A Lei de Memoria Histórica cumprirase eliminando a simboloxía fascista onde se atente contra as placas que a sinalan

A Lei de Memoria Histórica cumprirase eliminando a simboloxía fascista onde se atente contra as placas que a sinalan

Co obxecto de dar cumprimento á Lei popularmente coñecida como de Memoria Histórica (Lei 52/2007), pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, o Concello de Amoeiro decidiu instalar placas explicativas de Memoria Histórica en lugares públicos rotulados con simboloxía fascista. Tales localizacións inclúen, fundamentalmente, fontes públicas con gravados de xugos e frechas.

 

O asentamento das placas sobre as fontes cumpre as seguintes funcións:

a)        pedagóxica, ó reflectir a finalidade propagandística e opresora da ocupación simbólica de lugares públicos,

b)        de reparación do sentir de repulsa, ó actuar como expresión de denuncia dos abusos acometidos,

c)        de concienciación respecto ás dramáticas consecuencias da ditadura e, en xeral, das ideoloxías que priman a imposición sobre o diálogo, e

d)        de contribución a crear concordia, ó declarar a supremacía da paz e da democracia sobre os totalitarismos e a violencia.

As placas inclúen seguinte texto:

MEMORIA HISTÓRICA

ESTAS IMÁGENES PERTENECEN A LA PROPAGANDA DE UNA DICTADURA QUE OCUPÓ CON SUS SÍMBOLOS LOS ESPACIOS PÚBLICOS MÁS EMBLEMÁTICOS. PERMANECEN AQUÍ COMO DENUNCIA HISTÓRICA DE AQUEL RÉGIMEN OPRESOR.

A iniciativa, xusta en si mesma, foi financiada integramente mediante micro-mecenado (crowdfunding), recibiu numerosos apoios a través de comentarios publicados nos medios de comunicación, e contou co consenso da Corporación Municipal.

Priorato Placa

Pese ó anterior, alguén decidiu non respectar a legalidade, o consenso e a memoria das vítimas da represión franquista e a das súas familias na parroquia de Bóveda. Meses atrás, foron arrancadas as placas das fontes de Bacurín e de O Priorato, e colgaron nesta última unha ofensiva e descontextualizada nota anónima. Fai uns días o Concello de Amoeiro instalou unha nova placa na fonte de O Priorato, que primeiro lixaron con algún tipo de líquido, logo trataron de arrancarlle o texto e, finalmente, foi golpeada, esnaquizada e arrancada. Na imaxe inferior amósanse os cachos que puideron atoparse.

Cachos Placa

 

Tan violento, covarde e incívico acto non recomenda, pola súa reiteración, a instalación dunha nova placa. O dano á placa e o dano a un ben público, e será obxecto de denuncia. Mais a denuncia, mentres non apareza quen causou o delito, non garante a imposibilidade de que se reproduza este irrespectuoso e repugnante acto. Por elo, e ante a probabilidade de que acontezan máis casos desta natureza, o Concello de Amoeiro asume como medida xenérica a eliminación total da simboloxía fascista cando se atente contra as lendas que a sinalan e que cumpren as anteditas catro funcións.

Cumprirase así a Lei, mais perderase a oportunidade de crear pedagoxía, de repudiar e concienciar sobre as ditaduras  e de enxalzar o valor supremo da paz. En calquera caso, desaparecerán os símbolos dun réxime cuxas danosas consecuencias están lonxe de superarse.

Máis aló destas consideracións, e co civismo por meta, invítase á cidadanía a colaborar na identificación de quen actuou con ruín saña contra un ben que é de todos.

Posts relacionados

Leave a Reply