O orzamento do Concello de Amoeiro para o 2018 triplica as inversións, e achégase ós dous millóns de euros

O orzamento do Concello de Amoeiro para o 2018 triplica as inversións, e achégase ós dous millóns de euros

A substitución de 1.258 luminarias de mercurio por modernas lámpadas LED, xunto coas partidas destinadas a melloras de infraestruturas elevan case un 170 % o gasto dedicado a inversións.

O presuposto do Concello de Amoeiro para a anualidade de 2018 ascende a 1.992.928 euros, que supón unha suba de 464.628 € respecto a 2017. Trátase, pois, dunha elevación do 30,40% respecto do 1.528.300 € de 2017.

A causa principal de tal suba é o capítulo de inversións que se incrementa en 404.328 € respecto ao exercicio previo, e pasa de 238.000 € en 2017 a 642.328 € en 2018, un aumento que ronda o 170 %, e supón o 32,23% do orzamento actual.

A práctica totalidade do aumento procede do cambio da maior parte do alumeado público, cuxo custe ascende a 407.828 €. Este cambio cara Diodos Emisores de Luz (Light Emitting Diode; LED), do que o concello de Amoeiro é pioneiro (instalou os primeiros LED en 2009), mellorará significativamente a calidade da iluminación nocturna, e reducirá tanto o consumo eléctrico como os índices de contaminación derivados de este. Ademais, o aforro no consumo, e a carencia de intereses da axuda concedida polo IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), fan posible dispor deste alumeado moderno sen afectar ás arcas públicas.

A aportación municipal ós Plans Provinciais é outra das variables que incide no incremento inversor. Neste caso, o Concello de Amoeiro aumenta a súa contribución dende os 30.000 € de 2017 ata os 48.000 € en 2018, e compensa, así, a redución da cifra da Deputación que baixa dos 55.000 € en 2017 ata 48.000 € para esta anualidade. Polo tanto, grazas á acción municipal, a partida de Plans Provinciais sube de 85.000 € en 2017 a 96.000 € en 2018, superando a caída de 10.000 € dos fondos da Deputación. O capítulo de inversións contempla, entre outras, partidas para mellora de infraestruturas (58.000 €), obras en parques e xardíns (13.000 €) e para a creación da nova sala de enfermaría do centro de saúde (10.000 €).

Tamén existe aumento orzamentario no capítulo de bens correntes e servizos, así como en moito menor medida no de persoal. A suba no caso dos bens correntes e servizos é de 90.000 € (medra de 551.500 € en 2017 a 639.200 € en 2018), e débese á implementación do primeiro servizo de recadación municipal (incremento de 23.000 €), ó aumento de 10.000 € na consignación para fomento do emprego da Deputación, e a axustes en diversas partidas realizados sobre a base do constatado durante o ano pasado.

A elevación debida ó capítulo de persoal é moi cativa, 6.700 € (491.000 € en 2017 e 497.700 en 2018), e débese, fundamentalmente, ó incremento dun 2% nas retribucións, ó aumento previsto no número de horas a prestar polas auxiliares de axuda no fogar, e á posta en marcha do servizo de recadación que estreará o municipio.

Os capítulos restantes minguan en relación a 2017. En concreto, o xa mínimo de gastos  financeiros baixa de 1.000 € a 200 €; o tamén pequeno de pasivos financeiros redúcese de 12.000 € a 3.800 € co horizonte da débeda cero en decembro deste ano, e o de transferencias correntes queda en 209.700 € fronte ós 234.800 € de 2017 (caída de 25.100 €), debido a que se reduce a aportación á Mancomunidade Santa Águeda ó asumir a recadación o propio concello.

En definitiva, máis inversión e servizos municipais para un concello libre de cargas, cuxas metas son modernizar servizos, aumentar a calidade de vida da cidadanía e aproximarse a ela de modo cada vez máis humano, áxil e directo.

Posts relacionados

Leave a Reply