Amoeiro achégase á meta de ser Concello LED coa instalación de máis de 1.200 novas luminarias deste tipo

Amoeiro achégase á meta de ser Concello LED coa instalación de máis de 1.200 novas luminarias deste tipo

A partires de hoxe, iníciase a instalación dun elevado número de modernas luminarias con tecnoloxía LED no noso termo municipal. Máis de 1.200 novos puntos de luz mellorarán a calidade lumínica das noites amoeirenses, reducirán o gasto enerxético e, consecuentemente, minguarase a factura eléctrica e o consumo de CO2, pois eliminaranse lámpadas antigas de mercurio, vapor de sodio ou semellantes que resultan custosas de manter e obsoletas na actualidade.

As primeiras luces tipo LED situaranse en diversas zonas das parroquias de Bóveda (Camiño Real, San Paio, O Seixo, O Priorato, Bacurín, e O Tiollo, etc.) e Rouzós (O Reguengo e Cimadevila), e logo instalaranse noutros paraxes do municipio.

Como criterios de selección das zonas a intervir recorreuse a aspectos técnicos derivados de auditorías enerxéticas, segundo os que se decidiu actuar naqueles cadros eléctricos de maior consumo, pois a redución de custes é a clave das accións a desenvolver. Non obstante, a instalación de LEDs tamén tratará de xeneralizarse a outras zonas non contempladas neste proxecto, co obxectivo de trasladar os beneficios destas modernas luminarias a toda a cidadanía.

O concello de Amoeiro é pioneiro na instalación de lámpadas tipo LED, iniciando a súa implementación no ano 2009 no capitalidade municipal, e estendéndoa dende aquela a núcleos enteiros (como foi o caso de Fontefría), a parques públicos (como o Parque dos Sentidos de Souto), realizando estas accións tanto a partires da rede eléctrica convencional como apoiándose en baterías de carga solar, aplicándose esta última solución a lugares como o parque sobre a liña do AVE en Parada ou a carón de vivendas moi afastadas das liñas eléctricas.

O obxectivo municipal de implantar luminarias LED en todo o municipio está, a partires de agora, moito máis próximo a cumprirse e, con elo, lograrase optimizar a calidade do alumeado público, reducir o custe da factura eléctrica e atenuar o impacto medioambiental deste servizo público.

 

Posts relacionados

Leave a Reply