No seo do Programa para a Xuventude 2016, que está organizado polos Concellos de Amoeiro, Coles e Maside, ofrécese a posibilidade de participar a mozas e mozos de ditos concellos, entre 12 e 14 anos, no Campamento de Verán Virxe de Loreto.
O campamento desenvolverase entre o 17 e o 22 de xullo nas instalacións homónimas da Xunta de Galicia, sitas á beira do mar en A Aguieira, a 2 quilómetros de Porto do Son (A Coruña).
O campamento terá como piares fundamentais a tolerancia, a igualdade, a revalorización dos recursos naturais e a aposta por un futuro sostible.
Todas as actividades adaptaranse ao grupo de idade e procurarán, ademais da súa vertente lúdica, o desenvolvemento de habilidades e capacidades para coñecer o medio natural, así como para por en marcha novas alternativas que permitan un desenvolvemento máis sostible, fomentando o entusiasmo, a curiosidade e o interese como base da aprendizaxe.
METODOLOXÍA A EMPREGAR
- Activa: procurando fomentar a creatividade e a espontaneidade.
- Participativa: asignando responsabilidades a todos os participantes.
- Significativa: a partires dos coñecementos, actitudes e aptitudes previas dos mozos e das mozas.
- Integradora: promovendo o traballo en grupos pequenos nos que se fomenta o espírito de equipo.
- Non sexista: subliñando a igualdade como valor esencial.
- Flexible: Pois todo o anterior está sempre adaptado ás características do grupo.
OBXECTIVOS
Trátase dun campamento tematizado ambiental situado a carón do mar, que se levará a cabo nun ambiente de igualdade e amizade, e no que se descubrirá o fascinante mundo da natureza mariña a través de xogos e dinámicas de grupo.
Combina diversidade de actividades educativas en contacto coa natureza, promove a sensibilidade medioambiental xunto a identificación dos valores humanos de convivencia na mesma, dando cabida a xogos, dinámicas de grupo, obradoiros, excursións, actividades multiaventura e debates sobre as solucións que necesita o planeta.
A metodoloxía e os obxectivos teñen como referencia a Estratexia Galega de Educación Ambiental e inclúen os seguintes:
- Vivenciar o entorno máis natural e salvaxe da costa galega.
- Descubrir e empatizar coa natureza como método de sensibilización social.
- Espertar emocións e sentimentos a partires de experiencias vivenciais.
- Potenciar as relación interpersoais, as habilidades sociais e a cooperación, para actuar en defensa do medio e estimular o sentido da responsabilidade e a creatividade.
CUSTE E PRE-INSCRICIÓNS
O custe do campamento é de 85 euros por participante, e para formalizar as pre-inscricións serán necesario facilitar os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, dirección, teléfono e e-mail (optativo) do responsable familiar así como do/a menor con interese en participar no campamento. Estas informacións poderanse facilitar a partires do martes 7 de xuño e a través de calquera dos seguintes medios:
- E-mail concello@amoeiro.gal
- Tlf.: 988281000
- Fax: 988279988
- En persoa, nas oficinas da Casa Consistorial.
Despois de analizar as pre-inscricións recibidas nos tres municipios, comunicaranse as admisións ó campamento.
O campamento, conformado por tendas de campaña, ten un comedor cuberto, pista polideportiva e un recinto cuberto para obradoiros. Os aseos e os exteriores non están adaptados para situacións de discapacidade.
O abano de actividades inclúe kaiak, paddle surf, biomergullo mariño, escalada, surf, bodyboard, orientación, bicicleta, rapel, xeocaptura, tirolesa, tiro con arco e slack-line.





Leave a Reply