Os fogares e lugares de interese de Amoeiro localizables coas novas tecnoloxías

Os fogares e lugares de interese de Amoeiro localizables coas novas tecnoloxías

O Concello de Amoeiro empregará as novas tecnoloxías para superar, con eficacia e eficientemente, unha das eivas derivadas da dispersión dos asentamentos rurais galegos: as dificultades de localización de vivendas, así como os perigos e incomodidades que de elo se derivan.

Exemplo do primeiro son a indefensión da poboación ante emerxencias sanitarias (p. ex., accidentes ou crises de saúde), os incendios, a delincuencia (localización de fogares e incidentes por parte das forzas e corpos de seguridade), etc., e do segundo son os inconvenientes á hora de recibir envíos por correo ou mensaxería, ou a complexidade para a localización dos fogares por parte de taxis, familiares ou amizades.

Superar con solvencia e facilidade as trabas de localización incrementa a seguridade, a saúde e a calidade de vida no rural, e constitúese nun sólido argumento para animar a manterse residindo en Amoeiro, servindo de referente para desenvolver iniciativas semellantes nos pobos e aldeas de Ourense e Galicia.

Para lograr estas finalidades ideouse o “Proxecto de Dixitalización e Xeolocalización do Concello de Amoeiro”, que comprende unha análise pormenorizada da distribución de vivendas e puntos de interese turístico, cultural, etc. no noso termo municipal, que dará lugar a unha cartografía dixital precisa coas correspondentes coordenadas no Sistema de Posicionamento Global mediante satélite (ou GPS na terminoloxía norteamericana: Global Positioning System). Nunha segunda fase, crearase unha aplicación informática ou APP (siglas procedentes do termo inglés application) de uso en teléfonos móbiles que usen tanto o sistema operativo IOs de Apple (os Iphone) como o sistema Android. Estas APP poderanse descargar de balde da web municipal e permitirán que os corpos de seguridade (policía, garda civil, etc.), de control de lumes (bombeiros, grumires, protección civil, etc), sanitarios (ambulancias, persoal médico, de enfermaría, etc.), así como de transporte público (autobuses, taxis), de envíos postais ou de paquetería (correos, comercio a distancia, etc.), de alimentación (p. ex., de supermercados ou tendas) ou mesmo turistas e amizades podan chegar de xeito áxil e fiable ós seus destinos.

O proxecto corrixirá deficiencias na numeración de vivendas, creará novas direccións (p. ex., na parroquia de Bóveda onde están sen diferenciar os núcleos) e unificará as cartografías de estatística, catastro, PXOM e do rueiro municipal, dando lugar a numeracións que serán instaladas de balde en forma de placas asentadas nas fachadas de cada edificación.

Os traballos de campo comezaron onte, 26 de xuño do ano en curso, na parroquia de Bóveda, e continuarán mañá nas de Fontefría e Abruciños ata cubrir todo o municipio. Tales accións serán desenvolvidas por persoal da empresa Servicat, que é a adxudicataria do proxecto, o cal estará acompañado por concelleiros e concelleiras do grupo de goberno ou por representantes veciñais.

Con a materialización desta iniciativa os problemas de localización de vivendas e lugares de interese público pertencerán ó pasado.

Posts relacionados

Leave a Reply