Xuntanza e Celebración dos Grupos de Actividades Municipais na Casa da Cultura

Xuntanza e Celebración dos Grupos de Actividades Municipais na Casa da Cultura

Mañá xoves, 29 de xuño, ás 6 do serán (18:00 horas), terá lugar na Casa da Cultura de Amoeiro unha nova Festa de Celebración das Actividades Municipais que se desenvolveron dende setembro de 2016 ata xuño de 2017.

Durante este período, o Concello de Amoeiro achegou ata as parroquias accións de atención psicolóxica, cuxo custe foi asumido na súa totalidade polas arcas municipais, e accións de carácter lúdico e deportivo a cuxo pagamento contribuíu o concello nun 50 %, mentres que o restante 50% correu por conta das persoas que usaron estes servizos.

Os mencionados servizos desenvolvéronse na Casa da Cultura de Amoeiro, nos locais sociais municipais de Parada, A Bergueira, Trasalba, Fontefría e Bóveda, así como nos locais veciñais de Loureiro e As Quintás. En tales espazos, departiuse sobre aspectos de índole psicolóxica e realizáronse actividades de ioga, pilates, zumba, ximnasia de mantemento e baile. Con respecto ás actividades lúdico-deportivas lembramos a necesidade de formalizar as inscricións para o vindeiro “curso”, que comezará a partires do setembro próximo.

Coa celebración de mañá xoves teremos, un ano máis, a oportunidade de xuntar ás persoas que proceden dos diversos grupos esparexidos pola nosa xeografía municipal, de gozar da actuación dun grupo musical e de degustar as viandas que aportarán as mencionadas agrupacións veciñais. Todo un luxo.

A compaña será magnífica e, tras a festa e o tempo de verán, retornarán as actividades á diversidade de poboacións do termo municipal de Amoeiro.

De todo isto, e máis, falaremos mañá.

Posts relacionados

Leave a Reply