Unha praza en Trasalba honrará ó eminente arabista Darío Cabanelas Rodríguez

Unha praza en Trasalba honrará ó eminente arabista Darío Cabanelas Rodríguez

Espazo que ocupará a futura Praza de Darío Cabanelas Rodríguez

En breve, o Concello de Amoeiro comezará as obras dun futuro espazo no que se honrará a un insigne veciño orixinario de Outeiro de Trasalba: Darío Cabanelas Rodríguez (Trasalba 1916-1992). A intervención consistirá no embelecemento do entorno público sito a carón do campo e da cafetería do sinalado núcleo, así como na instalación dunha placa identificativa co nome do homenaxeado. Con estas sinxelas actuacións preténdese que a figura deste destacado arabista, a quen se considera como un dos máis importantes do século XX, reciba unha merecida homenaxe do concello no que viu a luz e no que finou os seus días.

Tan egrexio veciño amoeirense estudou Filosofía e Teoloxía en Santiago de Compostela, e foi ordenado sacerdote da Orde Franciscana en 1940. A partires de 1942 dirixiu os seus intereses de estudo cara a titulación de Filosofía e Humanidades, Sección de Filoloxía Semiótica, na Universidade Central (coñecida actualmente como Universidade Complutense de Madrid), área de coñecemento na que gañou un Premio Extraordinario.

Bosquexo da futura Placa da Praza

En 1948, doutorouse coa tese titulada “Juan de Segovia y el problema islámico”, coa que tamén logrou un Premio Especial de Doutoramento. Posteriormente, foi bolseiro e colaborador de Miguel Asín Palacios no Instituto Español do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ensinou lingua e literatura árabe na Universidade Complutense e, dende 1955, na de Granada, sendo discípulo de Emilio García Gómez, quen formou a moitos profesionais de distintas xeracións durante máis de 40 anos.

As súas contribucións académicas son moi extensas: escribiu más de 100 traballos entre libros, artigos, informes e revisións bibliográficas, dirixiu 18 teses de doutoramento, participou en 26 masters,  etc., e impartiu conferencias sobre o mundo árabe e islámico a nivel nacional e internacional. Especializouse en lingüística árabe, literatura e filosofía, versando os seus traballos máis senlleiros sobre Ibn Sida e Alonso del Castillo. Posteriormente, ocupou altos cargos e dignidades académicas, tales como o de Deán da Facultade de Filosofía e Humanidades de Granada (1965-1968), Director do Departamento de Arábe en Granada (1972-1987), Director da Escola de  Estudos Árabes do CSIC en Granada (1972-1984), Membresía da Real Academia de Belas Artes de Granada (1977-1992), Presidente da Comisión de Publicacións do Consello da Alhambra e do Generalife (1978-1985), Membro “ad honorem” do Instituto de Cooperación co Mundo Árabe do Ministerio de Asuntos Exteriores de España (1979-1982), entre outros. Xubilouse en 1985, e foi nomeado Profesor Emérito da Universidade de Granada en 1987.

Tan esplendoroso e amplo currículo fan de Darío Cabanelas Rodríguez unha figura senlleira e digna de distinción municipal, que abonda en tal merecemento si lle engadimos a súa coñecida calidade humana e humildade persoal. Trátase, en suma, dun exemplo no que se debe mirar a cidadanía de Amoeiro e que xustifica, sen lugar para a dúbida, a creación dun espazo público que o lembre para a posteridade.

A destacada personalidade de Darío Cabanelas Rodríguez forma parte, desde tempo atrás, dos “Persoeiros” do Concello de Amoeiro recollidos na web municipal (http://www.amoeiro.gal/patrimonio-cultural-material), entre os que se encontran Juan Fernández de Boán (Abruciños, 1549 – Sevilla, 1615), maxistrado e político que chegou a ser Virrei do Perú e Presidente da Real Audiencia de Lima entre 1606 e 1607, o Patriarca das Letras Galegas D. Ramón Vicente Otero Pedrayo (Ourense, 1888 – 1976), e o sobranceiro pintor e Fillo Predilecto de Amoeiro Ramón Pulido Nóvoa, nado en Bóveda de Amoeiro en 1944.

O arabista terá, agora, tamén un lugar público que permita valorar o seu legado. 

 

 

Posts relacionados

Leave a Reply