriba a abaixo, romperon todo o que había e roubaron ata os coellos.

 

Pegaron a Dolores, arrastrárona pola cociña adiante, e déronlle tantos golpes que ata lle desfixeron un ombro. Logo levárona en dirección á casa dos Miranda, pero topáronos no camiño co sarxento da garda civil, un soldado e un garda, e isto foi o que a salvou de acabar como a Carola de Bóveda, a quen acababan de violar e asasinar en Tamallancos. Un garda civil e un militar levárona para o cárcere de Ourense, pero dixéronlles que alí non a admitían co seguinte argumento: “no, aquí no cogen mujeres… Si no hizo delito va al gobierno (civil), allí le dirán donde la tienen que entregar: Aquí gente que no hizo daño, no”. En calquera caso, na comisaría de Ourense obraban informes que se referían a ela como unha comunista extremista, que acudía ás manifestacións coa bandeira vermella, erguendo o puño e vestindo tamén desa cor. Sen facerlle xuízo algún, trasladárona o mesmo día para a prisión feminina de Bande,  onde estaban cento e pico mulleres con oito nenos e nenas.

Muller Protasio vella

Dolores Villamarín Otero (Lola)

Lola relata que nove desas mulleres eran da parroquia amoeirense de Bóveda. Tamén había unha -de nome Manuela que vivía en Vilar das Tres- a quen lle mataran un fillo na guerra, lle prenderan a outro e a privaran do máis cativo -de 3 ou 4 anos- ó ser detida e encarcerada; logo matárona apoñéndolle que lle estaba levando periódicos ós fuxidos por medio dos leiteiros. Cita, así mesmo, a presenza dunha da Peroxa, e de moitas da raia (fronteira con Portugal). Lola lémbrase de que saliu do cárcere xunto a unhas 20 ou 30, acompañadas de 10 nenos acabados de nacer coas nais inocentes ás que lles dixo un home “bueno, ide contentas que entrastes hai 9 meses e ahora ides para traer o crío á casa”. A liberación aconteceu o 28 de marzo de 1938.

Ó volver, foise a vivir cunhas tías onde escoitaba a radio clandestina (a emisora Pirenaica). Choraba tódolos días porque oía que en Francia mataban a moitos españois.

Cando liberaron Francia dos alemáns Francisco reclamouna para alá.

Pasou clandestinamente, co corazón nun puño, en xaneiro de 1948 pola fronteira francesa. Ía con outra muller que era de Rairo de Ourense e co seu fillo de 18 anos (o marido dela estaba en Francia). Pagaron 3.000 pesetas cada unha; os cartos da Dolores mandounos a súa familia dende Argentina, tal e como lles pedira por carta Francisco.

Foron en tren ata Venta de Baños, e deitáronse un pouco nunha fonda para coller ó outro día á mañá o tren que ía dende Vigo ata Irún. Baixáronse en San Sebastián onde os esperaba un guía que era de Santa Mariña (Ourense) e xa tiña pasado a moitos ourensáns. Foron con el ata a fronteira de Irún, e atravesárona a pé polo monte. Chovía e nevaba, e Lola sufriu unha grande molladela aínda que levaba dous abrigos postos. Subiron por un camiño ata que atoparon un río e o atravesaron. Logo entraron en San Juan de Luz, pasando por tras da garita dos gardas sobre a punta dos pés. Por fin alcanzaron un hotel, onde as meteron por baixo dunha cociña e lles deron café; o dono díxolles: “Miren, van a descansar, les voy a dar una cama calentita que vienen más mujeres y después ya traen el taxi”. Colleron o taxi e Lola envioulle un telegrama a Francisco , quen contestou rapidamente dicindo “no te muevas de esa dirección que salgo para allá”.

Protasio-e-muller-en-francia

Protasio e Lola en Francia

A espera durou tres días. Lola recordaba o momento do encontro deste xeito: “tanto se me pexaron as pernas que non podía andar, así que o vin todo elegante, viña coa mellor roupa que tiña, co seu maletinciño, co seu paraugas e o seu abrigo…Eu choraba e el temblaba como un flan…”. Ó día seguinte fixeron parada en Poitiers, que estaba destruída pola guerra, e logo chegaron a París. Antes de coller o coche de liña, Lola fíxose unhas fotos para arranxar os papeis no consulado español, e o cónsul púxolle a ocupación de costureira. E así comezaron a súa nova vida. Ó cabo de 4 anos foron para Burdeos, onde traballaron os dous durante 16 anos.

Casaron en Toulouse, o 5 de outubro de 1967, e regresaron á súa casa de Rairo (Parada de Amoeiro) en 1968. Francisco viña retirado, e coa súa pensión viviron, que se non -como dicía Lola- morrían de fame na casa dos pais de Francisco.

Libro de familia aberto

Rexistro da voda no libro de familia

Libro Familia Protasio Portada

Portada do libro de familia

Francisco finou no seu domicilio de Rairo o 4 de novembro de 1980 a causa de “insuficiencia cardíaca-enfisema cardíaca”. Dolores morreu no hospital de Piñor (Concello de Barbadás) o 11 de xuño de 1991, ás 10 horas, á causa dunha insuficiencia respiratoria. Ambos están soterrados no cemiterio parroquial de Parada de Amoeiro.

Francisco Dopazo Rodríguez coa muller de vellos

Protasio e Lola de volta en Amoeiro

“Protasio” e Lola non tiveron descendencia, e nos últimos anos da súa vida recibiron os coidados de María Raquel García García, a quen lle deixaron a casa na que habita agora coa súa familia. Ela será quen reciba o 15 de xuño de 2014 o recoñecemento, a título póstumo, que Francisco e Dolores nunca recibiron en vida.

Fontes:

Prada Rodríguez, J. (2011). “As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945). En Juana López, J. e Prada Rodríguez, J. (dirs.) As mulleres en Galicia no século XX. Ir Indo: Vigo.

Prada Rodríguez, J. (2006). De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense 1934-1939. Ariel: Barcelona.

Soutelo Vázquez, R. (2013). “Usos didácticos da memoria social da represión franquista: a Lola do Protasio, resistente, exiliada e retornada en Amoeiro”. En Domínguez Alberte, X.C. (Ed.), Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña (pp. 241-251). Concello de Pobra de Trives: Ourense.

Soutelo Vázquez, R. (1990). Entrevista a Dolores Villamarín Otero. Viúva de Francisco Dopazo Dopazo “Protasio”. Transcrición literal non publicada.

Actas de Nacementos do Concello de Amoeiro:

  • Tomo 11, folio 128, nº 1499
  • Tomo 12, folio 86-V, nº 1495
  • Tomo 15, folio 143-V, nº 3160
  • Tomo 17, folio 359, nº 3699
  • Tomo 19, folio 123-V, nº 4221
  • Tomo 21, Folio 94, nº 181

Actas de Defuncións do Concello de Amoeiro:

  • Tomo 30, folio 136, nº 30
  • Tomo 26, folio 134v, nº 266
  • Tomo 31, folio 261, nº 127

Libro de Matrimonio de Francisco Dopazo Caride e Dolores Villamarín Otero

Testemuño de María Raquel García García, coidadora de Francisco Dopazo Rodríguez e María Dolores Villamarín Otero durante os últimos anos destes (2014).

Rexistro de defuncións da funeraria “Los Ángeles” (Amoeiro)[/vc_column_text][vc_single_image image=»1432″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_3d» onclick=»img_link_large» title=»ANTONIO OTERO SARMIENTO (O «LIGERO«)»][vc_column_text]Antonio-Otero-Sarmiento-1Antonio Otero Sarmiento naceu o 10 de novembro de 1896, ás 7 da mañá, en Liñares de Rouzós (Amoeiro). Procedía dunha familia de labregos, sendo o seu pai –Cipriano Otero- do mesmo lugar, e a súa nai –Rosa Sarmiento- do pobo anexo de Cerval.

El tamén cultivou o campo e criou o gando, sendo ademais un bo carpinteiro. Como tantos fillos desta terra, emigrou a un lugar común naquela época: Cuba. Alí estivo en dúas ocasións, unha de solteiro e outra tras casarse con María Aurora Abellás López, que era natural da veciña Cimadevila de Rouzós. Tivo éxito na illa americana, e cos aforros mercou tanto capital que pasou a ser un dos maiores propietarios na parroquia de Abruciños. Á súa volta retomou a ocupación de labrego (gustaba de arar e podar as cepas), e tamén a de tratante de gando, acudindo as múltiples feiras que daquela existían.

Era unha persoa recta, nobre e servicial a quen sempre acudían os veciños cando lles cumpría unha escada ou ferramentas. De complexión delgada, vestía con elegancia, levando a camisa pechada ata o último botón tanto en verán como no inverno, engadíndolle garabata e chaqueta si saía da casa. Aínda que era moi aforrador, nas súas sobrias costumes non podía faltar  o café de pota e un cigarro despois de xantar. Pero un dos seus trazos máis característicos era o gusto por andar, e facía andainas tan longas, tan rápidas e con tanta frecuencia que o alcumaron como “O ligero”. Entre os lugares comúns das súas visitas había pobos, eidos e muíños, acudindo ós do regato do Formigueiro, así como ós do Barbantiño en Mandrás e Cea cando escaseaba a auga no verán. Outra das súas afeccións era a lectura, estando subscrito a diversos periódicos o cal lle permitiu –a pesares do seu escaso bagaxe escolar- adquirir unha notable facilidade de palabra que favoreceu a súa labor política.

A relixiosidade era outra das notas persoais que distinguían a Antonio. Neste senso, opúxose como concelleiro á medida de prohibir a circulación de viáticos ós fogares para realizar a extremaunción a persoas en perigo de morte. Tal actitude granxeoulle a simpatía do clero e, finalmente, esquivar a represión; en concreto, foi o cura Don Tomás quen facilitou que se entregara sen peores consecuencias, xa que contaba co beneplácito da Igrexa.

Antonio-Otero-Sarmiento-2A pesares de entregarse, Antonio mantivo actividades clandestinas referidas ó manexo de pasquíns e á protección dos fuxidos. Fronte a súa casa -no domicilio dun familiar de Antonio (de nome Rosa)- estivo escondido durante anos un veciño chamado Homero. Nese longo espazo temporal, estivo agochado baixo unha cama e sempre coa escopeta ó seu carón. Só Antonio e Rosa sabían que estaba alí, e a dona de Homero –que se chamaba Obdulia- seguiu a vivir no domicilio familiar de Cornoces. En tal encerro finou a nai de Homero, e este -presa da dor e a rabia- saíu de noite ó monte para poder escoitar, a lo menos, as persoas que acudían a ó enterro. A pesares do terror da época, a poboación non delataba ós que trataban de ocultarse da represión. Proba de elo é que un neno entrou un día á casa e viu a Homero, e cando llo contou ós seus pais estes dixéronlle: “non se che ocorra contarllo a ninguén”.

Mais a represión foi cruel para moitos. Ese foi o caso do Alcalde de Amoeiro, Castor Sánchez Martínez, excelente persoa para todos os que o coñeceron. De feito, o respectado e poderoso Cachafeiro (responsable da construción de moitas estradas, incluídas as de Amoeiro) soubo que detiveran a Castor e tratou de impedir que o asasinaran, pero non chegou a tempo. Tal foi a historia que deixou contada Antonio Otero Sarmiento

Tras o fin da democracia, e esquecido o sono de transformar Amoeiro, Antonio dedicouse ó campo e as rutinas permitidas daquela, aínda que nunca se apartou de el o medo. A súa dona finou o 11 de marzo de 1967 a causa dunha enfermidade dexenerativa, e el –enfermo de diabetes- faleceu 15 anos despois (o 21 de marzo de 1983 por mor dunha trombose cerebral). Ambos están soterrados no cemiterio parroquial de Rouzós. O seu xa finado fillo Juan entregouse as tarefas do agro, e a súa filla Rosa foi mestra en Castrelo de Miño, Armariz e outros lugares do contorno, vivindo na actualidade en Vigo. Ela será quen reciba o recoñecemento que o seu pai mereceu en vida, e a quen este municipio tanta gratitude debe.

Fontes:

Libro de Actas de Defuncións: Tomo 30, páx. 204, nº 8 e Tomo 29, páx. 48, nº 12.

Libro de Actas de Nacementos, Tomo 18 páx. 45V.

Las alimañas de la noche. Manuscrito non publicado, obra de José Benito Sánchez Chao (fillo do Alcalde de Amoeiro Castor Sánchez Martínez).

Declaracións da súa nora Aurora Abellás Requejo, así como do seu neto Juan Antonio Otero Abellás (2014).[/vc_column_text][/vc_column][/vc_row][vc_row][vc_column][vc_single_image image=»1439″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_3d» onclick=»img_link_large» title=»MODESTO SANTOS PULIDOS E AS TRÁXICAS PEGADAS DA REPRESIÓN NA PARROQUIA DE BÓVEDA»][vc_column_text]05Quen fora alcalde pedáneo de Bóveda e representante desta parroquia na Corporación democrática de Amoeiro durante a Segunda República (1931-1936), naceu o 22 de abril de 1889 no núcleo de O Barrio (pertencente á antedita freguesía). Era un xenuíno representante do lugar, pois todos os seus antecesores eran de Bóveda: tal era o caso dos pais (Pedro Santos Araújo e Carmen Pulido Álvarez), dos avós paternos (Ángel Santos e Benita Araújo) e dos  maternos (Manuel Pulido e Joaquina Álvarez). Compartía, así mesmo, coa familia a dedicación ás tarefas do agro, que era o común da época.

De acordo co acostumado daquela, formou parte dunha familia numerosa, que neste caso chegou a contar cun total de 12 fillos. Non obstante, a negra tónica da mortalidade infantil de entón tamén se viu reflectida neste núcleo familiar, pois cinco irmáns faleceron a curta idade:

  • Carlos e Flores: ambos finaron cun ano e pola mesma causa (febre catarral), falecendo o primeiro o 4 de xullo de 1896, e a segunda o 23 de novembro de 1901.
  • Cándido: faleceu o 4 de setembro de 1904, con 12 días de vida, por mor dunha disentería.
  • Manuel: morreu o 26 de xullo de 1905 -con seis anos de idade- debido a un catarro bronquial.
  • María: finou con só 15 días de vida, sen especificarse causa.

 

Os seis restantes -Teresa, José, Balbina, María Concepción, Antonio e María Benita- acadaron a idade adulta.

O día 11 de xaneiro de 1915, con 26 anos de idade, casou na freguesía de San Pelaio de Bóveda con María Teresa Álvarez Domínguez, de 27 anos, tamén orixinaria da parroquia de Bóveda (en concreto, tanto o seu pai -Antonio Álvarez Domínguez- como á súa nai -Águeda Domínguez- proviñan do núcleo de O Priorato).

Deste matrimonio naceron cinco fillas: Orbita (nada en 1916, e finada en 1937 a causa de asfixia), Modesta (nada en 1917), Lidia (nada en 1919), Laura (nada en 1921) e Carmen (nada en 1924).

Modesto era labrego e xastre, e segundo o artigo de Soutelo (1999) figuraba entre os amoeirenses que emigraran a Cuba; este movemento migratorio era habitual naquela era de penurias económicas, sendo tamén realizado por outros compañeiros de Corporación, como Antonio Otero Sarmiento ou Agustín Rivera Suárez (que foi 4 veces á illa). Nos rexistros deste traballo tamén figura Juan Antonio Dopazo, veciño de Bóveda de profesión fontaneiro e cualificado como propagandista agrario de filiación comunista libertaria, que emigrara a Uruguai, e de quen falaremos máis adiante.

O noso protagonista principal era coñecido por dous alcumes, “O modesto de Barrio” (que era o pobo de Bóveda no que residía) e “O Páxaro” (“herdado” da familia da súa muller pola afección dos mesmos a asubiar). En canto á súa aparencia física, guiámonos pola descrición actual realizada polo matrimonio formado por Ignacio Álvarez Rodríguez e Adelina Fernández Bayón (veciños de Bóveda de 93 e 92 anos), que se refiren a el como un home alto e forte, que coxeaba dunha perna, con carácter –aínda que sen meterse con ninguén- e moi amigo do Castor (Alcalde de Amoeiro).

06

Modesto con compañeiros que len o xornal Tierra y Libertad

Este persoeiro de orixe humilde e emigrante implicouse decididamente na mellora das circunstancias vitais do municipio nos anos 30 do pasado século. Neste senso, presidiu a Sociedad de Agricultores de Bóveda, de filiación ugetista e creada –ó igual que a constituída na parroquia de Trasalba- tres anos despois da primeira do municipio (que foi a de Parada, en 1929). Na sociedade de Bóveda acompañouno Valentín Fernández como secretario. Así mesmo, participou activamente no desenvolvemento do seu pobo, tanto a través das súas labores como pedáneo e ó fronte da construción da estrada Cambeo-Ponte dos Frades como mediante as súas responsabilidades na Corporación de Amoeiro. Neste último caso, foi nomeado Delegado do Consello Local de Primeiro Ensino (Acta da Sesión Plenaria do 22 de novembro de 1931), se ben renunciou desta función posteriormente (Acta da Sesión Plenaria do 29 de xaneiro de 1933). O interese de Modesto pola cultura e modernización do municipio reflíctese na súa proposta de adquisición dun aparato de radio para cada parroquia, na que sinalaba que se trataba de “una exigencia de tipo recreativo así como de expansión cultural”; esta iniciativa foi acollida con simpatía pola Corporación e deixouse “sobre la mesa” (Acta da Sesión Plenaria do 9 de agosto de 1934). Outra das probas do compromiso co cambio social e político deste concelleiro do “Barrio” foi a súa elección entre os nomeados de Amoeiro para recibir ó Presidente da II República o día 8 de agosto en Ourense (foron compañeiros del ese día os seguintes concelleiros: Antonio Otero Sarmiento, Wenceslao Corral González, José María González González, Marcial Vázquez Vázquez, Manuel Vázquez González, coa presidencia de Castor Sánchez Martínez).

Fin da república, dos sonos democráticos e comezo das persecucións

As inquedanzas de desenrolo, mellora da educación e das condicións laborais, así como de democracia, truncáronse co golpe de estado de xullo do 36, sendo duramente lesivas cos representantes das institucións lexítimas e os seus simpatizantes. Nos primeiros momentos, foron as forzas paramilitares e falanxistas as que tomaron a iniciativa mediante a imposición do terror. Así lembra Adelina Fernández a detención do seu pai –Pelayo Fernández Soto-, de Benito Araújo e de Modesto Santos cando aínda estaban a construír a estrada Cambeo-Ponte dos Frades:

“Viñeron os falanxistas de Amoeiro e prendéronos mentres facían a carretera entre Cambeo e Ponte dos Frades, á altura de A Laxa…e leváronos ó cuartel da Guardia Civil de Amoeiro…seguro que foi por capricho de algún de Bóveda… (cando ían de Bóveda para Amoeiro) cada pouco paraban e decían: parade ahí, que é o sitio propio para matalos…era para meterlles medo. O Pita de Amoeiro (un amigo deles de Amoeiro que tiña unha panadería en Cambeo) enterouse, e foi ó cuartel, e gracias a el soltaronos e foron para del, xa que tiñan medo a volver cara as súas de noite.”

A raíz de isto, Modesto comezou a esconderse. Estivo meses nun pozo que tiñan nun eido con moitas cepas no Porto (Bóveda), pero como sospeitaba que xa o descubriran cambiou de escondedoiro cara un toxal en A Carballa (lugar situado no linde entre Bóveda –Amoeiro- e Cambeo – Concello de Coles). Deste xeito, Modesto foi superando a primeira fase de acoso, mais logo chegou a segunda, en 1937, sendo as forzas institucionais (Garda Civil) as encargadas da mesma.

Ignacio e a súa dona Adelina rememoran aquelas circunstancias:

“Viñeron a prendelos a finais de xuño, pois estaban a carretar o centeo do agro do Ceo, e eso era cando se segaba. Viñeron (os gardas) co sargento “Cartón” (ese era o seu alcume, mais descoñece o nome) –que era moi malo-…viñeron a buscar ó meu pai (o antedito Pelaio), ó Benito (xa nomeado), a outro que lle chamaban Paulino do Burgo (Paulino Nóvoa Santos), e un que lle chamaban Miguel de Outeiro (Miguel Bayón López), e outro deste pueblo que lle chaman Benigno González (Domínguez), e outro que lle chaman Gustavo Feijoo (no texto de Parada Rodríguez figura Augusto Feijoo Vázquez) [É asombrosa a memoria deste matrimonio nonaxenario que citou todos os detidos en Bóveda entre o 22 e o 23 de xuño de 1937, co único ouvido de Benito Santos Fernández, tal e como aparecen recollidos nas estatísticas oficiais de detención que aparecen no texto publicado por Prada Rodríguez en 2006].

Prosigue o relato Adelina:

“E chegaron ó Seixo (núcleo da parroquia de Bóveda onde vivía á súa familia), e preguntáronlle á miña irmá María polo papá. E ela díxolles: levou as vacas ó monte, e foi coa mamá a facer borrea aló no Ceo (os proxenitores ían acompañados de dous fillos de curta idade: Ramón e Manolo).

  • Pois hala, ten que vir con nós e enseñarnos o sitio”.

Outro dos fillos que estaba naquel intre na casa –de nome Pelaio, igual que o pai- escoitou a conversa, e foi a todo correr saltando as gábeas polo monte chegando antes que ninguén onda o pai para dicirlle: “Papá escóndase que ven a Guardia Civil a buscalo”.

Mentres, a filla que estaba na casa (María) tivo que ir cos gardas, pero fíxoo de tal xeito que tardaron en chegar (ía devagar e dando rodeos). Cando chegaron ó lugar só quedaban alí as ferramentas, pois Pelaio escapara dicíndolle á familia que ía para Ourense.

Durante o devandito desprazamento, os gardas viron un home ó lonxe que levaba un feixe de herba ó lombo, e preguntaron:

  • Quen é aquel home que vai alí?
  • É o Modesto, díxolles Antonio Soto –da Taberna (núcleo de Bóveda)-, que era un labrego co que tamén se toparon.

Cando colleron ó Modesto, os gardas fixeron que o Antonio Soto cargara co feixe. Logo tamén prenderon ó resto dos xa mencionados, e iso que cando levaron con eles á filla de Benigno González Domínguez –Manuela- esta non paraba de berrar “ay, papaíño, que o queren prender”.

Polo que atinxe ó noso Concelleiro, é o relato de Nicolás Santos (recollido en Soutelo e Sabas, 1994) o que engade información do acontecido cos detidos:

“Prendieron a Modesto Santos Pulido que era concejal y presidente de la sociedad agraria de Bóveda… Deshicieron cuanto teníamos en la casa de la agraria y la incautaron diciendo que no era nuestra. ¡Que la habíamos comprado con el dinero de los socios y emigrantes en Argentina!”.

Pelaio Fernández e o seu fillo

Pelaio e o seu fillo Secundino

En definitiva, Pelaio foi o único que escapou desta primeira batida. Na súa fuxida escondérono na casa dun tal Ramón, que estaba casado cunha irmá do crego de Vilar Das Tres (Concello de Canedo, hoxe Concello de Ourense). Só estivo alí unha noite, e para o outro día o xuíz de Ourense mandou recado de que se entregase, pois non fixera ningún mal e –se non- que o ían a declarar en rebeldía e que as ía “a pasar moradas”. A mediación dun fillo maior de Pelaio chamado Secundino -que traballaba nos xulgados- parece que foi crucial para salvar ó seu pai. Peor sorte correron os demais.

A eliminación dos restos da República e a culminación de vinganzas persoais

Que mal fixeran os que con tanta saña eran perseguidos? Como rememoran Adelina e Ignacio, nada, excepto votar as esquerdas, levar panos vermellos, non ir á misa ou ser obxecto dos caprichos de outros que aproveitaron para vingarse. Moitos afiliáranse ós sindicatos porque era a única forma de atopar traballo nas obras públicas (nomeadamente, na construción das estradas municipais). A maioría non eran revolucionarios, non se metían con ninguén.

Uns perderon a vida ou sufriron terribles condenas; outros, salváronse enrolándose no exército sublevado ou cambiando a chaqueta, como recorda Adelina co célebre dito: “Os que eran comunistas volvéronse requetés, cambiaron a chaqueta do dereito para o revés”.

Pelaio, como xa se dixo, quedou a salvo pola mediación do seu fillo Secundino nos xulgados (e, probablemente, pola intercesión do cura de Castro de Beiro e pode que por mais recomendacións). Polo contrario, os antes sinalados (Modesto Santos Pulido, Benito Santos Fernández, Paulino Nóvoa Santos, Miguel Bayón López e Gustavo Feijoo) foron detidos e privados de liberdade pasando arredor de dous anos no mosteiro cistercense de Oseira. Nese espazo de tempo repetiuse -tódalas semanas- o triste peregrinar dos seus familiares ó “cárcere” do Císter; un dos fillos de Gustavo –Carlos Domínguez Fernández (de 90 anos na actualidade)- garda un grato recordo dos monxes, pois sinala que o trato dado ós presos era bo, e que alí lle daban comida e ata pousada ós familiares (el mesmo pasou alí unha noite, e di que nese sitio “comín por primeira vez na miña vida macarróns”). A labor dos frades de Oseira en defensa dos dereitos dos presos afíns á II República foi recoñecido en 2011 pola Asociación de Amigos da República de Ourense.

Gustavo Feijoo e a súa dona

Gustavo Feijoo e a súa dona

A continuación, foron trasladados ó cárcere de Ourense, da que saían a realizar diversos traballos en función da súa cualificación profesional, retornando pola tarde á prisión. Unha das fillas de Modesto –Carmen- lembra que o traballo do seu pai consistía en coserlle roupa ós curas dos Salesianos. Neste réxime de prisión estiveron arredor dun ano máis os mencionados presos.

A saída do cativerio e da represión física non resultou inocua. Ó dicir de Ignacio e Adelina, algúns dos que prenderan acabaron por falecer a causa dos golpes que levaran, citando entre estes a Miguel de Outeiro (Miguel Bayón López) e Paulino do Burgo (Paulino Nóvoa santos). As secuelas psíquicas de todos eles e das súas familias son escasamente coñecidos por mor do silencio da liberdade imposto.

Pero aínda houbo sucesos máis lutuosos na parroquia amoeirense de Bóveda.

Xunto ós xa citados, houbo outras persoas no punto de mira dos facciosos nos primeiros momentos da sublevación franquista. Entre estas, figura o matrimonio formado por Juan Antonio Dopazo e Carolina Regueiras (“Carola”). Segundo o testemuño de Nicolás Santos –veciño de Bóveda- el era anarcosindicalista, daba mitins co mestre de Amoeiro Rafael Alonso e traballaba en Ourense de fontaneiro. E ela, de grande beleza –como foi subliñado pola súa amiga Dolores Otero Vilamarín (alcumada como a “Lola do Protasio”, esposa do concelleiro de Amoeiro Francisco Dopazo Rodríguez)- compartía ideario de esquerdas co seu marido; no relato dun dos veciños de Bóveda detidos e encarcerados en Oseira -Benito Santos Fernández-, indícase que cantaba a Internacional, e dicía que curas e frailes debían casarse, e non vivir sen mulleres; tamén sinalaba Benito que lucía vestidos vermellos con insignias comunistas. Ambos vivían en Ourense, e acostumaban vir ó seu domicilio de Bóveda (unha fermosa casa coñecida cos apelidos dos seus actuais propietarios: “Os Ferrer”) durante os fins de semana.

Foi esa alternancia de residencia entre Ourense e Bóveda o que os salvou nun primeiro momento das poutas dos facciosos, xa que non estaban na casa cando foron a detelos durante a antedita segunda razzia realizada nesta parroquia (a xa sinalada entre o 22 e o 23 de xuño do 37). Pero pouco durou a situación de excepción. Segundo o relato de Adelina Fernández Bayón, unhas mulleres de Bóveda que tamén tiñan domicilio en Ourense –da familia dos “Capóns”- viron unha triste escena na comisaría ourensán: observaron como lle quitaban o seu pequeno fillo á Carola, que estaba alí detida.

Miguel Bayón cos seus pais e irmán

Miguel Bayón cos seus pais e irmán

O 28 de xuño de 1937 apareceu o corpo nu de Carolina na estrada que une Amoeiro con Tamallancos (pobo do concello de Vilamarín), con dous tiros na testa. A “Lola do Protasio” describiu así a escena: “Mira, tíñache unhas mauciñas, estábache de boca abaixo, cas perniñas esí encima da carretera, unha mauciña blanca coma neve, unha saiña azul marina, porque me tuveron un cacho e entonces inda chorei e díxome o Juanito e o irmao: Non chores, Lola”. Carola fora violada, e o seu corpo deixouse deliberadamente exposto en día de feira, coa finalidade de que se espallara o terror entre a poboación.

Unha mestura de fins políticos e intereses persoais pareceu latexar baixo os motivos deste salvaxe crime. A tal asunto referiuse Benito Santos, cando resaltou que a mataran os japistas de Tamallancos porque o marido de Carolina non lles quixera vender un eido en Bóveda. Tamén sinalou Benito que el e os seus compañeiros foran acusados de festexar a morte de Mola no domicilio de Juan Antonio e Carola, e todo porque lles axudaran á trilla e comeran logo con eles.

Juan Antonio Dopazo López

Postal de Juan Antonio Dopazo á súa adorada Carolina

En tan dramáticas circunstancias, o marido de Carola -Juan Antonio Dopazo- fuxiu do cárcere de Bande, e puido enrolarse sen que o sospeitaran nas filas dos golpistas; o seu verdadeiro obxecto era pasarse ó exército da república, como así fixo en Talavera de la Reina. O 15 de decembro de 1941, en Madrid, foi condenado a 12 anos e 1 día de prisión, mencionándose na sentenza as súas ideas vermellas e o “delito” de “auxilio á rebelión militar”. Tras cumprir esta pena retornou a Ourense e seguiu co seu oficio, pero a vida do seu fillo desgraciouse ó quedar privado de familia, e morreu novo. Juan Antonio mantivo a actividade política na clandestinidade e casou con Carmen Rodríguez sendo el e a súa segunda esposa impulsores do renacemento do socialismo en Ourense.

Outras vítimas da represión en Bóveda foron as anteditas mulleres da familia dos Capóns, que sufriron detención e encarceramento, podendo ser estas ás que se refería a “Lola do Protasio” cando aludía ás mulleres de Bóveda coas que conviviu no penal de Bande. Sexa como fora, as mulleres padeceron tanto como os homes as penalidades do xenocidio sen poder recibir atencións da aterrorizada veciñanza, nin o apoio de países que deberían ter socorrido a esta terra.

Adolfo Rodríguez Ansias, con outros membros da Directiva do ATEO

Adolfo R. Ansias (2º pola esquerda) con outros integrantes de ATEO

Non podemos rematar este relato de Bóveda sen referirnos á emblemática figura do mestre Adolfo Rodríguez Ansias, orixinario de San Cibrao das Viñas (Ourense), de ideoloxía radical-socialista e defensor das liñas pedagóxicas da Institución Libre de Enseñanza. Así mesmo, participou na fundación da ciación e Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO), e administrou a revista desta organización denominada Escuela del Trabajo. Adolfo fora detido o 28 de outubro de 1934 baixo a acusación de inxurias ó réxime, cuxa causa foi sobresida. Contrario a levar ós nenos á igrexa, e identificado como inimigo do caciquismo, converteuse en branco da persecución tras a sublevación de xullo do 36. O seu foi un símbolo de extrema supervivencia, pois conseguiu eludir a súa detención permanecendo agochado nun zulo construído na vivenda dos seus tío en Ourense. O nonaxenario Carlos Domínguez (da familia dos “Capóns” de Bóveda) lembra a fuxida do mestre a través da historia que lle contara un familiar deste: “levárono oculto nun carro de uces dende Bóveda ata á Praza do Ferro” (en galego empréganse –entre outros- os termos urce, breixo, queiruga ou carrasco para aludir a unha especie leñosa utilizada para quentar fogares debido ó seu alto poder calorífico). O profesor Ansias reapareceu, para sorpresa de todos, … ó cabo de 28 anos!!! Adelina aínda esboza un sorriso cando se lembra desta feliz “resurrección”. Tempo despois, foi reposto como docente en  Ferreira , e tamén exerceu de mestre no 1965 en Requiás (Concello de Muiños, Ourense).

Honra a Modesto Santos Pulido e ós mártires de Bóveda

Modesto Santos Pulido faleceu no seu domicilio de Barrio, ás 10 da mañá do día 18 de xaneiro de 1975, a causa dunha parálise con hemorraxia cerebral. A súa dona Teresa finou oito anos despois en Ourense (a morte aconteceu o nove de abril de 1983). Ambos están soterrados no cemiterio parroquial de Bóveda.

Modesto-Santos-Pulido

Modesto Santos Pulido

Arredor de 78 anos despois, a figura deste concelleiro e as das persoas que sufriron a barbarie da represión en Bóveda reciben mención, honra e recoñecemento da Corporación de Amoeiro e, por elo, de todo este municipio. Hoxe xa non están connosco, e non é posible transmitirlles apoio nin restituílas dos padecementos dos que foron vítimas. Mais deben darse a coñecer os feitos para conservar a historia e evitar que se repitan estas traxedias no futuro. Todos temos unha obriga: render homenaxe as súas familias rescatándoas do ouvido ó que foron condenadas, e situándoas nun lugar privilexiado entre os nosos recordos.

Os merecementos de tal homenaxe a Modesto únense ós de Pelaio Fernández, Miguel Bayón López, Gustavo Feijoo, Benito González Domínguez, Paulino Nóvoa Santos, Benito Santos Fernández, Benito Araújo, Juan Antonio Dopazo, Adolfo Rodríguez Ansias, Carolina Regueiras, as mulleres da familia dos “Capóns” e, en suma, ós das familias de todos eles e ás de todas elas.

José Manuel González Santos, neto de Modesto pola vía da súa filla Carmen, será quen reciba -o 15 de xuño de 2014- o Nomeamento de Membro de Honra da Corporación de Amoeiro en representación do seu avó. Sirva este galardón para recoñecer os méritos deste na Corporación que rexeu democraticamente o municipio durante a II República,  así como para honrar a memoria das vítimas da represión ditatorial por tantos esquecidas.

Fontes

ACTA DE NACEMENTO:  TOMO 14, FOLIO 122-V

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 29, FOLIO 359

ACTA DE MATRIMONIO: TOMO 7, FOLIO 444

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 15, FOLIO 175

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 18, FOLIO 63

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 22, FOLIO 104

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 25, FOLIO 99

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 25, FOLIO 188

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 24, FOLIO 161

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 23, FOLIO 80

ACTA DE SESIÓN PLENARIA DE DATA 22 DE NOVEMBRO DE 1931

ACTA DE SESIÓN PLENARIA DE DATA 29 DE XANEIRO DE 1933

ACTA DE SESIÓN PLENARIA DE DATA 9 DE AGOSTO DE 1934

Cid Fernández, X.M. (en prensa). Mestres de Amoeiro na República. Leccións de dignidade que enfureceron aos sublevados franquistas. Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Prada Rodríguez, J. (2006). De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense 1934-1939. Ariel: Barcelona.

Quintas Ferreño, F. J. (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936). Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Quintas Ferreño, F. J. (en prensa): O asociacionismo obreiro e o agrarismo republicano-socialista como principais actores da implantación do socialismo no concello de Amoeiro. Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Sánchez Chao, J. B.: Las alimañas de la noche. Manuscrito non publicado.

Soutelo Vázquez, R. (1999). Los aspectos microsociales de la Emigración gallega a cuba: aproximación a sus consecuencias familiares y sociales en La periferia rural de ourense (1890-1960) a través de los documentos personales. Historia Contemporánea 19, pp. 287-317.

Soutelo Vázquez, R. (en prensa). A memoria da barbarie estaba silenciada arredor de nós. Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Soutelo Vázquez, R. e Varela Sabas, A. (1994). Variaciones en las formas de represión y resistencia popular en el mundo rural ourensano: 1936-1946. Espacio, Tiempo y Forma, Serie V, H.» Contemporánea, t. 7, pp. 613-632.

Testemuñas orais contemporáneas dos seguintes veciños: Ignacio Álvarez Rodríguez, Adelina Fernández Bayón, Carmen Santos Álvarez e Carlos Domínguez Fernández (2014).[/vc_column_text][vc_single_image image=»1451″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_3d» onclick=»img_link_large» title=»JOSÉ MARÍA GONZÁLEZ GONZÁLEZ (PUCHA): CONDENA A MORTE E PRISIÓN»][vc_column_text]José María González ANaceu no domicilio familiar de Os Casares, o mércores 6 de agosto de 1884, á 1 da tarde. Procedía dunha familia labrega, sendo o seu pai de Amoeiro (Antonio González) e a súa nai de Parada (María Antonia). El tamén traballou a terra, logo aprendeu o oficio de carpinteiro e –como tantos outros- emigrou as Américas, fixando en Cuba o seu destino. Parece que non lle fora mal na illa alén dos mares, pois fixo suficiente fortuna como para mercar algún capital en terras cando retornou aos Casares o 4 de decembro de 1927.

Antes de ir a Cuba xa casara, e a súa dona –Perpetua Conde- era orixinaria de Mandrás, esa veciño núcleo de Cea que baña os pés no Barbantiño e que senten tan próximo as nosas xentes. Segundo din, ela era unha muller boa e inocente, e el un home pulcro, benquerido por todos, afeccionado a por simpáticos alcumes (nunca ofensivos), e un pouco amarrado á hora de desprenderse dos cartos. Non tiveron descendencia, mais adoptaron a unha nena de 7 anos -Aurora Fernández González-, que era filla dos seus caseiros e seguiu mantendo os apelidos destes. Felisinda Conde, que vive na actualidade nos Casares, é sobriña política de José María e un dos poucos familiares que aínda lle quedan.

Quen foi popularmente coñecido como o “Pucha” (sen coñecerse o significado ou a orixe deste alcume), participou activamente na procura do progreso de Amoeiro. Así, formou parte da UGT de Parada, sendo detido xunto a outros moitos membros da agrupación sindical desta parroquia en novembro de 1934, baixo a acusación de “insurrección”. Ao mesmo tempo, “Pucha” foi concelleiro da primeira corporación democrática (Amoeiro, 1931-1936) e Alcalde da mesma dende o 19 de xaneiro ata o 24 de febreiro de 1936; tal período enmarcase entre a renuncia do anterior alcalde por motivos particulares (Manuel Vázquez González) e a restitución na rexencia municipal de Castor Sánchez Martínez por orde do goberno republicano de Azaña.

José María Contribuíu, xunto co resto da Corporación, á inxente tarefa de loitar por mellorar as condicións de vida da cidadanía amoeirense, e apoiou as directrices orientadas a mellorar as infraestruturas e a comunicación entre núcleos, coa capital e cos pobos de arredor, a promover a construción de escolas e cantinas escolares, a facilitar o acceso da veciñanza aos servizos do concello e a apoiar tanto o Estatuto de Autonomía Galego como a II República española. Todo elo con ilusión, e moderación.

Traxicamente, a súa entrega quebrantoulle gravemente a vida, e pouco lle faltou para perdela. O golpe de estado de xullo do 36 deu comezo a unha persecución feroz –e moitas veces sen normas- contra os gobernos lexítimos da república. E este delituoso ataque á democracia causou a fuxida dos representantes públicos que trataron de salvar a vida. Na primeira fuxida, “Pucha” acompañou a Castor ata o 21 de agosto de 1936, e logo retornou a Amoeiro para agocharse. A pía de pedra sita na corte da súa casa foi un dos lugares no que esquivou as forcadas dos falanxistas, que entraron nese lugar e estiveron a escasos centímetros de atopalo; unha cova localizada na paraxe de “As Castañas” deulle seguranza ata que decidiu abandonala polo temor que lle ocasionaba unha cobra que, de cando en vez, a visitaba.

Nesta tesitura, fuxiu a Portugal. Pero alí detivérono os “gardiñas”; estaba moi desaliñado e con longos cabelos, e acertou a dicirlles estas palabras: “si fan o favor, déixenme cortar o pelo que parezo un bicho”, sen embargo, estes replicáronlle: “mais si é un bicho, métase na cova”. Abatido e desarroupado, entregárono na fronteira á garda civil. Unha vez traído a Ourense, foi xulgado e condenado a morte baixo a acusación de “adhesión á rebelión”. Que paradoxo! os insurrectos acusando de rebelión a quen representaba a lei e a vontade do pobo! Estando preso, os gardas sacárono un día dos calabozos e preguntáronlle: “É vostede José González González?”, ao que el respondeu con grande temor: “Non, eu son José María González González”. Tras a conversa, mandárono de novo a cela, chamaron a un home con eses datos que era de Sobradelo de Valdeorras, e fusilárono. Pasado un tempo, conmutáronlle a pena de morte pola de cadea perpetua e, tras case cinco anos no cárcere de Ourense, quedou en liberdade vixiada.

Esta breve descrición de atropelos, aldraxes, ignominias e abusos apenas axudan a imaxinar a magnitude dos sufrimentos que padeceron “Pucha”, a súa dona e a súa familia. Á saída de tan penoso encerro, retornou a un territorio hostil, no que asasinaran ao seu alcalde e a algúns amigos, e no que outros tiveran que fuxir; chegou a un lugar amedrentado polo terror da ditadura e –alí- tratou de afrontar a vida.

Faleceu no seu domicilio de Os Casares ás 10 da mañá do mércores 25 de marzo de 1970. Tiña 85 anos, e a súa morte foi inesperada xa que aparentaba boa saúde. A causa oficial do pasamento foi a de insuficiencia cardíaca. Un ano despois finaba a súa dona. José María González González, está soterrado no cemiterio parroquial de Amoeiro.

Durante a súa vida tivo dor en lugar de recoñecemento, e tras esta veu o ouvido. O 24 de xaneiro, a Alcaldía do Concello de Amoeiro deu inicio ó procedemento destinado a outorgar os méritos que a Corporación de Amoeiro durante a II República tanto merece, e o 30 de xaneiro foi aprobada en Sesión Plenaria Extraordinaria, por unanimidade, a concesión de galardóns que estipula o Regulamento de Honra e Distincións deste municipio. “Pucha” recibirá o Nomeamento de Membro de Honra da Corporación Municipal pola súa condición de Concelleiro, e acordouse, así mesmo, outorgarlle a Medalla de Ouro do Concello de Amoeiro na seguinte entrega de distincións municipais (debido a que Castor Sánchez Martínez e Manuel Vázquez González antecedérono no cargo, e o regulamento só permite dúas medallas cada ano).

O domingo 15 de xuño dese ano, ás 12:00 horas, a súa filla Aurora Fernández González recibiu -en solemne cerimonia celebrada na Casa Museo Otero Pedrayo de Trasalba- os galardóns que o Concello de Amoeiro. lle outorgou como proba de recoñecemento aos méritos atesourados por D. José María González González. Adicionalmente, e tamén por acordo municipal, outorgóuselle unha praza na súa honra no núcleo onde residía: Os Casares.

 

Nota: relación de compañeiros da UGT de Parada de Amoeiro que foron detidos o 10 de novembro de 1934 xunta a “Pucha” baixo a acusación de “insurrección”: José González Sánchez, Agustín Rivera Suárez, Francisco Seco Lerumbe, Benigno González Caride, Manuel Crespo Crespo, David Dopazo Caride, S. Vázquez Rodríguez, Francisco Dopazo Rodríguez, Alfonso Pérez Nóvoa, Jesús Caride Dopazo e Higinio Dopazo Caride.

Fontes: Actas de Nacemento, Defuncións e de Sesións Plenarias do Concello de Amoeiro. Quintas Ferreño, F.J. (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936). Fundación Luís Tilve: Santiago de Compostela. Testemuños de familiares.[/vc_column_text][vc_single_image image=»1453″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_3d» onclick=»img_link_large» title=»MANUEL GONZÁLEZ PARADELA E O SALVOCONDUCTO ARXENTINO»][vc_column_text]

Manuel González Paradela ReducidoFoi alcumado como “Manolo de Loureiro” polo seu último lugar de residencia na parroquia amoeirense de Rouzós, se ben naceu en Buenos Aires o 27 de maio de 1900, chegando a España cando contaba 4 anos de idade.

Seu pai –Manuel González Ferreiro- procedía dunha familia do próximo concello lucense de Carballedo (do que eran orixinarios tanto por vía paterna –Melchor González- como materna –Teresa Ferreiro), desprazándose ó municipio de Amoeiro para traballar como criado no Pazo da Martinga (parroquia de Cornoces), tal e como relata a súa sobriña en segundo grao por liña materna, Consuelo Iglesias Rodríguez (“Chelo”, veciña de Igrexa de Cornoces).

Por outra banda, a súa nai -Emilia Paradela Álvarez- tiña raíces na parroquia amoeirense de Cornoces, residindo os proxenitores desta (José Paradela e Carmen Álvarez) no pobo de Igrexa (que está situado ós pés da fermosa igrexa de San Martiño e a uns cincocentos metros do Pazo de Martinga).

Do enlace entre dúas persoas humildes e labregas as que as circunstancias vitais situaron tan próximas naceron catro fillas e, en último termo, o noso protagonista. A orde de nacemento foi: Dorinda (1882), Aurora (1884), Obdulia (1886) (finou ós 7 anos a causa da varíola), Concepción (1889) e Manuel (1900).

Entre 1889 e 1900 a familia emigrou a Arxentina, e nese país naceu o único  fillo varón. A dobre nacionalidade seríalle de moita utilidade, como logo veremos.

Arredor de 1904, a familia retornou a Cornoces, aínda que as circunstancias do regreso non son ben coñecidas. Ós 27 anos, Manolo casou con María López Vázquez -de 24- que residía cos seus proxenitores en Loureiro (deste núcleo era orixinario o pai –Aquilino López García-, mentres que a nai – Dominga Vázquez Parga- era natural de Sobreira, concello de Vilamarín).

Tras a voda, ó noso persoeiro alcumárono “Manolo de Loureiro” e do matrimonio naceu unha nena que finou a curta idade (chamábase Milagros). O 1 de xaneiro de 1930 naceu outra fill –Marina-, quen sería a súa única descendencia.

Muro Loureiro

Muro de Loureiro no que se atopaba a cruz para o novo vial

Manuel foi chófer na liña de autobuses de Castor Sánchez Martínez, realizando a ruta Parada-Ourense. Así mesmo, compartiu con Castor ideais socialistas e Corporación Municipal entre 1931 e 1936. Na súa condición de Concelleiro estivo fortemente implicado na loita polo desenvolvemento de Amoeiro. Exemplo de elo foi o planeamento de estradas municipais, no que participou activamente; neste senso, nunha das súas viaxes a Amoeiro despois do alzamento franquista amosoulle ó seu sobriño político –Manuel López Fernández (Manolo)- unha cruz pintada no muro de Loureiro próximo ó campo desta localidade  que marcaba o paso dunha estrada que nunca chegou a realizarse.

O noso persoeiro, xa asentado coa súa recén estreada familia en Loureiro, tivo que renunciar ós seus sonos a causa do golpe de estado de 1936. A persecución e a morte aniquilou ós seus compañeiros de viaxe, e obrigouno a escapar dun lugar –Amoeiro- ó que tanto quería e que nunca esquecería nas súas lembranzas, como subliña a súa sobriña Dorita (filla de Dosinda, irmá da muller de Manolo), quen reside en Buenos Aires na actualidade. A sensación de morte inminente instalouse na súa mente, e lanzouse á fuxida cun propósito definido: pasar a Arxentina grazas a súa dobre nacionalidade por razón de nacemento.

Para elo viviu múltiples ameazas, e pasou moito medo. Mais tamén contou cunha valiosa axuda: a do seu cuñado Inocencio. Este recorría as feiras como tratante de gando, e xogouse a vida para salvalo. Así, escondeuno baixo pallas e toxos nunha corte que tiña en Palas de Rei, onde case o atopan os falanxistas mentres andaban á procura doutro fuxido; de modo semellante, o seu sobriño político –Manolo (que tamén vive en Loureiro)- resalta o intenso temor experimentado por estes compañeiros e familiares cando pasaron pola estrada de A Barrela (Lugo) e se toparon cun control militar pleno de soldados con fusiles. Estas e outras historias comentoullas o noso persoeiro ó antedito sobriño, sinalado que se vira morto moitas veces antes de poder fuxir do país para escapar da represión. Finalmente, Inocencio conseguiu pasalo a Portugal pola ponte internacional de Tui, dende onde puido viaxar a Arxentina grazas a súa condición de hispano-arxentino; pouco tempo despois, reclamou dende este último país á súa muller e a súa filla. Deste xeito, Manolo escapou “das gadoupas dos falanxistas”, como citaba José Benito Sánchez (fillo de Castor Sánchez Martínez) no seu manuscrito “Las alimañas de la noche”.

Mais a ponte cara as Américas tamén lle deixou outras fondas feridas. Así, non puido asistir ó funeral do seu pai, que finou o 5 de decembro de 1939 a causa dunha miocardite; nin tampouco estar ó lado da súa nai nese intre nin cando finou o 22 de abril de 1941 debido a unha bronconeumonía. Ambos están soterrados no cemiterio parroquial de Cornoces. Poucos poderían, así mesmo, ignorar o sufrimento dos proxenitores de Manolo en tan negra época.

No seu retomado destino do Río da Prata, o anterior chofer e concelleiro de Loureiro converteuse en empresario de éxito no eido inmobiliario, chegando a posuír ter 3 hoteis e diversas propiedades. Dende aquela, e unha superado o veto franquista a visitar España para quen carecía de crimes de sangue, Manolo retornou en dúas ocasións a Amoeiro, permanecendo na terra 6 meses en cada ocasión. Nestas viaxes acostumaba a visitar o mosteiro de Oseira, pois gardaba unha grande amizade cos monxes, quen parece que o axudaran a agocharse dos falanxistas mentres estivo fuxido; tamén realizaba estadías en Lisboa, probablemente polas vivencias que lle aconteceron cando pasou polo país luso no seu tránsito cara as Américas.

Conforme pasaron os anos, as ameazas da ditadura seguiron a estar presentes, aínda que a súa intensidade minguou, sobre todo cando lle facía fronte o carácter dos máis valorosos. Mostra de elo foi o que aconteceu nunha feira do 14 en Souto (Amoeiro), na que Manolo xuntouse con varios compañeiros de ideas políticas, achegándose a eles un sarxento da garda civil de nome José, quen lles advertiu do seguinte xeito: “non fagan barullo, que teñen todos ficha no cuartel”. Non obstante, un -ó que chamaban “Santiago de Covas”- replicoulle: ”pois colla e póñanola na espalda a todos”, ante o que o sarxento liscou.

Completando o retrato do Manolo de Loureiro, conta del o seu sobriño deste pobo que era “un bendito que non quería facer mal a ninguén”, e o que lle gustaba xogar ó dominó; outras das súas afeccións eran a caza e comer ben, pero si algo se subliña de el era, por enriba de todo, o seu interese por axudar ós demais.

Finou no mesmo lugar que o vira nacer –Buenos Aires- o 8 de febreiro de 1983, cando presentaba un avanzado estado de demencia senil. Tanto el como a súa dona e filla están soterrados nesta cidade. No país arxentino xacen tamén os corpos das súas irmás Dorinda e Aurora (en Cornoces descansan os de Concepción e Obdulia), e viven, entre outros familiares, o seu xenro Jorge (de 87 anos), as súas netas María Alejandra e María Fernanda e súa sobriña Dorita.

O 15 de xuño de 2014, recibiu o seu sobriño político -Manuel López Fernández- o nomeamento de Membro de Honra da Corporación Municipal de Amoeiro en representación de Manuel González Paradela, e con elo o recoñecemento a unha vida entregada ó ben de municipio e pola que tan alto custe pagou.

Fontes

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 12, FOLIO 24, Nº 1720

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 12, FOLIO 245, Nº 2009

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 13, FOLIO 185-V, Nº 2381

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 21, FOLIO 113, Nº 225

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 13, FOLIO 90, Nº 2634

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 25, FOLIO 29-V, Nº 56

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 25, FOLIO 79-V, Nº 156

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 28, FOLIO 117-V, Nº 234

Sánchez Chao: Las alimañas de la noche. Manuscrito non publicado.

Testemuños orais de Consuelo Iglesias Rodríguez (“Chelo”, veciña de Igrexa de Cornoces), Manuel López Fernández (“Manolo”, veciño de Loureiro), así como de Jorge e Dorita (xenro e sobriña en Arxentina de Manuel González Paradela) realizados en 2014.[/vc_column_text][/vc_column][/vc_row][vc_row][vc_column][vc_single_image image=»1457″ alignment=»center» style=»vc_box_shadow_3d» onclick=»img_link_large» title=»MARCIAL VÁZQUEZ VÁZQUEZ, A REPRESIÓN DOS IRMÁNS JOSÉ E SINDO E O MARTIRIO DE CASTOR, PINANTE E ENRIQUE»][vc_column_text]Marcial VázquezFoi un dos dous concelleiros que representou á parroquia de Fontefría na Corporación que rexeu o Concello de Amoeiro entre 1931 e 1936 (o outro foi Benigno González González). Marcial residía no núcleo de Vila de Fontefría, e naceu o 25 de outubro de 1882, ás doce do mediodía, no pobo de Arcos (da parroquia tamén amoeirense de Abruciños) do que linda uns centos de metros. Seus proxenitores –Saturnino e Cecilia- eran labregos radicados neste entorno, provindo os avós de Marcial por liña paterna –Matías Vázquez e Pascua Sotelo- de Fontefría, e os seus avós por liña materna -Esteban Vázquez e Dorinda Vázquez- de Arcos de Abruciños. Polo alcume dos parentes de Arcos poderíase deducir que a emigración tamén formou parte da historia familiar, pois chamábanlle “os americanos”.

A diferenza do acostumado na época, o núcleo do fogar era reducido, estando conformado polo pai, a nai e dous fillos (el e a súa irmá Celsa). E a tendencia mantívose, xa que tras a voda entre Marcial e Luísa Boán Estévez (catorce anos máis moza que el) naceron dúas fillas: Amalia (que finou a consecuencia dun parto) e María del Carmen Sursantina quen, a súa vez, só tivo un fillo (cuxo nome é José Luís Castro Vázquez), que é o único neto de Marcial.

Este home de orixe humilde implicouse na tarefa de mellorar a difícil situación pola que atravesaba a vida de tantas persoas naqueles intres. Proba de elo é a súa integración na primeira Agrupación Socialista de Amoeiro, que se constituíu en abril de 1930, e pasou a formar parte do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). En tal colectivo Marcial, José Sarmiento Sarmiento e Francisco Dopazo Rodríguez (que logo tamén sería compañeiro de corporación) foron Vogais, ostentando a Presidencia Francisco Seco Lerunde, a Vicepresidencia Amadeo González Sánchez, a Secretaría Castor Sánchez Martínez (quen logo sería Alcalde de Amoeiro), e a Tesourería Ramón Caride González (contador-depositario).

A constitución de dita agrupación socialista inscribiuse nun contexto de reivindicacións sociais procedentes de colectivos agraristas e de diversas profesións (canteiros, albaneis, carpinteiros, etc.), que tivera o seu reflexo só catro meses antes coa creación –o 20 de decembro de 1929- da primeira sociedade obreira socialista amoeirense: a denominada Sociedad de Profesiones, Oficios varios y Obreros en General de Parada; este colectivo ingresou directamente na Unión General de Trabajadores (UGT), tal e como nos informa o xornal El Socialista. A súa directiva estaba conformada por: Castor Iglesias (Presidente), Ramón Caride (Vicepresidente), Pajero Caride (Secretario), Antonio Parga (Vicesecretario), Baldomero Gómez (Contador), Juan Manuel Rúas (Tesoureiro), Amadeo González, Benjamín Gómez e Santiago Vázquez (Vogais).

A represión e posterior longa noite do pedra do franquismo borraron moitos dos trazos que poderían iluminar o retrato do noso persoeiro. Mais grazas á labor investigadora desenvolvida por Raúl Soutelo e ós testemuños dos máis vellos do lugar, aínda se pode rescatar parte da memoria dun municipio antes de que se perda para sempre.

Este é o caso do relato realizado por Andrés Morenza González, que se refire a Marcial como unha persoa de carácter extraordinariamente afable, polo que era benquerido por todos; é máis, tal característica de personalidade parece que se transmitiu ó seu neto José Luís quen –segundo outros veciños do lugar- é o vivo retrato do seu avó. No mesmo senso abonda Gumersindo Fernández González –coñecido popularmente como Sindo, cuxa idade actual é 96 anos-, quen subliña que Marcial “se facía dano era só para el”.

Polo dicir de Andrés, o noso protagonista tiña baixa estatura, traballaba de carpinteiro, axudaba nas matanzas á veciñanza (sendo recoñecido como o “matachín” do pobo), era moi traballador e levaba con gran dilixencia as súas funcións como pedáneo de Fontefría. Por outra banda, non ía á misa, e gustaba de realizar comentarios xocosos ó cura que impartía clase na escola que se atopaba anexa a súa casa: “oiga, que hai que vestir como os homes e non como as mulleres”, “a única vaca con defectos é a relixiosa”, e outros ditos semellantes dos que a nosa testemuña manifesta non lembrarse con precisión. Segundo a memoria do noso informante, estes comentarios realizábaos cunha tonalidade humorística que resultaba acorde coa bonhomía de Marcial.

Por elo, Andrés sinala que tales afirmacións non lle granxeaban a animadversión do crego (coñecido como Don Francisco) naqueles momentos, pero é posible que tampouco xogaran ó seu favor tras o golpe de estado de xullo do 36. Neste último senso, outro dos veciños de Fontefría (Manuel Piñeiro Rivera, alcumado popularmente como “O Zapateiro”), cita a historia contada polo seu pai adoptivo (José Fernández González), segundo a cal os falanxistas levaran ó seu irmán Sindo e a Marcial ó Pazo de Miranda (na parroquia amoeirense de Parada), coa intención de trasladalos posteriormente ó cárcere de Celanova e matalos. Segundo este relato, ambos compañeiros salváronse do seu negro destino grazas a intervención do propietario do pazo ocupado polos falanxistas -Antonio Miranda (que anteriormente fora Alcalde conservador de Amoeiro)-, que intercedeu por eles con éxito ante o Gobernador Militar de Ourense (Luís Soto Rodríguez). Nesta mesma labor de mediación, o antedito Andrés tamén inclúe á figura do párroco (o xa mencionado Don Francisco), ante quen recorrera a sogra de Marcial (a Sra. Luísa) para rogar a liberación del e da súa muller, tras a que saíra a súa filla berrando “mamá, mamá” cando a detiveron os falanxistas. Poucos datos fiables existen a día de hoxe sobre os padecementos de Marcial entre a súa detención e posterior liberación, mais as historias vitais doutros compañeiros seus permítennos achegarnos ó clima de terror experimentado pola veciñanza da parroquia de Fontefría e no resto de Amoeiro naquelas datas.

A represión en Fontefría e o martirio de Castor, Pinante e Enrique

Foto de Sindo de Abruciños

Gumersindo Fernández González

Unha das primeiras vítimas da represión nesta parroquia tras o alzamento golpista foi Sindo (Gumersindo Fernández González). O terror ante o que sucedía en Amoeiro despois de xullo do 36 xa se espallara entre a poboación do municipio, e eran moitos os que escapaban ou se agochaban para evitar ser branco das razzias falanxistas. Neste senso, Sindo lémbrase dun pendello situado cerca da Ponte dos Frades que foi utilizado como escondedoiro por moitos. Calquera cousa bastaba para ser riscado como comunista, dende a amizade cos membros da Corporación ata non ir á misa ou retesías con algún veciño co que se tivera inimizade. Precisamente, foron as disputas cun veciño o que converteu á familia de Sindo en branco dos paramilitares da falanxe. O día da súa detención contaba 17 anos de idade e este é o xeito en que el a relata:

“Estábamos na casa os 3 irmáns (el e os seus irmáns maiores José e Ramón) cando sentimos que chagaban os falanxistas por un monte que hai por riba de Fontefría. Chamaron á casa e eu dinme a ver porque era o máis rapaz e pensei que comigo non se meterían, mentres que os meus irmáns escaparon por un carreiro. Un dos falanxistas díxome:

  • Os irmaus onde están?
  • Traballando
  • Digo que onde están!
  • Pois traballando. Xa lle digo, eles son maiores de edad, e andan por onde queren, un día nun sitio e outro noutro.
  • Bueno, pois xa caerán. De momento, acompáñeme”.
Casa de Sindo Redux

Imaxe da humilde vivenda de Sindo e da súa familia en Fontefría

E levárono, como a tantos, ó cuartel xeral da falanxe que estaba radicado no Pazo de Parada. Alí metérono nunha habitación, na que estaban –entre outros- Castor Sánchez Martínez (alcalde socialista de Amoeiro), e dous compañeiros e amigos deste: un era Antonio Pérez Gutiérrez,  alcumado como “Pinante”, do núcleo amoeirense de Sanxiao (se ben era orixinario de Palmés, pobo pertencente ó Concello de Ponte Canedo –actualmente Concello de Ourense), quen era Presidente da Sociedade Agraria e de Oficios Varios de Beiro, tiña sete fillos e, segundo a testemuña de J. Pena A. (carpinteiro socialista de Castro de Beiro), era listo e moi de esquerdas, e como recorda José (veciño do pobo de Sanxiao que ten hoxe 98 anos) entregárase do Pazo de Parada a pesares de que un amigo del –e das dereitas- o advertira de que non o fixera xa que corría perigo a súa vida (“se eu non fixen nada malo” lle dixera Pinante); o outro era Enrique Pérez González, mozo socialista de grande fortaleza física do núcleo de Amoeiro, que tiña unha retesía co cura Serafín López Fernández, quen o acusou de atolado porque mandara saír á súa sobriña da igrexa berrándolle: “Puta do carallo que queres dormir co cura, veña para fora” (testemuña de José C. V., canteiro de Amoeiro, recollida nun artigo publicado por Raúl Soutelo Vázquez e Alfredo Varela Sabas en 1994).

A data do encarceramento aconteceu arredor de tres semanas despois da aterradora razzia levada a cabo por un grupo de falanxistas de Amoeiro en A Gudiña (entre o 1 e o 3 de agosto de 1936), na que cometeron asasinatos, violacións, roubos e múltiples abusos, e cuxa negra lembranza chega ós nosos días. Os encarcerados en Parada foron testemuñas de festíns celebrados polos falanxistas con carne, xamón, queixo e conservas requisados en tal asalto, así como desprezados ó lanzarlle os desperdicios como se foran cans dicíndolles con mofa: “comed”; tamén lles obrigaron a tragar anacos de pan que roubaran nunha tenda do núcleo amoeirense de A Poboanza (propiedade dun tal Ramón), dicíndolles: “Ustedes teñen que comer esto que é do seu camarada”.

Pero os padecementos máis intensos chegaron despois. Primeiro, un dos mandamáis daquel lugar amosoulle a Sindo un revólver, e sinaloulle que lle quedaban tantas horas de vida como anos tiña. E, a continuación, ocorrería algo que o marcaría para sempre: o falanxista deulle as seguintes ordes “chéguese á parede” (a arrimou a Sindo de pé ata que quedou coas costas pegadas á mesma), “e ahora tire da roupa para arriba” (quedando espido de medio corpo); sen máis, fundiulle a culata do fusil no costado esquerdo, fracturándolle tres costelas. Sindo tratou de manterse, mais acabou por tombarse no chan tratando de atopar forzas para respirar. Os compañeiros intentaban axudalo, pero non podía sosterse, e cada pouco volvía a caer.

En tan crúas circunstancias, Sindo permaneceu oito días no Pazo de Parada, con gran dor,  deitado sobre o chan de pedra e co único privilexio dunha manta. A antedita mediación do dono do Pazo usurpado –Antonio Miranda-, que coñecía ó pai de Sindo por ser o carpinteiro que fixera as cubas do viño da casa, foi a que permitiu que finalmente o liberasen. O destino dos outros compañeiros foi más tráxico.

Entre a unha e as dúas da madrugada do penúltimo día de suplicio de Sindo (25 de agosto de 1936), os falanxistas dixéronlle a Castor e a Pinante “levantaos que tenéis que ir para la cárcel de Carballino porque aquí no podéis estar más tiempo”. Castor ergueuse a díxolles “mirad bien lo que hacéis, pues como sabéis tengo siete hijos y caben todos debajo de un cesto, desterrarme o mandadme a donde queráis, os prometo que no volveréis a verme”. Tal rogo non foi atendido, e metéronos no coche que os conduciu lonxe de Amoeiro –como era costume cando decidían asasinar a alguén-, matándoos a disparos en Beade.

Cando retornaron dos martirios, ordenáronlles a Sindo e a Enrique que se ergueran dicíndolles que os ían levar a Ourense. Mais non contaban coa furiosa reacción deste último, que fixo precisa a intervención –durante horas- de toda a cuadrilla de falaxistas para poder reducilo. Ese funesto 25 de agosto acabaron, pois, por levar tamén a Enrique, deixándoo morto dun disparo na “Garduñeira” (Untes, Santa Cruz de Arrabaldo). Ó día seguinte, chegou unha carta coa orde do comandante Soto na que se instaba ós falanxistas a responder coa súa vida pola de Sindo.

Como se recolle na vindeira publicación de Raúl Soutelo, días despois conduciron a José Fernández González ó aterrador Pazo, estando prevido polo seu irmán Sindo de que fora ben arroupado para minorar desfeitas como a que a el lle fixeran no costado. Sen embargo, a súa testemuña descubre o asañamento co que se cebaron nel os torturadores: craváronlle palillos nas uñas, golpeárono con fusiles nos pés e fustrigáronlle o lombo cun vergallo ata arrincarlle a pel, acabando por pegárselle unha mestura de sangue e pus á camisa. Ó cabo de tres días liberárono, pero pouco tempo despois os falanxistas visitaron o fogar familiar instándoo a ir ó fronte, so pena de matalo “pegándolle 4 tiros”.

Ós seus 96 anos, Sindo amosa con dor os buratos do seu costado esquerdo polos que manaron fluídos purulentos durante meses, e lembra os anos durante os que fregaba -con moito tento- as mans contra as costelas para aliviar unha dor física que o desgraciou durante anos a pesares dos coidados médicos que recibiu –sempre a escondidas- dun médico de Amoeiro que tamén foi perseguido (o doutor José Rodríguez Portugal). Tales foron os seus longos padecementos físicos, mais a pena do seu corazón non o abandonou xamais, como o reflicten as bágoas e a fondura coas que expresa aínda hoxe as súas emocións.

As secuelas que padeceron os numerosos torturados no inferno do Pazo de Parada marcáronos para o resto da súa existencia, e os cadáveres expostos en lugares públicos cumpriron as funcións propias dun xenocidio planificado (como postulan os Profesores Julio Prada e Raúl Soutelo), que consisten en impor un réxime ditatorial sobre as bases do terror exercido sobre os claudiados, as súas familias e a poboación en xeral.

 

Honra a Marcial e as vítimas da represión en Fontefría e no concello de Amoeiro

De volta ó concelleiro e pedáneo de Fontefría, pouco podemos engadir respecto da súa figura debido ós efectos da pesada lousa do esquecemento tras tantos anos de ouvido. Sen embargo, non parece difícil adiviñar as nefastas consecuencias que lle debeu causar o acontecido ós seus compañeiros de corporación e os seus camaradas e amigos.

Marcial finou ás 11 da mañá do 13 de novembro de 1959, ós 77 anos, no seu domicilio familiar de A Vila (Fontefria), a causa de colapso cardíaco ocasionado por hemiplexia senil. A súa dona faleceu no mesmo lugar case 13 anos despois, debido a un colapso cardíaco (28 de xaneiro de 1972). Ambos, xunto ás súas fillas, están soterrados no cemiterio parroquial de Fontefría.

O 15 de xuño de 2014, José Luís Castro Vázquez recibiu o Nomeamento de Membro de Honra da Corporación de Amoeiro en representación do seu avó. Sirva este galardón para recoñecer os méritos de Marcial na Corporación que rexeu democraticamente este municipio entre 1931 e 1936, así como para honrar a memoria das vítimas da represión ditatorial que foron durante tanto tempo esquecidas.

Fontes

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 12, FOLIO 58, Nº 1761.

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 28, FOLIO 68, Nº 135.

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 29, FOLIO 260, Nº 4.

Prada Rodríguez, J. (2004). Ourense, 1936-1939. Alzamento, guerra e represión. Sada: Edicións do Castro.

Sánchez Chao, J. B. Las alimañas de la noche. Manuscrito non publicado.

Soutelo Vázquez, R. (en prensa). A memoria da barbarie estaba silenciada arredor de nós. Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Soutelo Vázquez, R. e Varela Sabas, A. (1994). Variaciones en las formas de represión y resistencia popular en el mundo rural ourensano: 1936-1946. Espacio, Tiempo y Forma, Serie V, H.» Contemporánea, t. 7, pp. 613-632.

Quintas Ferreño, F. J. (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936). Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Quintas Ferreño, F. J. (en prensa): O asociacionismo obreiro e o agrarismo republicano-socialista como principais actores da implantación do socialismo no concello de Amoeiro. Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve.

Testemuños orais de Andrés Morenza González, Manuel Piñeiro Rivera e Sindo Fernández González.[/vc_column_text][vc_single_image image=»1462″ alignment=»center» onclick=»img_link_large» title=»WENCESLAO CORRAL GONZÁLEZ, A REPRESIÓN E O OUVIDO»][vc_column_text]Foi o concelleiro vinculado á parroquia de Cornoces e, particularmente, ó pobo de Santabaia. Naceu o 26 de xullo de 1877, ás 7 da tarde. A nai –Manuela González- era desta parroquia, ó igual que os pais desta (Salvador González e Carmen Vázquez); o pai –Donato Corral- tamén era de Cornoces, si ben o avoa paterna era da parroquia de Amoeiro (Josefa Piñeiro) e o avó tiña as súas raíces no concello próximo de O Carballiño (en concreto, Juan Corral era orixinario de San Xoan de Seoane de Arcos). Todos eran labregos e, en suma, dun contorno xeográfico próximo.

Segundo as actas de nacemento municipais, Wenceslao foi o segundo de seis na orde de descendencia. A máis maior foi Josefina (nada en 1871) que finou, probablemente, a curta idade (xa que existe unha segunda filla co mesmo nome que naceu en 1880); en 1883 naceu Marcial, ó que logo lle seguiu Juan -nado en 1886- e un novo irmán que tamén recibiu este mesmo nome (Juan) en 1889. A ausencia de actas de falecemento de todos -salvo Wenceslao- reflicte o débil control administrativo da época, e o paso do tempo dende entón impídenos comprobar hipóteses respecto do acontecido nestes casos (pode que finaran noutros lugares ou mesmo fora de España, mais as persoas que viven a día de hoxe en Santabaia ou noutros lugares do concello de Amoeiro ou ben teñen limitada a súa memoria ou eran demasiado novas daquela).

O 4 de xuño de 1900, cando o noso persoeiro contaba con 23 anos de idade, casou con Pura Fernández Diz, de só 17, a cal tamén era de Santabaia. Do enlace naceron 8 fillos varóns: Emilio (1901), David (1903), Manuel (1906), Donato (1909), José (1912), Francisco (1915), Francisco (1920, que recibiu este nome, previsiblemente, pola temperá morte do anterior) e Benigno (1923). De estes, non existe acta de nacemento de David, si ben podemos saber do seu nacemento pola súa acta de matrimonio con Basilia Castro González (que tivo lugar o 4 de agosto de 1931). En calquera caso, na actualidade, os familiares consultados manifestan que só coñeceron a catro dos oito fillos citados: David, Francisco, Manuel e Benigno; o último marchou a Brasil e non retornou, e os demais faleceron sen quedar acta municipal de defunción de ningún deles.

Pouco sabemos nestes momentos da historia do concelleiro socialista de máis idade da Corporación de Amoeiro, pois cando alcanzou o poder municipal en 1931 tiña 54 anos. Os relatos orais son, pois, a principal guía coa que contamos para construír esta historia.

A falta de imaxes de Wenceslao, as veciñas e os veciños que aínda se lembran del esbozan o retrato dunha persoa de mediana estatura, de complexión forte e que acostumaba a usar chaleco e sombreiro como indumentaria. Así mesmo, falan dun home afable e moi entendido, que sabía do oficio de canteiro e que exercera funcións de pedáneo no seu pobo e de celador na construción de estradas no concello de Amoeiro. Parece que contaba con certa fortuna, pois chegou a ter caseiros ó seu servizo.

Outro trazo identificativo do que hai coincidencia era o seu ateísmo: non ía á misa, e os seus fillos tamén compartían esta postura. Tal posicionamento, xunto coa súa filiación socialista, ocasionáronlle a el e a súa familia severas consecuencias.

A represión sobre Wenceslao e a súa familia nunha tráxica era

O levantamento militar contra a República sumiu no terror esta terra, e a memoria dos máis vellos do lugar aínda garda sensacións dese medo. Así, Elvira Vázquez Fernández, veciña de Santabaia que supera os 90 anos, subliña que “era saber que viñan os guardias e un xa se metía no lume” (expresión que alude a como se escondían as xentes nas casas para evitar este temido encontro). Baixo tales circunstancias Wenceslao foi detido, figurando a súa reclusión no “Libro de Prisiones” da Orde Militar dende o 20 ata o 24 xullo de 1936. Sábese que logo foi liberado, e que probablemente estivera no cárcere de Celanova, mais non existe documentación escrita que acredite o proceso.

WC-Wenceslao

Vater realizado por Wenceslao durante o seu encarceramento en Oseira

Baseándonos no relato da súa familiar Amelia Corral Castro, soubemos que Wenceslao estivo recluído no mosteiro de Oseira, onde lle impuxeron unha particular pena: construír un váter de pedra para ser liberado. O oficio de canteiro sería, deste xeito, o que lle permitiría recuperar a liberdade. Seguindo o fío condutor desprazámonos ó sinalado mosteiro, e alí conduciunos ata a singular obra un dous monxes, chamado Luís; a peza de pedra, de aparencia ruda (semella un váter do remoto século XII), figura nunha sala do mosteiro, sendo un monxe nonaxenario –o Pai Marnotes- quen ratificou a datación da construción, situándoa na época do alzamento franquista (que foi cando dito monxe chegou a este lugar).

Presos-e-orfos-Oseira

Presos e orfos no mosteiro de Oseira co frade Ildefonso

No mosteiro de Oseira estableceuse orfanato e escola de nenos, e tamén foi o lugar no que se incluíu poboación reclusa afín á República. Ademais de Wenceslao, neste lugar houbo, segundo José Benito Sánchez Chao (fillo de Castor Sánchez Martínez, Alcalde de Amoeiro asasinado por forzas paramilitares o 25 de agosto de 1936), outros presos do municipio de Amoeiro, entre os que cita ós irmáns Luís, Manuel e Alfredo Sarmiento Caride e a Adolfo Dasairas Bóveda, todos eles do núcleo amoeirense de O Formigueiro.

Roque Nacher Vázquez e a súa dona

Roque Nacher Vázquez e a súa dona Josefa

A este respecto, debe subliñarse que a congregación do Císter deu refuxio e protexeu ós presos, gardándoos dos abusos da falanxe e dos “paseos”. Neste senso, os cistercienses sempre acompañaban ós falanxistas cando estes querían interrogar ós presos, co obxecto de evitar malos tratos e vexacións. O máximo responsable do mosteiro entre 1930 e 1944 foi o frade de orixe francés Ildefonso Junquerés (nado en Espira de Z’Agli), sendo recoñecida, en 2011, a súa labor de garantía da legalidade pola Asociación de Amigos da República de Ourense.

DNI-Manuel-Corral1

DNI de Manuel Corral González

DNI-muller-Manuel-Corral

DNI da dona de Manuel Corral González

A persecución represora tamén afectou, a lo menos, a un dos fillos de Wenceslao. Así, José Manuel González Corral relata cómo quixeron matar ó seu avó: Manuel Corral Fernández; segundo a historia que lle foi transmitida pola familia, catro falanxistas sacaron a Manuel da casa mentres retiñan á súa muller (Nieves Fernández Corral), e levárono para a “Eira de Arriba” de Santabaia, coa intención de matalo; alí, ó pé dunha porta, un deles díxolle ós demais: “deixádemo a min”, e este mesmo foi quen o instou a fuxir. Así, escapou cara o pobo carballiñés de Seoane, no que tiña raíces familiares e onde o escondeu durante varios anos un cura da súa familia (ó parecer, éralle tío). Grazas a elo salvouse.

Wenceslao finou, a causa de colapso cardíaco, no seu domicilio de Santabaia ás 10 da mañá do 26 de maio de 1954. Tiña 77 anos, enviuvara da súa dona Pura e tiña catro fillos nesa data (David, Francisco, Manuel e Benigno).  Está soterrado no cemiterio parroquial de Cornoces, aínda que se descoñece o lugar no que se sitúa a súa lápida.

O paso do tempo acrecenta a desmemoria, e non sabemos máis de cómo viviron Wenceslao e a súa familia aqueles anos. Sen embargo, aínda perdura o sentimento da dureza que padeceron os devanceiros nos descendentes de hoxe. Non podemos restituír o seu padecemento, pero si –a lo menos- contar retallos dunha historia que non debe volver a repetirse.

De acordo co acordo plenario unánime da Corporación de Amoeiro, Wenceslao Corral González recibiu, a titulo póstumo e coa maior solemnidade posible, o Nomeamento de Membro de Honra da Corporación de Amoeiro. O seu bisneto José Manuel González Corral foi quen recolleu o galardón.

Este recoñecemento simbólico servirá de honra aos seus méritos como responsable dunha Corporación exemplar e Alcalde Pedáneo de Santabaia, así como de reparación dos seus padecementos, dos da súa familia e dos de tantas vítimas que sufriron o castigo do ouvido.

Fontes

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 8-9, folio 98, nº 979.

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 5-6-7, folio 60, nº 649

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 11, folio 18-v, nº 1392

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 12, folio 135

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 13, folio 161

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 14, folio 113, nº 2782

ACTA DE MATRIMONIO: TOMO 6, folio 350, nº 862

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 21, folio 16, nº 21.

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 22, folio 207, nº 207

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 23, folio 102, nº 102

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 23, folio 435, nº 434

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 24, folio 149, nº 297

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 25, folio 152-v, nº 304

ACTA DE NACEMENTO: TOMO 26, folio 66-v, nº 132

ACTA DE DEFUNCIÓN: TOMO 27, folio 47, nº 93

Fernández-Xesta e Vázquez, F. (2004). La perdida Historia del monaterio de Osera de don Juan Ferna´ndez “Xesta”. Ourense: Duen de Bux.

Prada Rodríguez, J. (2004): Alzamento, guerra e represión. Sada (A Coruña): Edicións do Castro.

Quintas Ferreño, F.J. (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936). Fundación Luís Tilve: Santiago de Compostela. Testemuños de familiares.

Testemuños orais de Amelia Corral Castro, Elvira Vázquez Fernández e José Manuel González Corral, todos eles realizados en 2014.[/vc_column_text][vc_column_text]I am text block. Click edit button to change this text. Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit. Ut elit tellus, luctus nec ullamcorper mattis, pulvinar dapibus leo.[/vc_column_text][/vc_column][/vc_row]