Amoeiro xa dispón dunha APP propia para eliminar os problemas de localización de direccións no municipio

Amoeiro xa dispón dunha APP propia para eliminar os problemas de localización de direccións no municipio

AmoeiroMaps entre outras iconas de navegación

Dende hoxe, Amoeiro conta cunha APP (abreviatura en inglés do termo aplicación; application) de seu que permitirá navegar ata calquera dirección do termo municipal de Amoeiro sen erro.

Esta aplicación recibe o nome de AmoeiroMaps, é gratuíta e atópase na Play Store á dispor dos usuarios de móbiles que empreguen o sistema operativo Android, e na App Store para os que utilicen o sistema operativo iOS (é dicir, os clientes de móbiles iPhone).

Unha vez descargada a APP AmoeiroMaps o usuario só terá que introducir unha dirección do termo municipal e pulsar sobre a icona “Navegar”, podendo seleccionarse calquera programa de navegación para realizar a localización da dirección introducida e dirixirse cara ela sen erros (pode recorrerse, por exemplo, a programas sen custe como Google Maps ou Waze, ou a programas de pago como TomTom, entre outros).

Como resultado dun proxecto pioneiro de xeolocalización coordinado con Estatística, cada edificación con identificación catastral, así como cada parcela incluída en chan urbano e, polo tanto, con potencialidade para realizar edificación, teñen a súa propia numeración e esta, en ocasións, non coincide coa ata o de agora empregada que era inexacta e errónea.

As novas direccións estanse a remitir dende o Concello de Amoeiro a todos os fogares e están debidamente localizadas mediante fotografía aérea, teñen xeorreferenciación específica (mediante coordenadas)  e recibiron a aprobación do Instituto Nacional de Estatística (INE). Adicionalmente, estanse a instalar os números correspondentes –sen custe para a veciñanza- nas fachadas ou nas entradas de cada domicilio. A este respecto, advírtese á poboación que a dirección que atope con AmoeiroMaps na actualidade pode non coincidir coa esperada debido á posible existencia dos anteditos cambios de numeración. Esta dificultade deixará de existir cando se actualicen todos os números e os reciba a veciñanza no seu fogar. O proceso de actualización será constante e estará suxeito aos cambios que se vaian producindo (p. ex., creación de novas edificacións, divisións de parcelas, creación de novas zonas, etc.).

O importe total deste innovador proxecto é de 40.655 euros, lográndose unha subvención do 90% do mesmo (36.589,50 €), de xeito que as arcas municipais unicamente terán que aportar 4.065,5 € por unha acción que xa é referente no eido municipal, sendo varios os concellos interesados en desenvolver iniciativas semellantes.

Grazas a esta intervención, ideada polo grupo de goberno municipal, desaparecen de xeito eficaz e efectivo as dificultades para localizar direccións en Amoeiro, de modo que nos casos en que sexa precisa a intervención de ambulancias, bombeiros ou corpos de seguridade tales medios disporán dunha ferramenta coa que chegar con fiabilidade ó seu destino.

Adicionalmente, tamén se beneficiarán da APP os sistemas de transporte mediante taxis ou a través de outros medios e os envíos remitidos por correo postal, mediante empresas de mensaxería ou as simples compras realizadas en tendas e supermercados.

Finalmente, e non menos importante, os familiares alleos ó municipio, as amizades e as persoas que visiten Amoeiro disporán dun medio co que localizar direccións e lugares de interese de xeito áxil, útil e sinxelo.

A creatividade e a tecnoloxía ó servizo da cidadanía.

Posts relacionados

Leave a Reply