Na sesión plenaria do pasado 10 de setembro, o grupo socialista propuxo a adopción municipal da ordenanza que recomenda a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para garantir a protección dos fogares ante os lumes.
Esta norma, denominada como “Ordenanza Municipal Reguladora da Xestión da Biomasa e das Distancias das Plantacións do Concello de Amoeiro”, é unha extensión da actual Lei 3/2007, de Prevención e Defensa contra os incendios Forestais de Galicia que actúa no solo urbano e de núcleo rural, e ten por obxecto conseguir axeitadas condicións de salubridade e seguridade que preveñan e eviten os incendios, protexendo dos mesmos ás infraestruturas, ós equipamentos sociais e ás zonas edificadas.
A regulación inclúe a execución subsidiaria con repercusión de custes nos casos en que os propietarios non accedan a cumprir coas súas obrigas, así como un réxime sancionador que tipifica as infraccións en leves, graves e moi graves coas seguintes multas:
– Infraccións leves: multa dende 100 ata 600 euros.
– Infraccións graves: multa dende 601 ata 1.500 euros.
– Infraccións moi graves: multa de 1.501 ata 3.000 euros.
A aprobación municipal desta norma levouse a cabo cos votos favorables do grupo de goberno e do representante de XEIDA, absténdose os integrantes do grupo do partido popular.
O compromiso de todos é preciso para evitar traxedias nun futuro, sendo responsabilidade dos propietarios de terreos mantelos nun estado que garanta a seguridade das persoas de acordo coa lexislación vixente.
OUTRAS IMAXES DO LUME DESTE VERÁN EN CERVAL







Leave a Reply