Hoxe, 7 de marzo de 2015, o Concello de Amoeiro asinou un convenio de colaboración coa entidade asociativa prestadora de servizos sociais “Fundación Amigos de Galicia”, co obxecto de aumentar a cobertura de necesidades básicas da vida cotiá de persoas que atravesan por graves dificultades económicas.
Mediante este convenio o concello aportará 1.800 euros (procedentes da partida 231-480), que supoñen o 20% da axuda que percibirán en alimentos e bens de primeira necesidade as oito unidades familiares beneficiadas en Amoeiro; a sinalada fundación aportará o 80% restante, cuxos fondos proceden das seguintes orixes: Fondo Europeo de Loita Contra a Pobreza, Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputacións galegas, empresas privadas, doazóns (tanto de particulares de asociacións veciñais, xuvenís, culturais, de mulleres, etc.) e padroado da propia fundación.
O conxunto dos recursos empregarase para prover, cada mes, de alimentos e bens de primeira necesidade ás oito unidades familiares en situación de especial necesidade detectadas a través dos servizos sociais municipais. Ata o de agora, as mencionadas persoas –xunto con outras doce que tamén precisan axuda- só recibían axudas a través do banco de alimentos, que os distribúe tres veces ó ano, así como mediante a campaña de recollida que se realizou o pasado Nadal.
Coa sinatura do presente convenio mellora, polo tanto, a frecuencia de axuda para os oito casos que a precisan con máis urxencia, manténdose tamén o banco de alimentos para eles, así como para doce casos adicionais cuxa situación é menos precaria.
É obriga do concello, así como da veciñanza e da sociedade en xeral, garantir a subministración de recursos básicos á cidadanía. A longa crise económica que estamos a vivir durante os últimos anos debe facernos aínda máis sensibles respecto ás situacións de carencia de recursos polas que atravesan as nosas veciñas e os nosos veciños, promovendo actuacións solidarias e alertando ós servizos sociais municipais cando se coñezan casos que precisen da acción pública.







Leave a Reply