Camiñada dos Pazos de Amoeiro 2017: Avance das Rutas e do Programa

Camiñada dos Pazos de Amoeiro 2017: Avance das Rutas e do Programa

Pazo de San Damián de Boavista

O domingo, 22 de outubro, Amoeiro, capital dos Chaos, celebra unha nova edición da Camiñada dos Pazos, que anova o seu trazado en cada edición para dar a coñecer espazos de interese  que non foron visitados nas rutas anteriores.

O que si é común respecto a camiñadas anteriores é a existencia de dúas etapas, unha para afeccionados e outra para os que pretendan completar os 28 quilómetros (Qm.) na súa totalidade: é dicir, os que completen ós 18 Qm. da primeira ruta e opten por engadirlle os 10 Qm. da segunda.

Fervenza de O Cachón

A primeira etapa sae, ás 10:00 da mañá, do Parque dos Sentidos sito en Souto, Amoeiro (a non ser que chovera, situándose nese caso a saída no Pazo de Deportes, que se localiza na rúa próxima de Castor Sánchez Martínez). A partires das 9:00 da mañá haberá unha mesa na que se realizará o pagamento da inscrición (10 €) e se entregarán os correspondentes dorsais, isto será inmediato para quen realizase a súa inscrición no Concello de Amoeiro (para elo deben telefonar ó número 988281000) e demorarase un pouco máis para quen decida formalizar a súa participación nos momentos previos á saída. Por estes motivos, prégase acudir á mesa de inscrición arredor da sinalada hora -9 da mañá- para favorecer a puntualidade na saída (10:00) e, en definitiva, a fluidez do evento.

Inscrición na Fachada da Igrexa de San Martiño de Cornoces

Dende o punto de partida no corazón de Amoeiro, a Camiñada dirixirase, a través de fermosos camiños, ós dominios do Pazo de Miranda, en Parada de Amoeiro, catalogado como un dos máis importantes de Galicia, achegándose pouco despois a unha das cataratas máis espectaculares do noso País: A Fervenza do Cachón. Neste paradisíaco entorno fluvial sitúanse varios muíños e unha caseta de madeira recentemente restaurada, acompañado todo elo dun belo e útil conxunto de ramplas de madeira que fan deste paraxe o primeiro de Galicia plenamente accesible para persoas con discapacidade física.

Muíño a carón do río Barbantiño

A camiñada continúa, salvando varios desniveles de fácil superación, entre agarimosas sombras de carballos, amieiros, bidueiros e salgueiros ata alcanzar a que foi  controvertida presa do Barbantiño. A carón deste pequeno encoro atópase un longo e ben pavimentado túnel da controvertida presa , a cuxa saída brilla a ponte románica de San Fiz.

Esta ponte é a primeira dunha serie de pasais, todos eles empedrados, dos que desfrutarán os visitantes. No seu conxunto, o paseo fluvial será de 6 Qm., sempre a salvo dos rigores do sol, e desembocando no segundo pazo do recorrido: o de A Martinga. A pouca distancia deste pazo, transitando polas beiras dun recinto amurallado e sobre o chan dun camiño adornado de frondosidade, encóntrase a espléndida Igrexa de San Martiño de Cornoces, do s. XII, na que se debuxa sobre a súa parede este unha das inscricións máis destacadas do país. Só uns centos de metros despois, emerxe unha ampla estrutura pacega, a do Pazo de Santa Catalina de Cornoces que acolle no seu seo a persoas en situación de discapacidade psíquica a cargo dunha fundación.

Pazo de Miranda en Parada de Amoeiro

A un quilómetro deste último pazo retornan ó punto de partida –o Parque dos Sentidos (Souto de Amoeiro)- as persoas que unicamente realicen a primeira etapa, podendo gozar estes viaxeiros dun xantar campestre engalanado con música en vivo.

Obviamente, tamén terán o agasallo do xantar e da actuación musical en directo aquelas persoas que desexen coñecer máis partes do municipio, para quen se abre, dende o sinalado Pazo de Santa Catalina, unha segunda etapa. É dicir, quen participe da  segunda ruta continuará a súa camiñada dende dito pazo, a partires do cal desgáxese un vieiro pola senda da Vía da Prata do Camiño de Santiago (que tamén recibe o nome de Camiño Sanabrés-Ourensá, cuxa orixe é un cruce da Vía da Prata na zamorana Granxa de Moreruela). Dita nova ruta toma dirección cara Rouzós, Torre de Rouzós e Bóveda, chegando a unha nova e maxestosa edificación: o Pazo de Coto Martín.

Pazo de Santa Catalina de Cornoces

Dende Coto Martín, os camiñantes dirixirán os seus pasos ata o núcleo de O Tiollo, conectando, de seguido, cun sendeiro que os dirixirá ao último, e non menos fermoso, Pazo de San Damián de Boavista, instalación hostaleira afamada pola celebración de cerimonias e actos congresuais. Por última, esta segunda camiñada de 10 quilómetros pasa por Fontefría e chega –mediante unha senda aberta hai pouco ó tránsito- ata o punto de inicio no Parque de Amoeiro. Alí espéralles, como ós camiñantes da primeira etapa, un merecido xantar na compaña da música que relaxará os seus sentidos.

Pazo de Coto Martín

Adicionalmente a todo o mencionado, sinalamos, dende a organización da Camiñada dos Pazos de Amoeiro 2017, que se está tratando de adornar o percorrido con actuacións musicais ao longo do mesmo –o ideal é situalas cada 2,5 Qm.- mais tal eventualidade está pendente de confirmarse. Asemade, estase tratando de fixar a posibilidade de situar a expertos ao pé dos monumentos más senlleiros polos que transitarán os participantes na camiñada.

Pazo de San Damián de Boavista

Pendentes, pois de ultimar estes detalles, dende o Concello de Amoeiro convidamos á cidadanía que acostuma a visitar as nosas terras que se una a unha nova celebración lúdico-deportiva, e a quen non coñeza as Camiñadas dos Pazos brindámosllle os nosos ánimos para que den un paso ó fronte e formen parte das persoas que tiveron a fortuna de andar sobre as pegadas que deron sobre os Chaos e Amoeiro Don Ramón Otero Pedrayo e outras celebridades da cultura galega.

Posts relacionados

Leave a Reply