Excelente acollida do Campamento de Verán organizado polo Concello de Amoeiro

Excelente acollida do Campamento de Verán organizado polo Concello de Amoeiro

O primeiro campamento municipal bimensual e gratuíto fixo as delicias de 76 nenas e nenos, permitiu a conciliación familiar e foi excelentemente avaliado polas nais e pais
Durante os meses de xullo e agosto o Concello de Amoeiro puxo en marcha, por primeira vez, un campamento de verán gratuíto que acadou un grande éxito de participación, pois as 76 nenas e nenos que desfrutaron do mesmo superaron amplamente as previsións iniciais.

Os cativos e as cativas desenvolveron multitude de actividades, que se levaron á práctica de luns a venres e en horario de 10 a 14 horas da man de monitores e monitoras especializados da empresa Ociosaugal e do propio concello.

Enquisa de avaliación

Malia estaren habilitadas inicialmente 45 prazas para este período estival, a eficiente xestión das listas de agarda e a colaboración dos pais e das nais ao comunicar as ausencias das crianzas, fixo posible que outros 31 nenos e nenas de entre 3 e 13 anos puideran facer uso do servizo, que se utilizou, na maioría dos casos, durante períodos mínimos de 15 a 20 días.

Os monitores programaron múltiples actividades e xogos, cos que se divertiron e aprenderon tanto as rapazas e os rapaces máis cativos como os maiores. Xogos de auga na piscina, manualidades, actividades deportivas e mesmo visitas ao Campo do Souto ou ao Pazo Museo de Ramón Otero Pedrayo en Trasalba, tiveron unha magnífica acollida entre todas as crianzas participantes.

Segundo os datos recollidos pola enquisa de satisfacción distribuída entre os pais e as nais, o 89,2% outorgan ao campamento de verán de Amoeiro a cualificación de 9 ou 10, sendo a cualificación máis baixa un 7 sobre 10. O mesmo grao de satisfacción parece haber entre as nenas e os nenos, destacando, así mesmo, as boas consideracións mencionadas sobre os monitores e o persoal de atención presentes no desenvolvemento do campamento. Os documentos anexos a esta nova amosan máis polo miúdo as gratificantes valoracións recibidas.

Xa son varias as familias que solicitan a continuidade da experiencia para vindeiros anos, e mesmo que sexa ampliado o número de vacantes, especialmente tendo en conta a duración do campamento, que lles permite conciliar a actividade profesional coa atención aos deus fillos nun entorno verdadeiramente lúdico e creativo.

Desde o Concello maniféstase unha grande satisfacción polo éxito acadado, pois nada resulta máis reconfortante que facer desfrutar a un número tan importante de nenos e nenas todos e cada un dos días do verán, mentres se presta un servizo de conciliación aos pais e as nais durante os meses de verán nos que o centro educativo cesa a súa actividade habitual.
Agradecemos enormemente a avaliación recibida, e trataremos de mellorar a experiencia na vindeira edición do Campamento de Conciliación Estival do Concello de Amoeiro.

Posts relacionados

Leave a Reply