Inauguración do Primeiro Carrusel Ecolóxico Municipal de España en Amoeiro

Inauguración do Primeiro Carrusel Ecolóxico Municipal de España en Amoeiro

A partires do vindeiro luns 10 de xullo, Amoeiro será o primeiro municipio de España que dispoña dun carrusel ecolóxico permanente para o goce e desfrute das nenas, dos nenos e das súas familias.

Esta atracción pioneira, que ata o de agora só podía observarse de xeito temporal en feiras e mercados medievais, fixarase no Parque dos Sentidos de Souto (Amoeiro), enchendo nunha zona que mestura pedra, madeira e lousa.

A posta en marcha do “tiovivo” celebrarase o sinalado luns, ás 18:30 horas, nun acto amenizado por integrantes da Escola Municipal de Música Tradicional Devalar, convidando a crianzas, nais, pais, avós, avoas e demais familiares a coñecer este singular dispositivo lúdico.

O carrusel foi realizado pola empresa Artefactum Planet, en Cádiz, comezará a instalarse o domingo previo e conta cun deseño no que se integra o símbolo de identidade municipal: O Xinete do Formigueiro. Do teito do mesmo penduran cadeiras colgadas con cadeas e serpes, mentres que no chan haberá carros, permitindo que ata 10 nenos e nenas poidan sorrir nun máxico xirar. Para este eco-carrusel, así como para outro máis tamén previsto, procurouse financiamento con fondos europeos a través dun proxecto municipal presentado en ADERCOU (Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense).

A atracción funcionará coa colaboración das familias, posto que os seus engrenaxes móvense a pedais, axudando a mellorar o estado física e a saúde dos “ciclistas”.

As nenas e os nenos de todo o municipio e dos seus arredores terán, dende o luns, a oportunidade de viaxar arredor de si, parafraseando a célebre obra de Don Ramón Otero Pedrayo.

Baixo estas liñas amósase un bosquexo do carrusel no seu futuro emprazamento.

Posts relacionados

Leave a Reply