Grazas á xenerosidade de María del Pilar Ruiz Ruano Monje, veciña de Fontefría a quen todos coñecemos como Pili, o tradicional Belén de Nadal adorna por primeira vez a Casa Consistorial.
Pili naceu en Bilbao, e seguiu dende nena a costume familiar de realizar o Belén do Nadal, axudando ó seu pai co que chegou a facer un con mistos!!!. Dende fai 10 anos, Pili afondou na súa afección ata transformala en paixón. Así, traballa con mimo o poliexpan (acrónimo do poliestireno expandido; tamén se denomina cos nomes de porexpan, corchopán ou cortiza branca), e combínao con musgo, pedra, madeira, terra, luces, etc. para crear montañas, casas, pontes, pozos, fontes, etc. que crean un conxunto harmonioso que da cabida a lagos, fervenzas, hostais… recreando, en definitiva, a historia do nacemento cristián.
Ata o de agora, só unhas poucas persoas privilexiadas de Fontefría podían desfrutar desta obra ó visitar o fogar de Pili e do seu marido Paco, mais agora será toda a veciñanza quen dispoña desta oportunidade. A nosa veciña ofreceu o seu Belén e o seu altruísta traballo, puxos ó dispor das persoas de Amoeiro e o Concello aceptou, gustosamente, estes ofrecementos, asignándolle o espazo público máis visible e seguro do que dispomos: a cristaleira exterior da casa de todos.
O Belén permanecerá exposto ata despois da data de Reis Magos, para deleite dos nenos e das nenas do anexo centro escolar e da veciñanza de Amoeiro en xeral, e o Goberno Municipal amosa dende estas liñas a súa máis fonda gratitude á nosa veciña Pili de Fontefría.











Leave a Reply