O obxectivo é conseguir un aforro enerxético superior ao 60% nas estacións de depuración de augas residuais de Trasalba e Fontefría, ademais de facilitar o seu mantemento, aumentar a súa vida útil coas obras de renovación e mellora levadas a cabo.
O alcalde do Concello José Luis González López e o concelleiro de Servizos Adolfo González Nóvoa visitaron as instalacións con motivo da entrega das obras de mellora da eficiencia enerxética que se desenvolveron nas depuradoras de Trasalba e Fontefría. “O obxecto destas obras pioneiras na provincia vai permitir ter unhas depuradoras máis eficientes enerxéticamente e o aumento da súa vida útil, o que suporá unha redución do consumo en máis dun 60% e un maior rendemento das instalacións”, informa o Concello no comunicado. As instalacións levan ademais incorporada unha instalación solar fotovoltaica que permite reducir o importe da factura coa produción de enerxía que se vai a dedicar ao autoconsumo.
As obras contaron coa axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía ( IDAE), organismo adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da convocatoria de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Máis en concreto na medida: “Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de potabilización, depuración de augas residuais e desalación”.
Maior eficiencia enerxética
O orzamento total das obras de renovación e mellora das instalacións supuxo un investimento de 149.711 euros (IVE engadido), do cal o 80% foi subvencionado polo IDAE. As novas melloras nas estacións depuradoras de augas residuais inclúen a instalación dun reactor biolóxico de leito móbil, cun decantador secundario e purga ao espesador, así como unha mellora no sistema de control do funcionamento da planta con programación de PLC de comando da planta, a instalación de novas soplantes de alimentación do reactor adecuadas á capacidade e carga de xeito que se optimice o seu funcionamento mediante un novo sistema de control sobre os niveis de aireación de maneira que se manteña un óptimo de nivel de osíxeno dentro do reactor reducindo arranques e paradas e adaptándose á carga de entrada.
Adicionalmente realizouse a optimización dos bombeos das depuradoras e instalouse un sistema de control da planta que permite reducir as xestións de mantemento o que reduce os custos de operación da mesma e permite reducir o consumo de enerxía eléctrica destacando entre elas as instalacións fotovoltaicas para autoconsumo.
Todo iso, vai permitir reducir os consumos enerxéticos nun 60%, mellorar a calidade de proceso biolóxico de depuración e por tanto, da auga depurada, reducir o volume de lodos e as tarefas de mantemento, o que simplificará e mellorará o funcionamento das depuradoras de Fontefría e Trasalba.
As obras foron cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014 – 2020.
Leave a Reply