A procura da supervivencia é a razón que trae á poboación inmigrante ata as nosas fronteiras, causando traxedias incesantes que avivan as conciencias. Nas últimas semanas, o éxodo da guerra en Siria deu lugar ó desprazamento de máis de 4 millóns de persoas, segundo ACNUR, acentuando a visibilidade dun horror que nos obriga a actuar. En Turquía permanecen arredor de 2.000.000. Líbano, Iraq, Xordania, Exipto e outros países norteafricanos repártense case a totalidade do resto.
Os Sirios forman parte dos 265.000 refuxiados que seguiron camiño dende xaneiro a través do Mediterráneo, xunto a persoas doutras nacionalidades, ata territorios da Unión Europea, segundo ACNUR. E neste tránsito, os medios de comunicación fixéronnos testemuñas das inxustizas, trabas, abusos e traxedias que acontecen acotío en Turquía, Grecia, Serbia, Bulgaria e Dinamarca, entre outros países.
Non podemos aceptar
como inevitables estes sufrimentos, nin esquecer a solidariedade que outros mostraron con quen tamén tiveron que fuxir de España por motivos da guerra e da posterior persecución vivida no noso país. Dar as costas a quen hoxe o necesita sería particularmente inxusto nesta terra, e ademais, un torpe precedente ante futuras situacións de crises que porían en cuestión a capacidade da nación.
Dende a Comisión Europea
fixéronse propostas para que todos os membros da Unión actúen conforme ó principio de solidariedade, e acepten
as cifras de refuxiados consensuadas nese organismo. Pois aínda que Europa non estea a acoller en termos relativos o maior número de refuxiados nesta crise humanitaria, o certo é que todos somos partícipes do problema.
Conscientes da gravidade da situación, e sabedores de quen non hai fórmulas sinxelas para resolvela, o Grupo Municipal dos Socialistas de Amoeiro presentou na sesión plenaria celebrada o pasado 10 de setembro, diversas medidas de acción a través dunha moción que foi aprobada unanimemente polos restantes grupos políticos da corporación municipal (PP e XEIDA).
As medidas inclúen a adopción dunha filosofía xenérica de diálogo, colaboración e cooperación entre administracións públicas e ONGs no seno
da Unión Europea e dos países de orixe da poboación refuxiada, e que acepta o asilo, a acollida e a integración da mesma nas cifras que se acorden na administración europea.
Así mesmo, a proposta aceptada
contempla actuacións concretas a nivel municipal. Neste último caso, o Concello de Amoeiro informará á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) dos recursos dispoñibles no municipio, solicitando unha avaliación técnica respecto da adecuación dos mesmos para os fins de acollida. Tras elo, preparará os dispositivos, actuará de xeito coordinado co Goberno Autónomo e coas restantes administracións, e convidará á cidadanía a implicarse e a colaborar na medida das súas posibilidades.
As accións municipais completaranse con dúas intervencións adicionais: a) unha campaña de sensibilización da poboación sobre a necesidade de contar cunha política de asilo como parte esencial da democracia, o respecto á dignidade humana e aos dereitos humanos, e que, así mesmo, procure previr a aparición actitudes racistas ou xenófobas; e b) a creación dunha Mesa de Apoio a Refuxiados para realizar un traballo estable e permanente que poña en marcha as diferentes accións para a súa mellor atención e apoio; esta mesa está aberta a toda a cidadanía, e o procedemento para integrarse nela será debidamente comunicado á poboación.
A nosa cidadanía ten demostrado a súa solidariedade, e debemos seguir
un camiño apartado do ensimesmamento, da resignación ou da indiferenza ante
os problemas da humanidade, especialmente cando os padecemos no pasado e cando acoden a pedirnos agora axuda ás nosas portas.





Leave a Reply