O Concello de Amoeiro estende a banda ancha de internet á totalidade do municipio

O Concello de Amoeiro estende a banda ancha de internet á totalidade do municipio

Hoxe deuse a coñecer, na sede da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (ADERCOU), o proxecto que desenvolve esta iniciativa en Amoeiro e no resto dos concellos da Mancomunidade Santa Águeda.

A noticia presentouse esta mañá mediante unha rolda de prensa, que se celebrou nas instalacións de ADERCOU en Barbadás. Coa presenza dos alcaldes de Amoeiro, Coles, A Peroxa e Vilamarín, e do representante da empresa adxudicataria que comercializará os servizos de banda ancha (ITEGAL), expuxéronse as características desta proposta innovadora co-financiada pola Unión Europea, que sitúa á poboación destes termos municipais ao mesmo nivel de posibilidades de acceso a internet que a que reside en contornas urbanas.

Supérase, así, a fenda dixital do rural utilizándose para elo a tecnoloxía sen fíos LTU que consigue entregar ata 100 mbps aos usuarios finais. Ademais, e non menos importante, tal velocidade de acceso lógrase cun notable aforro económico nos servizos a dispor, que inclúen internet, telefonía fixa e móbil, televisión e outras posibilidades de uso en remoto da tecnoloxía de redes.

Sirva de exemplo un dos paquetes a comercializar que inclúe internet de alta velocidade, teléfono fixo e teléfono móbil con chamadas ilimitadas a fixos e móbiles nacionais (así como 50 minutos en chamadas gratuítas ao resto de Europa), navegación a 5 GB a velocidade máxima 4G por 48,28 € (co IVE xa engadido), e 250 canles adicionais de TV por 8 € adicionais.

Adicionalmente, os concellos reducirán sensiblemente o gasto público en telefonía e internet, e elevarán, así mesmo, as prestacións que ofrecen nas súas instalacións.

O contido completo do programa, e os paquetes de servizos que oferta a empresa concesionaria que desenvolve  a iniciativa (ITEGAL), serán presentados en breve á cidadanía amoeirense, tendo lugar a primeira presentación, na Casa da Cultura de Amoeiro, o vindeiro venres 5 de abril, ás 20:00 horas (8 do serán).

Posts relacionados

Leave a Reply