O Concello de Amoeiro adoptou esta decisión na Sesión Plenaria celebrada o xoves 12 de novembro, contando cos votos favorables do Grupo de Goberno, que foi o seu impulsor, mentres que se abstivo o representante de XEIDA e votaron en conta os concelleiros do Partido Popular.
A medida de honra fundamentouse no informe de acreditación de méritos realizado polo concelleiro e deputado provincial do PSdeG-PSOE D. Adolfo González Nóvoa, e con ela o Concello de Amoeiro coroa un conxunto de accións dirixidas a un mesmo obxectivo: exaltar os valores da democracia na administración pública máis próxima á cidadanía, que é o seu concello.
A primeira acción nesta dirección tivo lugar en xuño de 2013, momento en que se designaron como Membros de Honra da Corporación ós concelleiros e ás concelleiras das corporacións democráticas post-franquistas, e se outorgou a Medalla de Ouro do Concello a dous alcaldes: D. José González Pérez e D. Manuel Fernández Rincón.
A segunda aconteceu en xuño de 2014 cando se nomearon Membros de Honra da Corporación a título póstumo ós doce integrantes da mesma durante a II República, concedéndose a Medalla de Ouro a dous dos tres Alcaldes que rexeron o municipio entre 1931 e 1936: D. Castor Sánchez Martínez e D. Manuel González Vázquez; non se puido outorgar nese momento a medalla de ouro ó terceiro Alcalde daquela etapa histórica –D. José María González González- debido a que o regulamento municipal de honra e distincións só permite dous galardóns desta natureza por ano.
Os cinco alcaldes sinalados recibirán, agora, un novo e merecido homenaxe que contribuirá a seguir lembrando a súa memoria no municipio e a destacar, así mesmo, a importancia das corporacións elixidas democraticamente.
Na elección das vías públicas primouse a proximidade respecto ó domicilio dos homenaxeados, coa excepción de D. Castor Sánchez Martínez, cuxa vivenda foi derrubada polas obras do tren de Alta Velocidade Española (AVE), privando ó municipio dun lugar no que rememorar a quen foi admirado rexedor e vítima da barbarie franquista, conducindo tales motivos a considerar á Casa Consistorial como seu simbólico lar, e propondo á rúa que a comunica co pobo como espazo que contribúa ó enaltecemento da súa figura.
De acordo cos anteditos criterios, O Concello de Amoeiro outorga as seguintes rúas:
- A D. Castor Sánchez Martínez: a Rúa Castor Sánchez Martínez, substituíndo á actual Rúa Bazacos.
- A D. Manuel Vázquez González: a Rúa Manuel Vázquez González, substituíndo á actual Rúa Fontevella.
- A D. José María González González: a Praza José María González González, substituíndo á actual Rúa Os Casares no entorno da praza de dita poboación.
- A D. José González Pérez: a Rúa José González Pérez, substituíndo á actual rúa Ourense no tramo comprendido entre a rúa de Santiago e o cruce da actual rúa Ourense coa estrada de Abruciños.
- A D. Manuel Fernández Rincón: a Rúa Manuel Fernández Rincón, substituíndo á actual Rúa de As Figueiras no espazo comprendido entre o fogar do homenaxeado e os cruces anterior e posterior ó mesmo.
Despois das eleccións xerais agora convocadas, realizaranse os actos públicos de asentamento das placas nas referidas rúas., avanzándose a continuación o deseño das mesmas:










Leave a Reply