A idade de ferro está espléndidamente representada en Amoeiro e, sobre todo, na zona de A Bergueira (Trasalba); neste lugar as coviñas marcan múltiples rochas, e sobresaen as espirais de Tras do Mollón, os gravados da Pedra da Ferradura e os petróglifos do Abrigo do Raposo e do Abrigo da Zarra; adicionalmente, novos descubrimentos aínda non difundidos perfilan unha herdanza de magnitude colosal. Pero tanto ou máis destacado que o elemento patrimonial é o legado de arqueoastronomía, único na nosa terra, que aparece maxistralmente rexistrado no vídeo do CSIC realizado polo recoñecido director de cine Marcos Nine e que se amosa baixo estas liñas.
A falla de investigacións que profundan nesta época, os castros e petróglifos, así como diversas nomenclaturas que se manteñen na actualidade, son testemuñas actuais daqueles días.
A abundancia de asentamentos castrexos nos Chaos de Amoeiro é, probablemente, a base de que se alcumara a este amplo espazo xeográfico como Terra de Castela. No municipio de Amoeiro hai castros en A Poboanza, Fontefría, Igrexa de Cornoces, San Xiao, As Taborelas ou Agro de Centeas, Vendanova e O Formigueiro.
Os restos de construcións son escasos, e precísase de excavacións arqueolóxicas para aumentar o seu coñecemento. No Formigueiro permanecen rochas marcando un semicírculo da típica casa castrexa e, sobre todo, abundan restos de petróglifos, entre os que destaca o asentado actualmente na fachada da ermida de O Formigueiro, que é único en Galicia pola presenza dun xinete na reata de cabalos que figura na lousa; este fermoso e singular relevo é obxecto de publicacións e constitúe na actualidade a identidade corporativa municipal. No mesmo núcleo poboacional existen máis petróglifos, uns incrustados en construcións e outros en xardíns particulares.
Tamén hai lousas castrexas en Fontefría e San Xiao (a primeira incrustada no muro dunha fonte e a segunda na parede da capela), e figuras deste tipo nunha casa particular da última poboación citada.
Período Romano e Altomedieval
Os romanos deixaron as súas pegadas en Amoeiro a través de dúas vías, a que conectaba Aquae Flaviae (Chaves) con Lucus Augusti (Lugo), e a que comunicaba a anterior localidade portuguesa con Iria Flavia (Padrón). Os miliarios, lares viais ou aras sinalizadoras marcaron este tránsito, quedando na actualidade só unha delas no municipio: a de San Xiao, que se atopa na Capela do lugar e realiza a curiosa función de pila bautismal. A de Cornoces, que se atopa actualmente no Museo Arqueolóxico de Ourense, data do ano 79 da era cristián, unía Chaves con Padrón e, ao parecer, estaba ó pé do portal da reitoral e usábaa o crego -Sixto Rodríguez como banqueta-poio e para subirse ó cabalo.
A calzada romana, de arredor de 300 metros de lonxitude, que comeza despois da Ponte de San Fiz, xa en territorio do concello veciño de Maside, é un magnífico exemplo da contibución viaria romana. Máis aló destes restos, pouco queda na nosa terra dos restos romanos.
Entrando no período altomedieval, son salientables os achados atopados no xacemento arqueolóxico de As Pereiras (Figueiras). Neste lugar, de orixe romano, a posterior ocupación sueva ou hispano-visigoda deixaron mostras de actividades agrícolagandeiras e pastoriles. Así, entre o numeroso material atopado destacan un forno cerámico de dúas pezas e un broche de cinto en bronce; este broche, de grande valor e datado entre os séculos V e VII, está actualmente no museo arqueolóxico, e debido á súa relevancia axúntase un artigo sobre o mesmo, así como a súa imaxe no carrousel fotográfico que aparece baixo esta sección.
Adicionalmente, o alxibe situado no alto do Castro do Formigueiro (de forma cadrada, con varios metros de profundidade e protexido actualmente cunha reixa para evitar accidentes; ver carrusel de imaxes inferior) e a gravura medieval en pedra dunha grande espada na mesma zona son, así mesmo, notables vestixios desa época.
Finalizando a época medieval, debe realizarse una reseña especial para as pontes. A este respecto, destaca a Ponte de San Fiz, situada sobre o río Barbantiño entre Amoeiro e Maside que se empregou como vía de comunicación con Santiago; está documentada a súa reparación no século XIII, descoñecéndose a súa orixe concreta; durante as obras de construción do ferrocarril entre 1930-40 foi danada por actuacións vandálicas dos operarios. Tamén se construiu a Ponte de Mandrás sobre o mesmo río, situándose neste caso na fronteira con Cea; tampouco hai unha datación concreta desta ponte medieval, aínda que se se sabe que foi enlousada no s. XVIII. Por último, citamos a Ponte dos Frades de orixe medieval e asentada sobre o regato do Formigueiro; esta obra medieval foi derruída en 1.934 para construír a estrada de Porta do Prado a Parada, e ademais é un referente xeográfico nas obras de Otero Pedrayo O Vello e mailo río, Os Camiños da Vida e mesmo un verso dun poema de Bocarribeira.
A herdanza do románico no patrimonio eclesiástico nutre, abondosamente, as freguesías amoeirenses, e merece un capítulo de seu. Ademáis deste texto, é recomendable observar estes e outros monumentos no apartado de Amoeiro 3D, que se atopa nesta web municipal.
En Abruciños atópase a Igrexa de San Xoán, orixinaria do s. XII e cunha nave engadida no s. XVII. O conxunto, fermoso e desproporcionado, acompáñase doutras construccións relixiosas relevantes como a Capela de San Cosmede (actualmente en ruínas), probablemente do s. XII, a de San Rafael (s. XIX) e o cruceiro do lugar.
A Igrexa de Santa María de Amoeiro data, así mesmo, do s. XII (1.162) e o coro do XVIII (1.750). No seu entorno aséntase un cruceiro, e no núcleo de San Marcos unha Capela, de estilo s. XVIII, que posúe -anexo á mesma- un antigo sepulcro escavado en pedra, cuxa datación remóntase ó s. X, e que pode ser a orixe desta edificación. No centro da parroquia, en Souto, había un peto de ánimas que foi trasladado ó patio dun particular que reside na zona.
O Mosteiro feminino de San Miguel do Priorato é un dos emblemas de Bóveda. A súa datación varía entre os séculos X e XII, foi desamortizado e hoxe é propiedade privada. Tamén compre subliñar a Igrexa de San Paio, de estilo s. XVIII e con datacións de, a lo menos, o s. XV, así como 3 cruceiros sitos na súa contorna.
Na parroquia de Cornoces atópase a rústica Capela de San Estevo de Sabuxe que pode ser a máis antiga do municipio. Sen embargo, o elemento máis relevantes é a Igrexa de San Martiño de Cornoces, do s. XII, que se atopa sobre un castro e conta cunha das inscricións máis valiosas do país; a este respecto, debe salientarse o estudo sobre dita inscrición realizado polos Catedráticos de Latín Juan Luís Saco e Juan A. Saco, que aparce a carón destas liñas.
As capelas integradas no Pazo de Martinga (en estado de ruina) e no Pazo de Santa Catalina son tamén destacables, así como os 3 cruceiros desta parroquia e, singularmente, o de Sabariz. No núcleo máis excéntrico desta parroquia, Bubeiras, hai un fermoso peto de ánimas a carón da estrada.
A Igrexa de Santa Mariña de Fontefría data do s. XII e ampliouse no XVIII. Nas proximidades da mesma atópase un cruceiro, e destaca nesta parroquia a Capela de San Xiao, cunha ara romana no seu interior e lousas castrexas integradas nas súas paredes; a súa orixe sitúase en torno ó s. XII.
A freguesía de Parada está advocada a Santiago dende o s. XVIII, data en que se creou a cofradía do apóstolo e construíuse a igrexa parroquial, na que se integrou a capela procedente do Pazo de Miranda. Previamente, existía a Capela de A Poboanza para os veciños deste núcleo e dos pobos veciños de Rairo, Fonte de Rairo e A Teixeira; esta construción, de probable orixe no s. XII, está advocada ó Neno Xesús, conta cun cruceiro nas proximidades e sigue utilizándose na actualidade.
A Igrexa de San Cibrao é a que representa á freguesía de Rouzós. Reconstruíuse nos s. XVI e XVIII, e aséntase sobre unha construción orixinaria do ano 892, segundo escritos datados en 932. Nas proximidades, sitúase un cruceiro.
A Igrexa advocada a San Pedro en Trasalba data do s. XIII, amosa unha interesante transición do románico ó gótico, e integra, así mesmo, elementos de imitación castrexa. Na súa contorna figura un cruceiro. Debe recibir unha mención especial a Capela advocada á Candelaria, sita en O Formigueiro; esta construción románica e irregular conta na súa fachada cunha fermosa lousa castrexa, que é única en Galicia por amosar un xinete a cabalo entre unha reata destes animais. Esta pedra foi achada cando se volteu a mesa que facía as funcións de altar ó realizar unhas obras de remodelación en 1988. O mencionado xinete constitúe actualmente a identidade corporativa do Concello de Amoeiro. No pobo de Outeiro de Trasalba, fronte ó campo da festa, hai un peto de ánimas.
Ás reitoriais correspóndelles un comentario diferenciado, pois 7 das construccións anexas ás igrexas parroquiais atópanse en estado de ruina, e só a de Parada reúne condicións de habitabilidade; algunhas, como as de Abruciños, Cornoces e Rouzós xa están derrubadas, a de Amoeiro corre o mesmo perigo e as de Bóveda, Fontefría e Trasalba están en situación de abandono.
Pazos e Casas Grandes
Amoeiro, polo seu clima benigno e proximidade respecto da capitalidade provincial, é un lugar apetecible para a edificación de casas señoriais dende tempos inmemoriais. Proba de elo son os numerosos pazos e casas grandes que ocupan o seu territorio. Antes de realizar a súa descrición, recoméndase, como no caso das igrexas, un percorrido polo apartado Amoeiro 3D da páxina web, onde se visualizan con máis detalle.
Una de estas edificacións é o Pazo de San Damián de Boa Vista, sito en Abruciños. A súa orixe remóntase ó século XVI, cando Fernando de Boan, crego da parroquia, edificou a Pousa de Cacabelos, que despois pasaría a adquirir o seu nome actual. Tras varios cambios de propietarios, e numerosas visicitudes, entre as que se inclúe un incendio e o posterior estado de abandono, foi reconstruído por Filiberto Soto en 2000, recobrando o seu esplendor. Na actualidade, é un fermoso emprazamento de turismo rural xestionado por unha recoñecida empresa galega. A Casa dos Herdeiros de Ramón Chao é outro exemplo de arquitectura en Abruciños, e tamén está ligada ó Pazo de San Damián ó igual que a Capela anexa á mesma.
En Amoeiro destacan o Pazo de Tranguiolas e a Casa Pacega de Poutás ou Casa dos Sotelo. O Pazo de Tranguiolas sitúase na Torre de Amoeiro, que foi o lugar no que estiveron as unidades administrativas municipais ata 1.880 e no que, segundo a tradición oral, arderon os arquivos en 1.871. Na actualidade, conservase unha inscrición do s. XV no balcón do patio interior da ala oeste deste edificio, que indica a antigüidade do mesmo; a ala este está, a día de hoxe, separada da anterior que se atopa en estado de ruina. A Casa Pacega de Poutás data de de 1.844, que foi o ano en que a edificou José Sotelo Puga. Dende 1985 é propiedade da familia Troncoso.
Outras casas de renome na parroquia de Amoeiro son a Casa das Castañas (datada en 1.550), a Casa Palacete de Souto (propiedade dos López Araújo), a Casa Solariega Ribadeneiras de 1.845 (titulariedade actual dos herdeiros de José Estévez Nájera), a Casa Solariega Ignacio María Moreno (1912) e a Casa de Fontes (titulariedade actual de José Rivera).
En Bóveda a edificación máis sobresaínte é o Pazo de Coto Martín, torre-fortaleza circundada por unha fermosa balconada, e que inclúe o cabaceiro máis longo da provincia e árbores susceptibles da catalogación senlleira, entre outros moitos atractivos. Dende fai menos dunha década está deshabitado, e urxe a súa venda para evitar o deterioro.
Outras edificacións destacadas na parroquia de Bóveda son a Casa Solariega de Chacín ou Pousa de Bóveda, previsiblemente do s. XVI e a casa Fortaleza de Chacín (con probable orixe no s. X-XI), que mantén a titulariedade na familia de orixe (o seu propietario actual e D. José Manuel Nóvoa Dopazo); ambas sitúanse no núcleo denominado a día de hoxe como Outeiro, na entrada de O Burgo. Por último, e tamén nesta parroquia, compre subliñar a Casa Solariega do Tiollo (datada no s. XVI), cunha fermosa eira ó seu carón.
A parroquia de Cornoces ten dúas construccións emblemáticas: o Pazo de Martinga e o de Santa Catalina. O primeiro, actualmente en estadio de ruina, figura no núcleo abandonado que o rodeaba. Segundo documentación de nomeamentos da súa capelanía, a súa orixe remóntase ó s. XVI. Hoxe en día, é propiedade da familia Paradela.
O Pazo de Cornoces foi coñecido como Pousa de Cornoces ou Pousa dos Viandantes, pola súa proximidade á vía romana. A súa denominación cambiou pola actual de Pazo Santa Catalina de Cornoces en 1882, que foi cando se advocou a esta figura relixiosa por parte da súa última propietara -Dna. Ramona Villar Taboada-, coincidindo coa creación do «Asilo-Colegio» de Cornoces. As «Hermanas de la Caridad de san Vicente de Paúl» usárono para impartiron clase a nenas e nenos de Cornoces, e foi nos anos 70 do sédulo pasado «laboratorio» no que se tentou integrar socialmente a delincuentes xuveniles provintes de diversas partes de España. Finalmente, o Bispo de Ourense, Monseñor Temiño, vendeu o pazo -xunto ó resto de capitais mobiliarios e inmobialiarios de Dna. Ramona (así como contas bancarias)- ó representante de Cáritas (Benigno Moure) pola cantidade de 100 pesetas. Hoxe en día é utilizado por unha Fundación para atender a persoas en situación de dependencia causada por discapacitacións psíquicas.
O Pazo de Parada, na parroquia do mesmo nome, é unha das casas grandes máis imponentes da provincia. A súa orixe podería remontarse ó século XIV, contendo partes construídas en diversas épocas. Polos seus muros pasaron os linaxes dos Enríquez, dos Salgado e dos Miranda, de quen tomou finalmente o seu nome como Pazo de Miranda. Luce unha ampla e longa solaina, de máis de 60 m, cunha fermosa varanda de pedra formada por artísticos balaústres ben traballados e con piares que, cada cinco balaústres, sosteñen elegantes columnas toscanas nas que apoia a cuberta. Uns modillóns continúan a liña deses piares sobre a zona na que descansa a solaina e que á súa vez forma un cornixamento que se apoia noutras tantas columnas toscanas, en correspondencia coas do piso alto.
Outras casas dignas de mención na parroquia de Parada son: a Casa dos Frades (A Teixeira, orixinaria entre os s. X e XIII), a Casa Solariega de A Teixeira (1731), a Casa dos Nóvoa (A Poboanza, 1767), [a Casa do Carteiro e a Casa dos Sarmiento, ambas de 1767 e de A Poboanza, perderon a súa valía a primeira xa non existe e a segunda a causa da súa rehabilitación], a Casa do Burguete (O Burguete, s. XVIII), a Casa de Laxa-Fontao (O Fontao, s. XVII), a Casa Callón (Vilaboa, s. XIX), a Casa Cuartel (Vilaboa, s. XIX), e a Casa de Fontao (O Fontao, s. XVIII).
Dúas son as edificacións máis salientables da parroquia de Trasalba: o Pazo do Campo e a Casa Grande de Cimadevila. Actualmente, coñécese á primeira co nome de Pazo Gayón, debido á linaxe orixinaria do mesmo; a súa construción en Trasalba data do século XVIII. No s. XIX o pazo foi vendido a un tal “Chamocín”, a quen llo comprou o pai de D. Ramón Otero Pedrayo alegando que non quería que lle puxeran unha taberna cerca da súa casa; a D. Ramón mércalle o pazo D. Jesús Gil de la Serna e este, finalmente, véndella ó seu actual propietario: o arquitecto D. Juan Rodríguez de la Cruz. Hai uns anos comezouse un proxecto de restauración, mais non se concluíron as obras. A día de hoxe, é preciso acondicionalo para evitar o seu abandono.
A Casa Grande de Cimadevila, máis comunmente coñecida como Pazo Museo Otero Pedrayo, sitúase a carón do Pazo Gayón e construína D. Benito Sotelo en 1764. O seu último posuidor foi D. Ramón Otero Perdrayo e nela radícase a Fundación que leva o nome do insigne Fidalgo das Letras Galegas. O Premio Trasalba, así como diversos cursos, actos, exposicións, cerimonias, actuacións artísticas, etc. desenvólvense nas súas instalacións todos os anos, e este lugar é tamén obxecto de visitas turísticas e educativas, así como de reunións periódicas do seu Padroado. É, sen dúbida, un dos lugares nucleares da cultura galega.
Outras Casas Grandes a salientar nesta parroquia son a da Bergueira (orixinaria, probablemente, do s. XVIII), así como a Casa Montes e a Casa Boán en Albeiros.
Este apartado contempla construcións fortemente arraigadas na tradición popular, e inclúe cabaceiros, muíños, fornos, minas, fontes e eiras. Por fortuna, elementos abondosos na xeografía amoeirense, aínda que o estado de abandono de algunhas destas tipoloxías ameaza a súa supervivencia, polo que é obriga de todas as persoas que formamos parte de Amoeiro coidar deste ancestral patrimonio.
Os cabaceiros ocupan un lugar nuclear no lenzo patrimonial galego e, singularmente, en Amoeiro. Proba de súa relevancia é a protección que reciben dende 1973, e nomeadamente a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) que lles outorgou a Lei de Patrimonio Histórico Español de 25 de xuño de 1985 ; adicionalmente, debe subliñarse a cantidade e a singularidade de moitos deles na nosa terra: nun traballo encargado polo concello en 2009 ó especialista José Arturo Fernández Araújo e ó arquitecto Diego González Naval, que foi presentado ás axudas do 1% cultural en 2010, o Concello de Amoeiro inventariou 220 destas construccións, presentando un proxecto de restauración ante o Ministerio de Fomento que non conqueriu a axuda económica esperada por mor de cuestións técnico-xurídicas. A continuación, amósase unha mostra do proxecto que inclúe a introdución do Alcalde de Amoeiro e unha das 220 fichas incluídas no mesmo.
Tamén é amplo o abano de muíños de auga que adornan a nosa xeografía, se ben o seu estado de conservación é máis preocupante que o dos cabaceiros. Exemplos destas construcións anexas ós cauces fluviais son os existentes en Martinga, Bubeiras, as Carballas (no «puzo» de Amoeiro), Fontefría, no Cachón, en A Pena, na Devesa, no Formigueiro, no puzo de Penouviña, en Cimadevila de Rouzós ou en Liñares. Algúns deles crese que son orixinarios do s. XVI (como os xa mencioandos de Fontefría); a súa reparación é unha tarefa inaprazable.
Un terceiro elemento patrimonial a destacar son os fornos. Aparte da súa función na alimentación (cocer pan, empanadas ou roscas, así como asar carnes), estas construcións desmpeñaron notables funcións comunitarias e mesmo políticas en Amoeiro. Os fiadeiros tiñan lugar ó calor dos fornos, e tamén neles agromou o agrarismo e a loita por unha terra libre da opresión e o caciquismo. Así, Benito Sánchez Dopazo (pai de Castor Sánchez Martínez, primeiro Alcalde da Democracia Amoeirense na II República) sementou o xermolo da loita polos dereitos dos labregos no forno de Portecelos, e a súa mensaxe trasladouse nestes entornos ós demais núcleos do municipio. Cada núcleo de poboación tiña o seu forno, e exemplos actuais deles son os existentes en Amoeiro, Os Casares, Cachomane, Fontefría, A Bergueira, Outeiro de Trasalba, Soutomanco, Portecelos, A Poboanza, O Burguete, O Fontao, Albeiros, A Bergueira, Monteasnal, O Burgo, Outeiro de Bóveda, O Priorato, Bacurín, Santabaia, Cimadevila de Rouzós, Loureiro, etc.
Tan indispensable como a comida é a auga, e nun terreo tan asucado por mananciais non resulta estrana a abundancia de minas e fontes. De feito, arredor dunha centena destes elementos poboan o municipio; as minas máis toscas e antigas coexisten con fontes sobrias construídas nos anos 50 que serviron de escaparate da publicidade franquista. Recentemente, o Concello de Amoeiro asentou placas sinalizadoras desta simboloxía nas devanditas fontes (13 en total) co obxecto de dar cumprimento á denominada Lei de Memoria Histórica.
Un último elemento a destacar na arquitectura tradicional é a eira ou construción chan de terra firme ou de pedra empregado para mallar cerais, secar legumes, etc. Na maioría dos casos constituía un lugar de encontro comunitario, aínda que parcelado de xeito individual; os máis acaudalados dispoñían de eiras de seu dentro das súas propiedades. Sea como for, o certo é que as eras esparexíanse por toda a xeografía rural, e delas quedan algunhas particularmente fermosas como acontece coas enlousadas,
Un último elemento da arquitectura popular son as adegas. Neste senso, e aínda que están espalladas por diversas partes do territorio amoeirense, só nun lugar constitúen unha agrupación característica: en A Bergueira; a razón é a zona de viñedos alí inscrita, pois trátase do lugar que reúne as condicións máis apropiadas para o seu cultivo. Na actualidade, algunhas delas reconvertíronse en vivendas.
O Percorrido pola senda dos persoeiros senlleiros de Amoeiro condúcenos a escritores insignes da talla de Ramón Otero Pedrayo, membros destacados do Estado como Juan Fernández de Boán, arabistas de renome como Darío Cabanelas Rodríguez e artistas universais como Antón Pulido Nóvoa. Grandes figuras da nosa terra, algunhas inxustamente esquecidas.
O Patriarca das Letras Galegas, e figura emblemática da cultura amoeirense, é D. Ramón Otero Pedrayo. D. Ramón é máis que un egrexio escritor , trátase dun verdadeiro polígrafo que cultivou narrativa, ensaio, dramaturxia, xornalismo, descricións biográficas e ata guións cinematográficos, ao que hai que engadir unha faceta non menos relevante que as anteriores: a súa incomparable valía como conferenciante.
Viviu gran parte da súa vida na Casa Grande de Cimadevila (Trasalba, Amoeiro), tamén coñecida como Pazo Museo Otero Pedrayo, que alberga a Fundación que leva o seu nome. Nesta sede do pensamento oteriano outorgase anualmente dende 1983, e de xeito ininterrompido, o Premio Trasalba, sendo entregado ás figuras máis renomeadas do panorama cultural galego. O Presidente da Real Academia Galega é, así mesmo, Presidente de Honra da Fundación, sendo o Presidente actual do Padroado D. Victor Fernández Freixanes.
Calquera comentario ou análise sobre a obra de D. Ramón Otero Pedrayo precisa, necesariamente, de profundar no seu erudito coñecemento cuxa magnitude pódese albiscar na web da Fundación, cuxa ligazón aparece baixo estas liñas, ó rematar a páxina.
Practicamente descoñecido para a poboación amoeirense contemporánea é D. Juan Fernández de Boán, que naceu na Pousa de Cacabelos, coñecida actualmente como Pazo de San Damían (Abruciños), en 1549, e finou en Sevilla o 9 de outubro de 1615. Foi un maxistrado e político español que estivo provisionalmente a cargo do Vicerreinato de Perú como Presidente da Real Audiencia de Lima (1606-1607).
Estudou no Colexio Fonseca, na Universidade de Salamanca, graduándose en Leis e Canons, chegando a rexentar a Cátedra desta última materia. O 23 de abril de 1592 foi nomeado Oidor da Real Audiencia de Lima. Tras a morte de Gaspar de Zúñiga y Acevedo, Conde de Monterrey (10 de febreiro de 1606), encargouse á dita Audiencia o goberno do Vicerreinato, sendo elixido como presidente o doutor Diego Núñez de Avendaño, por ser o Oidor Decano (o máis antigo); pero este faleceu o 26 de maio, polo que correspondeulle a Fernández de Boán asumir a Presidencia da Audiencia gobernadora, así como o cargo anexo de Capitán Xeral do Perú. Culminado o seu mandato, Juan Fernández de Boán foi designado para ocupar una praza no Consello de Indias (27 de xaneiro de 1613). Porén, retornou a España e tomou posesión do seu novo cargo o 17 de decembro de 1614, no que se mantivo ata a súa morte. Conseguiu unha grande fortuna en Perú, á que engadiu a da súa única esposa lexítima, Damiana de Landecho y Asolo, distinguida dama criolla coa que se casou en Lima en 1601. Así engrandeceu a súa linaxe, que arraigou en Amoeiro e Galicia.
Tamén inxustamente esquecido, ou a lo menos falto do recoñecemento que merece, é o perfil do senlleiro arabista D. Darío Cabanelas Rodríguez (Trasalba, 1916-1992). De feito, é sinalado como un dos máis importantes arabistas do século 20. Estudou filosofía e teoloxía en Santiago de Compostela, e foi ordenado sacerdote da Orde Franciscana en 1940. A partires de 1942 dirixiu os seus estudos cara a titulación de Filosofía e Humanidades, Sección de Filoloxía Semiótica, na Universidade Central (coñecida actualmente como Universidade Complutense de Madrid), onde obtivo un Premio Extraordinario. Doutorouse en 1948 coa tese “Juan de Segovia y el problema islámico”, coa que tamén gañou un premio especial de doutoramento. Foi bolseiro e colaborador de Miguel Asín Palacios do Instituto Español do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ensinou lingua e literatura árabe na Universidade Complutense e, dende 1955, na de Granada. Foi discípulo de Emilio García Gómez, que formou a moitos profesionais de distintas xeracións durante máis de 40 anos.
As súas contribucións son moi extensas: escribiu más de 100 traballos entre libros, artigos, informes e revisións bibliográficas, dirixiu 18 teses de doutoramento, participou en 26 masters, etc., e impartiu conferencias sobre o mundo árabe e islámico a nivel nacional e internacional. Especializouse en lingüística árabe, literatura e filosofía, versando os seus traballos máis senlleiros sobre Ibn Sida e Alonso del Castillo. Posteriormente, ocupou altos cargos e dignidades académicas, tales como o de Deán da Facultade de Filosofía e Humanidades de Granada (1965-1968), Director do Departamento de Arábe en Granada (1972-1987), Director da Escola de Estudos Árabes do CSIC en Granada (1972-1984), Membresía da Real Academia de Belas Artes de Granada (1977-1992), Presidente da Comisión de Publicacións do Consello da Alhambra e do Generalife (1978-1985), Membro “ad honorem” do Instituto de Cooperación co Mundo Árabe do Ministerio de Asuntos Exteriores de España (1979-1982), entre outros. Xubilouse en 1985, e foi nomeado Profesor Emérito da Universidade de Granada en 1987.
Antón Pulido Nóvoa, nado en Bóveda de Amoeiro, Vigués Distinguido en 2007, Fillo Predilecto de Amoeiro en 2008 e Premio Trasalba 2015, é un dos pintores máis sobranceiros do panorama galego. Cursou Estudos de Belas Artes na Escola Superior San Jorge (Barcelona), e foi durante moitos anos profesor de debuxo e artes plásticas no Instituto Álvaro Cunqueiro en Vigo e, así como Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e Director do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela).
A súa primeira exposición tivo lugar no Ateneo de Ourense, en 1971, participando dende entón en máis de 50 exposicións individuais e colectivas en galegas, estatais e internacionais. En Cataluña, no ano 1987, representou a Galicia como invitado pola Generalitat, xunto a artistas da talla de Antonio Saura, García Berlanga, César Manrique e Baltasar Porcel, no marco dos «Encuentros de Antropología y diversidad hispánica». Editou tres carpetas de gravados, tituladas «O home», «O abrazo» e «A espera» nos anos 1978, 1979 e 1981. Exposicións destacadas de talla internacional son as que realizou en Taiwan (Galería “Jia Art Gallery” de Taipei, 2008), Beijing (Feira BEIJING FAIR ART, 2008), Shangai (Feira SHANGHAI ART FAIR, 2009), Seul (Feira KIAF/09 SEUL, 2009; Galería MYOUNG GALLERY , 2010; Feira SOAF SEUL, 2010) e Roma (Embaixada de Exipto en Roma, 2011; Galería Casiopeia, 2013).
Tamén está vinculado a proxectos editoriais, deseñando a colección Artistas Galegos da editorial Nova Galicia Edicións e portadas de libros da editorial «Ir Indo», reproducindo nalgunhas delas cadros de seu exhibidos en mostras relevantes. Na actualidade, a súa obra, asociable ás escolas xermanas de postguerra con modos fauvistas, ocupa lugares preferentes en museos e coleccións nacionais e internacionais. Apaixonado das redes sociais, avanza novidades da súa obra no seu propio Facebook.
Na historia de Amoeiro existen máis figuras que serven de bandeira do concello, e esta é só unha escolma, polo que convidamos a que fagan aportacións a veciñanza e os estudosos, co obxecto de seguir enriquecendo o noso acervo municipal. Algunhas só a historia poderá recuperalas, outras incorporaranse á atalaia de próceres de Amoeiro no futuro, e todas dignificarán a nosa terra.