Pazos e Casas Grandes
Amoeiro, polo seu clima benigno e proximidade respecto da capitalidade provincial, é un lugar apetecible para a edificación de casas señoriais dende tempos inmemoriais. Proba de elo son os numerosos pazos e casas grandes que ocupan o seu territorio. Antes de realizar a súa descrición, recoméndase, como no caso das igrexas, un percorrido polo apartado Amoeiro 3D da páxina web, onde se visualizan con máis detalle.
Una de estas edificacións é o Pazo de San Damián de Boa Vista, sito en Abruciños. A súa orixe remóntase ó século XVI, cando Fernando de Boan, crego da parroquia, edificou a Pousa de Cacabelos, que despois pasaría a adquirir o seu nome actual. Tras varios cambios de propietarios, e numerosas visicitudes, entre as que se inclúe un incendio e o posterior estado de abandono, foi reconstruído por Filiberto Soto en 2000, recobrando o seu esplendor. Na actualidade, é un fermoso emprazamento de turismo rural xestionado por unha recoñecida empresa galega. A Casa dos Herdeiros de Ramón Chao é outro exemplo de arquitectura en Abruciños, e tamén está ligada ó Pazo de San Damián ó igual que a Capela anexa á mesma.
En Amoeiro destacan o Pazo de Tranguiolas e a Casa Pacega de Poutás ou Casa dos Sotelo. O Pazo de Tranguiolas sitúase na Torre de Amoeiro, que foi o lugar no que estiveron as unidades administrativas municipais ata 1.880 e no que, segundo a tradición oral, arderon os arquivos en 1.871. Na actualidade, conservase unha inscrición do s. XV no balcón do patio interior da ala oeste deste edificio, que indica a antigüidade do mesmo; a ala este está, a día de hoxe, separada da anterior que se atopa en estado de ruina. A Casa Pacega de Poutás data de de 1.844, que foi o ano en que a edificou José Sotelo Puga. Dende 1985 é propiedade da familia Troncoso.
Outras casas de renome na parroquia de Amoeiro son a Casa das Castañas (datada en 1.550), a Casa Palacete de Souto (propiedade dos López Araújo), a Casa Solariega Ribadeneiras de 1.845 (titulariedade actual dos herdeiros de José Estévez Nájera), a Casa Solariega Ignacio María Moreno (1912) e a Casa de Fontes (titulariedade actual de José Rivera).
En Bóveda a edificación máis sobresaínte é o Pazo de Coto Martín, torre-fortaleza circundada por unha fermosa balconada, e que inclúe o cabaceiro máis longo da provincia e árbores susceptibles da catalogación senlleira, entre outros moitos atractivos. Dende fai menos dunha década está deshabitado, e urxe a súa venda para evitar o deterioro.
Outras edificacións destacadas na parroquia de Bóveda son a Casa Solariega de Chacín ou Pousa de Bóveda, previsiblemente do s. XVI e a casa Fortaleza de Chacín (con probable orixe no s. X-XI), que mantén a titulariedade na familia de orixe (o seu propietario actual e D. José Manuel Nóvoa Dopazo); ambas sitúanse no núcleo denominado a día de hoxe como Outeiro, na entrada de O Burgo. Por último, e tamén nesta parroquia, compre subliñar a Casa Solariega do Tiollo (datada no s. XVI), cunha fermosa eira ó seu carón.
A parroquia de Cornoces ten dúas construccións emblemáticas: o Pazo de Martinga e o de Santa Catalina. O primeiro, actualmente en estadio de ruina, figura no núcleo abandonado que o rodeaba. Segundo documentación de nomeamentos da súa capelanía, a súa orixe remóntase ó s. XVI. Hoxe en día, é propiedade da familia Paradela.
O Pazo de Cornoces foi coñecido como Pousa de Cornoces ou Pousa dos Viandantes, pola súa proximidade á vía romana. A súa denominación cambiou pola actual de Pazo Santa Catalina de Cornoces en 1882, que foi cando se advocou a esta figura relixiosa por parte da súa última propietara -Dna. Ramona Villar Taboada-, coincidindo coa creación do “Asilo-Colegio” de Cornoces. As “Hermanas de la Caridad de san Vicente de Paúl” usárono para impartiron clase a nenas e nenos de Cornoces, e foi nos anos 70 do sédulo pasado “laboratorio” no que se tentou integrar socialmente a delincuentes xuveniles provintes de diversas partes de España. Finalmente, o Bispo de Ourense, Monseñor Temiño, vendeu o pazo -xunto ó resto de capitais mobiliarios e inmobialiarios de Dna. Ramona (así como contas bancarias)- ó representante de Cáritas (Benigno Moure) pola cantidade de 100 pesetas. Hoxe en día é utilizado por unha Fundación para atender a persoas en situación de dependencia causada por discapacitacións psíquicas.
O Pazo de Parada, na parroquia do mesmo nome, é unha das casas grandes máis imponentes da provincia. A súa orixe podería remontarse ó século XIV, contendo partes construídas en diversas épocas. Polos seus muros pasaron os linaxes dos Enríquez, dos Salgado e dos Miranda, de quen tomou finalmente o seu nome como Pazo de Miranda. Luce unha ampla e longa solaina, de máis de 60 m, cunha fermosa varanda de pedra formada por artísticos balaústres ben traballados e con piares que, cada cinco balaústres, sosteñen elegantes columnas toscanas nas que apoia a cuberta. Uns modillóns continúan a liña deses piares sobre a zona na que descansa a solaina e que á súa vez forma un cornixamento que se apoia noutras tantas columnas toscanas, en correspondencia coas do piso alto.
Outras casas dignas de mención na parroquia de Parada son: a Casa dos Frades (A Teixeira, orixinaria entre os s. X e XIII), a Casa Solariega de A Teixeira (1731), a Casa dos Nóvoa (A Poboanza, 1767), [a Casa do Carteiro e a Casa dos Sarmiento, ambas de 1767 e de A Poboanza, perderon a súa valía a primeira xa non existe e a segunda a causa da súa rehabilitación], a Casa do Burguete (O Burguete, s. XVIII), a Casa de Laxa-Fontao (O Fontao, s. XVII), a Casa Callón (Vilaboa, s. XIX), a Casa Cuartel (Vilaboa, s. XIX), e a Casa de Fontao (O Fontao, s. XVIII).
Dúas son as edificacións máis salientables da parroquia de Trasalba: o Pazo do Campo e a Casa Grande de Cimadevila. Actualmente, coñécese á primeira co nome de Pazo Gayón, debido á linaxe orixinaria do mesmo; a súa construción en Trasalba data do século XVIII. No s. XIX o pazo foi vendido a un tal “Chamocín”, a quen llo comprou o pai de D. Ramón Otero Pedrayo alegando que non quería que lle puxeran unha taberna cerca da súa casa; a D. Ramón mércalle o pazo D. Jesús Gil de la Serna e este, finalmente, véndella ó seu actual propietario: o arquitecto D. Juan Rodríguez de la Cruz. Hai uns anos comezouse un proxecto de restauración, mais non se concluíron as obras. A día de hoxe, é preciso acondicionalo para evitar o seu abandono.
A Casa Grande de Cimadevila, máis comunmente coñecida como Pazo Museo Otero Pedrayo, sitúase a carón do Pazo Gayón e construína D. Benito Sotelo en 1764. O seu último posuidor foi D. Ramón Otero Perdrayo e nela radícase a Fundación que leva o nome do insigne Fidalgo das Letras Galegas. O Premio Trasalba, así como diversos cursos, actos, exposicións, cerimonias, actuacións artísticas, etc. desenvólvense nas súas instalacións todos os anos, e este lugar é tamén obxecto de visitas turísticas e educativas, así como de reunións periódicas do seu Padroado. É, sen dúbida, un dos lugares nucleares da cultura galega.
Outras Casas Grandes a salientar nesta parroquia son a da Bergueira (orixinaria, probablemente, do s. XVIII), así como a Casa Montes e a Casa Boán en Albeiros.