A II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, que tivo lugar en Copenhague no ano 1910, é a orixe da conmemoración actual do Día Internacional da Muller e, por extensión, da muller Traballadora que se celebrou por primeira vez en Alemania, Austria, Dinamarca e Suíza o 19 de marzo de 1911.
En España, a primeira celebración tivo lugar en 1936, e a Organización das Nacións Unidas (ONU) institucionalizou o día 8 de marzo como data de celebración a partires de 1975. Este ano, o lema ou consigna da ONU é: «Por un planeta 50-50 en 2030: demos o paso para a igualdade de xénero.»
Neste devir, e chegado o momento actual, o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade Santa Águeda súmase a esta simbólica data recoñecendo a traxectoria vital das mulleres que loitan a cotío na nosa comunidade de concellos, e sinalando por vez primeira -e con afán de continuidade- a unha delas en cada un día municipios como emblema de loita e traballo.
O Grupo de Goberno do Concello de Amoeiro considerou, de xeito unánime, que a recentemente finada Elvira Abellás González é unha digna representante do esforzo, sacrificio e fortaleza femininos, e a fan merecedora de pública honra en tan magno día. E así llo fixo saber á súa familia, que aceptou o nomeanento e asistirá ó acto conmemorativo que terá lugar no Auditorio de Cambeo (Concello de Coles) o vindeiro 8 de marzo a partires das 7 da tarde.
No mencionado acto presentarase un vídeo referido ás homenaxeadas, e farase entrega dun obsequio na súa honra.
A cidadanía de Amoeiro está convidada a asistir á cerimonia, acompañando deste xeito á familia da nosa prezada e inesquecible Elvira, así como á memoria das esforzadas mulleres amoeirenses.
A lectura dun manifesto, e a entrega de premios ó alumnado que presentou os seus debuxos ó Primeiro Concurso denominado «A Igualdade da Muller e do Home no Traballo» serán outros dos ingredientes da reunión.
De seguido, e como remate desta nova, amósase o cartel que reflicte o programa desta fermosa xornada.






Leave a Reply