Matando un Soño: Conferencia sobre a Depuración do Maxisterio polo Franquismo

Matando un Soño: Conferencia sobre a Depuración do Maxisterio polo Franquismo

O sábado 25 de novembro, ás 20:horas, Jesús Manuel García Díaz será o relator desta conferencia na Casa da Cultura do Concello de Amoeiro. Unha actividade de difusión cultural e reivindicativa que servirá para lembrar, entre outros e outras, ós mestres e ás mestras da II República que converteron a Amoeiro nun dos lugares de maior nivel educativo da época en Ourense. De feito, grazas á súa labor o analfabetismo era inferior no noso municipio que no da propia capital provincial.

Algúns deles formaban parte da “Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense” (ATEO), á que consideraron ilegal os golpistas franquistas; en concreto, esta ligazón amosa tal declaración, e foi lembrada en La Región de 2011, cando se cumprían 75 anos da mesma:

http://www.laregion.es/articulo/historia-en-4-tiempos/maestros-represaliados/20110803091622462509.html

O lector poderá comprobar como figuran nesta relación dous mestres amoeirenses: Rafael Alonso Rodríguez, que tiña praza en Amoeiro e sería asasinado polos fascistas na curva grande de O Rodicio o 21 de setembro de 1937; e Adolfo Rodríguez Ansias, mestre con praza en Bóveda, que fuxiu dos sublevados cara Ourense, onde estivo agochado durante 28 anos nun zulo construído na casa dos seus tíos na cidade.

En total, foron 15 os mestres sometidos a un expediente de depuración nas escolas do municipio de Amoeiro. Quince figuras do ensino que pagaron coa súa vida e renuncias os ideais que elevaron o nivel de coñecemento durante catro esplendorosos anos.

Tras o golpe franquista viñeron a “depuración”, o medo, os retrocesos culturais e o ouvido do maxisterio progresista impartido.

O espléndido relator que nos agasallará co seu coñecemento especializado honrou simbolicamente o legado do maxisterio durante a II República ó defender a súa Tese de Doutoramento o 18 de xullo deste ano no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, recibindo a cualificación máxima –Cum Laude- por un excelso traballo realizado coa dirección dun dos grandes especialistas en memoria histórica do noso país, o profesor titular de historia contemporánea da facultade de historia de Ourense Xulio Prada Rodríguez.

Como recordo da loita polo progreso en Amoeiro, deixamos baixo estas liñas unha táboa na que figuran os mestres e mestras depurados no termo municipal de Amoeiro.

Posts relacionados

Leave a Reply