Dende o pasado venres 29 de maio, o Concello de Amoeiro recibe queixas da veciñanza pola utilización, por parte da Deputación de Ourense, de axentes químicos para eliminar a maleza no entorno das estradas provinciais neste municipio.
A indignación respecto a este xeito de actuar do ente provincial comezou en Trasalba e estendeuse, no día de onte, a Fontefría na que se repetiu a aplicación dun herbicida de amplo espectro e non ecolóxico, o glifosato comercializado como Spasor Plus pola marca Monsanto, nos marxes das estradas da Deputación nestas parroquias.
En representación da veciñanza, e coincidindo plenamente co sentir desta, o Concello de Amoeiro transmite á Deputación o seu total desacordo coa sinalada medida de tratamento da maleza, cuxa administración non foi sequera informada a este municipio, tal e como confirmou a Secretaría-Intervención Municipal ó constatar a ausencia de comunicacións escritas ó respecto.
Dende semanas atrás, a Alcaldía en funcións do Concello de Amoeiro ven reclamando telefonicamente ó técnico de vixilancia da Deputación de Ourense a roza das marxes das estradas municipais por cuestións de visibilidade e seguridade viaria, sendo informado polo mesmo de que os tractores asignados ou ben acumulaban demoras respecto ós prazos previstos ou ben estaban avariados.
A pesares destas incidencias, e dos perigos que poidan ocasionar a súa demora para a mobilidade e mesmo para os lumes, o rexedor municipal actualmente en funcións esperaba que se actuase cos medios mecánicos previstos. O que nunca imaxinou e que a Deputación recorrera a medidas que aínda que están legalmente autorizadas parecen aumentar o risco de incendio e son potencialmente tóxicas e danosas para mananciais, microorganismos, vexetación e para a propia saúde.
Por elo, o Concello de Amoeiro solicitou á Deputación de Ourense no día de hoxe que deteña a utilización de herbicidas e retorne ó uso da maquinaria de roza para tratar a maleza das estradas provinciais, pois o recurso a produtos tóxicos xenéricos nonreparará, por barato que resulte, os danos que poidan ocasionarse ó medio ambiente no que vivimos.
Máis información sobre os controvertidos efectos do glifosato, en particular sobre a súa posible influencia no cancro, nasseguintes ligazóns:
https://stopherbicidasmadrid.files.wordpress.com/2014/04/triptico_stopherbicidasmadrid_2014.pdf.
http://es.wikipedia.org/wiki/Glifosato
http://www.abc.es/sociedad/20150519/abci-greenpeace-glifosato-firmas-prohibicion-201505191318.html
A ficha de seguridade de Spasor Plus pode consultarse na seguinte ligazón:https://www.roundup.es/files/Ficha%20de%20Datos%20de%20Seguridad%20Spasor%20Plus%20%2816.252%29.pdf
Leave a Reply