Obradoiros de Memoria, Ilusión e Nadal

Obradoiros de Memoria, Ilusión e Nadal

Están a piques de rematar os obradoiros de memoria do Concello de Amoeiro. Estes obradoiros, que constitúen unha valiosa experiencia piloto, foron levados a cabo en Amoeiro e Parada con profesionais altamente cualificados. Un deles participou de xeito voluntario -o educador social Eneko-, e dúas psicólogas -Chus e Andrea- desenvolvérono contratadas dentro do programa de cooperación.

No obradoiro de Amoeiro implementouse un innovador programa de rehabilitación neuropsicolóxica, que utiliza un software especializado (o programa GRADIOR) e ordenadores con pantalla táctil. Este programa aplicouse individualmente a diversas persoas, que proceden dun obradoiro de memoria impartido polo educador social da mancomunidade Santa Águeda (Tito) na biblioteca municipal.

Por outra banda, o obradoiro de memoria de Parada empregou o formato grupal tradicional de tarefas de lapis e papel, si ben recorreuse a un programa tamén especializado en lugar das fichas xenéricas que se utilizan habitualmente. Trátase do denominado programa CORTEX.

Ambos obradoiros serán agora avaliados –por separado e  un respecto do outro, así como a nivel individual e colectivo-, e permitirán tomar decisións respecto da súa utilidade persoal, social e científica.

Máis aló destas consideracións, tales experiencias permitiron crear grupos de encontro que son gratificantes por si mesmos, descubrir a súa necesidade (ó identificar déficit de memoria e funcionamento cognitivo) e valorar o seu potencial para deter e/ou previr o declive nas capacidades mentais na poboación de maiores.

Amoeiro grupoDesafortunadamente, non está garantida a continuidade e ampliación desta clase de programas. As administracións estatal, autonómica e provincial non inclúen vías de financiamento para este tipo de atencións; é máis, cando se presentou outro exitoso programa municipal –o Programa de Apoio Psicoemocional- ante a Xunta de Galicia, nin resposta houbo respecto da solicitude de fondos requiridos para mantelo (e iso que se lles ofreceu –gratuitamente- a dispoñibilidade de profesionais, formación e documentación para repetir a experiencia noutros municipios). A todo elo temos que engadir unha dificultade adicional: o Goberno estatal só permite ós pequenos concellos contratar persoal adscrito ó que se considera como servizos básicos ou esenciais (redes de abastecemento e saneamento, de alumeado, limpeza, acondicionamento de vías ou administración pública, por exemplo); deste xeito, só poderemos contar con profesionais da psicoloxía e as ciencias sociais si as subvencións de cooperación o permiten (e tal cousa é ben difícil de preverse, pois depende da disposición da Xunta de Galicia que é imposible de adiviñarse).

Dende o concello de Amoeiro comprobamos o valor destas iniciativas, e estamos dispostos a loitar. Só precisamos dunha ferramenta para ter éxito na batalla: os apoios e as opinións da cidadanía. Por elo, si considerades que estes obradoiros deben manterse deixade os vosos apoios e opinións no Facebook municipal, ou facédeos chegar á Casa Consistorial directamente ou a través das Asociacións Veciñais ou de Mulleres Rurais. Co empuxe de todas e todos é posible logralo.

Mentres, e como colofón, as imaxes dos fermosos adornos creados nos últimos días polas persoas que participaron nestes obradoiros engalanan estas datas.

Feliz Nadal.

Flor de NadalParada cans

Posts relacionados

Leave a Reply