Saúdo do alcalde

foto-rafa-iiAmoeiro abre as súas magnas portas ós que gusten adentrarse nas máxicas sensacións que evocan as súas milenarias terras chairegas.

Esta terra chá, loubada como a Lombardía Galega polo máis insigne fidalgo de Trasalba e das letras galegas -D. Ramón Otero Pedrayo-, reflectida na luz dos lenzos egrexios de Virxilio e Pulido, penetrada pola historia dende épocas inmemoriais, varía o sentir dos que a coñecen.

Coa chegada do inverno ascenden nugalláns as brumas dos ríos Miño e Barbantiño e do regato do Formigueiro, espallando neboeiros de misterio polas costas de Soutomanco e os muíños de Santabaia, Parada, ou do Formigueiro; no estourido da primaveira a frondosidade verdea o municipio, dende o corazón do campo de Souto ata o último recuncho, camiño ou carreiro; o morno verán, tan apreciado polos que fuxen das caldeiras do estío, mestura o pracer das andainas, coas plácidas sombras da carballeira de Rouzós, o teito protector da límpida fonte de Fontefría e a frescura escura da fervenza que se peitea sobre o espello do Cachón, pechándose este percorrido estacional na temperanza do outono dos Chaos de Amoeiro e na loira cor dos campos de Abruciños, Bóveda, ou Loureiro.

Pazos, casas pacegas, ermidas, igrexas románicas e petroglifos enmarcan un singular arco da vella de historia e emocións. Bautizada como Terra de Castela, polo rosario de castros que a poboaron, nutre a súa ancestral pel, ó longo dos séculos, cos pasos inmorredoiros dos devanceiros que a asucaron, e de todos os que a seguen a asucar día a día.

Camiñante, peregrino, viaxeiro, amigo, recibide a nosa benvida e parabéns, prestádenos a vosa compaña e, si somos merecentes, compartide connosco o legado desta fermosa veciñanza da que todos somos parte.

Rafael Rodríguez Villarino

Alcalde de Amoeiro