O Entroido de Parada de Amoeiro 2018 Quenta Motores

O Entroido de Parada de Amoeiro 2018 Quenta Motores

O Domingo 11 de febreiro comeza o Entroido de Parada de Amoeiro, que é singular por ser o único de natureza puramente itinerante da provincia de Ourense xa que as súas carrozas percorren as parroquias do municipio e achegan a súa ledicia ata os de Cea e Maside e ata o de Ourense.

A previsión de percorridos deste ano é a seguinte:

  • Domingo 11 de febreiro: saída de Parada de Amoeiro ás 10:30 horas, dirixíndose a comitiva a continuación a Os Casares, Albeiros, A Bergueira, Trasalba, Palmés, Fontefría, Abruciños, Presavella, Loureiro e Rouzós, deténdose a caravana no campo desta localidade arredor das 16:00 horas para desgustar o xantar. Tras isto, as carrozas retomarán a súa andaina cara Amoeiro, Fontes e Parada en cuxo campo da festa rematará o percorrido en torno ás 20:00 horas.

 

  • Luns 12 de febreiro: saída de Parada de Amoeiro as 11:00, encamiñándose o entroido na dirección de Irexe, Os Garabatos, Mandrás, Souto, Louredo e Cea, situándose o xantar na praza desta última localidade sobre as 16:00 Despois da comida, reiníciase a viaxe por Maside e Parada de Amoeiro, estimándose a chegada ao campo da festa desta última poboación ás 20:00 horas, aproximadamente.

 

  • Martes 13 de febreiro: ás 14:00 horas as persoas que participan no entroido desfrutarán do xantar no campo da festa de Parada de Amoeiro, e logo sairá a comitiva do entroido ás 16:30 horas para desfilar por toda a parroquia e regresar, arredor das 19:00 horas, ao punto de partida no antedito campo de Parada de Amoeiro.

 

Deste xeito tan viaxeiro gozarase do Entroido de Parada de Amoeiro os días 11, 12 e 13 de febreiro, formando parte da historia dunha festa que se enraíza, segundo a tradición, na xuntanza que tiña lugar en Parada de Amoeiro entre os felos e cabalos de Maside e os peliqueiros, máscaras, borralleiros e entroidos propios do lugar. Despois da guerra civil, a poboación de Parada de Amoeiro seguiu co entroido a pesares da persecución da garda civil que tiña o seu cuartel nesta localidade, e facíano empregando disfraces de xitanos cos que percorrían todo o municipio e simulaban que pedían polas portas para celebrar comidas, todos xuntos, nos pobos veciños do concello.

Dende aquela, a festa do Entroido de Parada de Amoeiro é un acontecemento único e esperado nos municipios da bisbarra. Cada ano medra a participación, perfeccionase a mecánica da caravana e aumenta o número de participantes. Este ano non será unha excepción.

Posts relacionados

Leave a Reply