Conferencia en Amoeiro: “Tras as pegadas dos Templarios na Galicia”

Conferencia en Amoeiro: “Tras as pegadas dos Templarios na Galicia”

Esta conferencia celebrarase o sábado 16 de setembro, ás 20:00 horas (8 do serán), na Casa da Cultura do Concello de Amoeiro.

O relator será o Dr. Carlos Pereira Martínez, que é historiador do concello de Culleredo, así como escritor e artista plástico galego. A exposición será levada a cabo polo mencionado experto, cuxa traxectoria académica como licenciado en Xeografía e Historia culminouse coa realización da súa tese de doutoramento sobre “A Orde do Temple nos reinos de Galicia e León”.
Este especialista é, asemade, membro numerario da “Sociedad Española de Estudios Medievales” e da Asociación de Escritores en Lingua Galega, así como ex-vicepresidente da Asociación Cultural Estudios Históricos de Galicia, do Padroado e do Consello Reitor da Fundación Instituto de Estudios Políticos e Sociais, da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia, do Ateneo Republicano de Galicia, do Consello de Redacción da revista Dez-Eme, da Fundación 10 de Marzo de Comisións Obreiras e do Comité científico da revista Anuario Brigantino do Concello de Betanzos. No seu currículo pódese tamén citar que formou parte do colectivo poético “Os habitantes do Lago”, sendo un dos fundadores do grupo de teatro “Maiolongo” de Culleredo no ano 1976.

É colaborador habitual da Asociación de Artistas Plásticos de Galicia (ARGA), e ten participado, en exposicións artísticas individuais ou colectivas en toda Galicia.
En 2011 recibiu xunto a Ana Romero Masiá o Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica pola obra “Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República”. Tamén foi galardoado co primeiro premio da XXXVII edición do Certame Literario do Concello de Vilalba no 2011, por “Río Alzheimer”.

Poderíase engadir ó seu extenso abano formativo e profesional a súa integración, como membro de honra, no Instituto de Estudios Masónicos de Galicia (I.E.M.G.), que é a institución que organiza esta conferencia.

Unha conferencia que conta coa colaboración do Concello de Amoeiro, e que serve de comezo e anticipo de futuras actividades culturais desenvolvidas entre o IEMG e este concello ó longo dos vindeiros meses.

Debido ó interese da temática e á vinculación da mesma con este municipio, que foi Bailía da Orde do Temple, recoméndase a asistencia e participación da cidadanía de Amoeiro e dos concellos veciños nun acto que coidamos resultará culturalmente estimulante para as persoas que teñan a fortuna de formar parte do mesmo.

Posts relacionados

Leave a Reply