O Concello de Amoeiro solicitará unha residencia e unha gardería públicas

O Concello de Amoeiro solicitará unha residencia e unha gardería públicas

Segundo os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE), que se refiren a 2016, Amoeiro é un concello cunha  idade media de 53,81 anos, que supera á da provincia máis envellecida de España e unha das máis envellecidas de Europa, Ourense, que se situaba en 50,06 anos.

Os restantes índices de envellecemento da sinalada anualidade tamén superan aos provinciais. En concreto, a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos de Amoeiro é do 34,71% fronte ao 30,72% da provincia de Ourense; o índice de envellecemento amoeirense, que refírese ao número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 20 anos, é de 411,35 contra o 233,35 da provincia; finalmente, o índice de sobreenvellecemento de Amoeiro (que reflicte o número de persoas de 85 ou máis anos por cada 100 de 65 ou máis anos) é de 23,28 ante o 19,7 da provincia ourensá.

En definitiva, maior idade media que a existente na provincia máis avellentada de España, así como superior porcentaxe de maiores de máis de 65 anos e índices de envellecemento e sobreenvellecemento máis altos que os existentes na media da sinalada provincia ourensá son indicadores que definen, con nitidez, a situación de avellentamento demográfico do noso municipio, o de Amoeiro. Un lugar cuxa poboación precisa, sen lugar á dúbida, dun centro residencial para unha poboación maior que quere dispor dun espazo público no que vivir, con calidade, os últimos anos da súa vida.

No noso termo municipal non existe ningunha residencia pública, nin tampouco un centro de día ao que poidan dirixirse as mulleres e os homes de máis idade para ser atendidos. O centro de día máis próximo, que é o de Coles, xa acolle residentes amoeirenses, e está ao límite da súa capacidade.

Nos últimos meses, o Concello de Amoeiro adquiriu, sen necesidade de recorrer a créditos, dous inmobles urbanos no entorno da principal zona pública do municipio. Ambos suman case 4.000 metros cadrados, aos que se engaden arredor de 1.500 metros cadrados tamén municipais sitos na parte posterior do CEIP Ramón Otero Pedrayo. Con estes espazos, o concello dispón de suficiente superficie pública para edificar infraestruturas das que carece, como son residencia de maiores, escola infantil e vivendas de protección oficial.

A construción da residencia e da escola infantil foron os motivos polos que a Alcaldía de Amoeiro solicitou unha entrevista co Conselleiro de Política Social –José Manuel Rey Varela- en novembro do ano pasado. Despois de tanto tempo, e tras insistir pola ausencia de resposta aos correos remitidos, será o Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, quen recibirá ao Alcalde o vindeiro xoves 1 de febreiro, ás 10:00 horas, na sede do sinalado consorcio en Compostela.

Deste encontro o alcalde de Amoeiro espera transmitir un resultado positivo ás familias e, particularmente, ás persoas de maior idade e ás máis cativas, pois o noso municipio precisa –por razóns de xustiza social- dunha residencia e unha gardería tan necesarias como inexistentes, sendo obriga das administracións públicas garantir a prestación destes servizos. O concello de Amoeiro non pode estar discriminado respecto a concellos lindeiros que contan con estas instalacións públicas con menos motivos obxectivos para xustificalas.

Posts relacionados

Leave a Reply