Amoeiro inscríbese no dominio “.gal” e da a coñecer a súa nova web en fase de probas

Amoeiro inscríbese no dominio “.gal” e da a coñecer a súa nova web en fase de probas

Amoeiro.galA partires de agora, a páxina web do Concello de Amoeiro estará inscrita no dominio “.gal”, e contribuirá a fortalecer a lingua, a cultura, a historia e, en definitiva, as sinais de identidade galegas en internet e, polo tanto, na comunidade global dos nosos días.

Este é o dominio propio da lingua de Galicia, sendo empregado por un número crecente de administracións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro. O Concello de Amoeiro únese a este grupo, lucindo a súa web institucional este emblema.

A mencionada web, que está en fase de probas, convivirá provisionalmente coa anterior, cuxo dominio é “.es”, ata que sexa definitivamente reemprazada e o seu dominio redirixido.

móbil amoeiro.galNa dirección actual www.amoeiro.gal atópase unha web visualmente máis atractiva, de formato responsive (é dicir, adaptable a dispositivos móbiles) e que integra a primeira canle municipal de TV en HD de Galicia, e probablemente do estado español (Amoeiro TV). Así mesmo, a nova web tamén contén ligazóns a outras iniciativas municipais pioneiras, nomeadamente a páxina de Amoeiro 3D (na que se amosa baixo esta rúbrica parte do rico patrimonio amoeirense), do Polígono Virtual de Galicia (servizo municipal favorecedor do emprendemento e a innovación que forma parte dun proxecto que excede o ámbito municipal) e da Tenda Virtual Municipal. Esta última aínda non está activa, xa que está pendente de ultimarse o proceso de asignación de prezos públicos ós produtos que se porán á dispor da veciñanza e demais poboación de consumidores. Tamén estanse a ultimar os contidos das pestanas do menú,  confiando en rematarse estas tarefas no espazo temporal máis breve posible, durante o cal as actualizacións serán unha constante.

En definitiva, o Concello de Amoeiro estrea dominio, cos seus correspondentes enderezos electrónicos (como concello@amoeiro.gal ou alcaldia@amoeiro.gal; en breve todos os e-mails municipais incluirán o dominio galego) e páxina web, reflectíndose nesta última as novas do concello dende este preciso instante, e avanzándose a estrutura a desenvolver da mesma.

Dende o Goberno Municipal esperamos que estas novidades sexan do agrado da poboación de Amoeiro, e contribúan a enxalzar a nosa lingua e a modernizar o noso territorio.

Posts relacionados

Leave a Reply