O Concello de Amoeiro aproba os presupostos municipais nun contexto de débeda cero, priorizando a ecoloxía, o emprendemento e a memoria histórica

O Concello de Amoeiro aproba os presupostos municipais nun contexto de débeda cero, priorizando a ecoloxía, o emprendemento e a memoria histórica

Na sesión plenaria tamén se aprobou retirar da xeografía amoeirense as honras outorgadas a persoas condenadas por sentenza firme, así como adherirse a iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía.

O pleno celebrado hoxe aprobou os orzamentos municipais de 2019, que parten da inexistencia de débeda municipal e ascenden á cantidade de 1.709.307 euros.

Neste presuposto descende o gasto de persoal (19.400 €respecto dun total de 478.300 €). Por outra banda, aumenta o epígrafe dedicado a bens correntes e servizos (38.300 € en relación á cifra de 677.500 €) formando parte do mesmo dous apartados novidosos: a) o  relativo ao inicio dun Proxecto de Desenvolvemento Apícola de catro anos de duración, ao que se aportan 11.200 € neste anualidade, que brindará colmeas gratuítas ás persoas que se comprometan con esta iniciativa; e b) o referido á Memoria Histórica de Amoeiro, para o que se destinan 4.500 € que contribuirán a superar o esquecemento das vítimas da represión franquista, enxalzar a valía das persoas que perderon a súa vida loitando polo progreso e a democracia amoeirense e alimentar a concordia sobre a que agroman as sociedades avanzadas.

O capítulo de transferencias correntes decrece en relación ao da pasada anualidade (22.500 € en relación a un total de 187.200 €) debido, fundamentalmente, a diminución das achegas realizadas á mancomunidade de municipios Santa Águeda, unha vez que o concello asume na súa integridade as funcións de recadación.

Finalmente, o apartado de inversións acada a cifra de 366.307 €, destacando a relativa á instalación de dúas depuradoras modernas a ecolóxicas en Ponte do Freixo e A Bergueira (importe de 149.712 €), que substituirán ás actuais que procedían dos plans Daredo e Deputrans, cuxo mantemento é moi gravoso e son menos axeitadas dende o punto de vista da sostibilidade medioambiental. Tamén son  relevantes as partida dedicadas á reposición de infraestruturas mediante o denominado Plan Base (100.000 €) e Plan Marco (46.000 €), reservándose cantidades para obras menores (48.000 €), redacción de proxectos e dirección de obras (7.000 €) e recepción de posibles subvencións (15.595 €).

O acordo de retirada de honras, condecoracións e recoñecementos a persoas condenadas por sentenza firme, foi aprobado polo grupo de goberno, contando coa oposición dos representantes do partido popular e coa abstención do integrante do partido independente (XEIDA). A adopción desta medida velará pola integridade política dos representantes locais electos, e promoverá o cumprimento dos estándares éticos na vida pública, tal e como foi recomendado, xa fai dúas décadas, polo Consello de Europa.

A asemblea de representantes municipal rematou coa aprobación, por unanimidade, do acordo para adherir o concello de Amoeiro á iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, que implica o compromiso do municipio en favor de actuar, con medidas concretas e de xeito planificado, contra o cambio climático. Tal proposta incardínase, precisamente, na liña desenvolvida polo goberno municipal durante os últimos anos (p. ex., coa instalación de luces tipo LED, caldeiras de biomasa ou paneis solares), no actual orzamento (coa implantación das novas depuradoras) e co desenvolvemento dun proxecto de enerxía solar fotovoltaica que pronto verá a luz.

Posts relacionados

Leave a Reply