Actividades de Nadal, Aninovo e Reis no Concello de Amoeiro

Actividades de Nadal, Aninovo e Reis no Concello de Amoeiro

OO Concello de Amoeiro ofrece un amplo repertorio de actividades para desfrute da veciñanza entre mediados de decembro e comezos de 2019.

A primeira actividade consiste nunha demostración de voos con drons, que terá lugar no Pazo de Deportes municipal o 16 de decembro, a partires das 16:30 horas, e será a antesala da “Experiencia Drons” que se celebrará ao longo do 6 de xaneiro da vindeira anualidade. Nesta última cita cos drons as nenas e nenos, así como a mocidade, nais e país e maiores poderán practicar con 10 destes aparellos voadores, observar o seu desempeño en dúas pantallas e seguir as instrucións dos expertos que guiarán os seus primeiros pasos. A partires desta experiencia, o Concello de Amoeiro contempla a posibilidade de desenvolver cursos que permitan obter a titulación oficial de piloto de drons, se a cidadanía amoeirense así o demanda.

O 23 de xaneiro celebrarase o “Mercado de Nadal 2018” en horario de mañá e de tarde no Pazo de Deportes municipal. Ademais de produtos artesáns, este mercado terá á venda outros artigos de alimentación e comercio, e incluirá unha sección de lecer para a infancia con inchables, monitores de globoflexia e maquillaxe e a visita de “Papá Noel”. Unha xornada que ofrece a posibilidade de coñecer produtos de calidade mentres se desfruta dun agradable paseo e as cativas e os cativos pasan un rato de xogo.

As nenas e os nenos seguirán a pasalo ben este Nadal durante o día 29 coa celebración, un ano máis, do tradicional Brincamoeiro no Pazo de Deportes, en horario de 11 a 13 e de 16:30 a 21:00 horas. Nesta edición a infancia amoeirense gozará de dous grandes inchables con tobogáns, outro cunha barredoira, un futbolín humano, un touro mecánico e animais de zoo móbiles mediante baterías eléctricas, sen esquecer a realización dun obradoiro de adornos de Nadal, todo elo aderezado con música e animación de monitoras e monitores. Grande variedade de animación para que a nosa xente miúda o pase en grande toda unha xornada!

Ao día seguinte, 30 de decembro, a Plataforma Independente de Teatro de Amoeiro (P.I.T.A.) tamén nos devolverá o sorriso como fai cada Nadal. Nesta ocasión serán catro as obras representadas a partires das 17:30 horas na Casa da Cultura: “La consulta del doctor Melqúiades”, “A tía lambida”, “Unha cousa pola outra”, e “A bodega”… e tamén haberá algunhas sorpresas máis. Teatro popular materializado en actrices e actores nosos, altruístas, animosos, exemplares pola súa entrega e busca da felicidade dos demais. Un tesouro que todos valoramos, e polo que esperamos cada ano.

Un día e uns minutos despois, voltará a Festa de Aninovo á Casa da Cultura, e farao, concretamente a partires das 00:30 horas. Ese será o punto de arranque do Trío Fussion, e de que nos vexamos atendidos, entre galas e cos mellores desexos, polos voluntariosos integrantes da Comisión de Festas de Amoeiro 2019, que serán os que nos agasallen cos líquidos elementos de benvida ao ano que comeza. Vaia por diante a gratitude municipal cara dita comisión que entrega o seu tempo para ofrecernos o seu xentil servizo nun momento festivo.

Na madrugada do 5 cara o 6 de xaneiro haberá un novo festexo na Casa da Cultura: “A Festa de Reis”. Nesta noite, serán os compoñentes do Grupo “Los d’Aché” quen nos movan coa súa música, mentres a veciñanza de Amoeiro poderá coñecer a calidade musical deste grupo e intercambiar sorrisos e agasallos na data do ano que ten -por tradición- estas finalidades.

E como xa se adiantou ao comezo desta nova, as actividades rematarán o día 6 de xaneiro co desenvolvemento da xornada de “Experiencia Dron”, a partires da que poderá experimentarse con estes modernos artefactos voadores mediante gafas de realidade aumentada ou pantallas, así como observando no Campo de Fútbol de A Penafita a velocidade dos de competición, que acadan os 200 quilómetros en menos de 3 segundos! Será, como tamén se dixo, a oportunidade tanto de coñecer as posibilidades que ofrecen os drons como de valorar a realización de cursos dirixidos á obtención do título de piloto profesional no propio concello. A síntese destas actividades aparece reflectida no cadro que se amosa a esta información.

Co alumeado municipal nas parroquias, a nova árbore de Nadal na capitalidade, o Belén que constrúe Pili de Fontefría cada inverno na casa consistorial, e os mellores desexos para as persoas deste amable municipio, a Corporación desexa que estas actividades leven a ledicia e a ilusión ás pupilas e ao sentir de todos nós.

Non queremos pechar esta nova de eventos festivos sen lembrarnos de quen xa non nos acompañará nestas datas, pois tamén debemos achegarnos a comprender o pesar que aflixe, sobre todo en Nadal, a non poucas veciñas e veciños que perderon aos seus seres queridos. A solidariedade e as palabras de apoio serán, neses casos, obrigas de quen debemos ser sensibles coas persoas que sofren nas datas que enxalzan a felicidade.

Bos Nadal, Anivo e Reis, e ánimo para todas as persoas de boa vontade de Amoeiro!

Posts relacionados

Leave a Reply