Descubrimento da Placa da Praza de Santiago Vázquez Rodríguez e Cea do San Xoán en Portecelos (Parada)

Descubrimento da Placa da Praza de Santiago Vázquez Rodríguez e Cea do San Xoán en Portecelos (Parada)

Este venres 23 de xuño, ás 21:30 horas, terá lugar en Portecelos a Cerimonia de Descubrimento da Placa dun novo lugar en Amoeiro: a Praza de Santiago Vázquez Rodríguez.

Con este acto culminarase a creación dun espazo público que inclúe un conxunto do que forman parte a sinalada praza xunto á fonte e ó forno que lle serven de compaña.

O rueiro municipal incorpora, así, unha zona cuxa nomenclatura procede dunha votación popular celebrada o pasado 18 de marzo, na que a maioría das persoas que asistiron ese día á inauguración das obras da devandita praza votaron a prol do nome de Santiago fronte a outras alternativas propostas para designar ó emprazamento.

O feito de que Santiago cedera as augas do seu manancial para abastecer a fonte do lugar, así como o seu bo carácter e xenerosa vontade de axuda cara a veciñanza, sen esquecer a súa condición de represaliado do franquismo a causa das súas ideas socialistas, foron algúns dos argumentos esgrimidos pola concorrencia para xustificar a súa elección.

Como expresión do seu compromiso social compre lembrar a súa implicación nos movementos que loitaron en pro dos traballadores e labregos de Amoeiro. Neste senso, Santiago Vázquez Rodríguez foi vogal da primeira sociedade obreira socialista do municipio, a “Sociedad de Profesiones, Oficios Varios y Obreros en General de Parada”, que se fundou o 20 de decembro de 1929, ingresando pouco despois na Unión General de Trabajadores (UGT), tal e como aparece publicado no diario El Socialista da época (Quintas Ferreño, 2012).

A directiva desta organización era a seguinte: Castor Iglesias (presidente), Ramón Caride (vicepresidente), Pajero Caride (secretario), Antonio Parga (vicesecretario), Baldomero Gómez (contador), Juan Manuel Rúas (tesoureiro), Amadeo González, Benjamín Gómez e Santiago Vázquez Rodríguez (vogais). Santiago chegou a ser presidente deste colectivo asociativo.

Santiago, ocupou o posto de porteiro do Concello de Amoeiro , sendo destituído do mesmo polas forzas fascistas o 12 de agosto de 1936. Ademais, foi quen convenceu a Castor Sánchez Martínez para que aceptase volver á Alcaldía do Concello de Amoeiro en 1936, pois este non era favorable a elo nun principio. Os sublevados franquistas, os golpistas contra a II República, quitáronlle a vida de Castor, arruinaron a de moitas persoas e tamén golpearon a de Santiago.

Santiago Vázquez Rodríguez foi detido o 28 de xullo de 1936 no seo dunha operación de represión colectiva na que o trasladaron ó Pazo de Miranda (Parada de Amoeiro) xunto a compañeiros de ideas como Baldomero Gómez Dacoba, José Tilbe e Emilio Fernández Doval (ambos morrían poucos anos despois debido a secuelas das malleiras recibidas), Benjamín Gómez Pulido, Dolores Gómez Rodríguez, Francisco Caride Parga, Eulogio González Salgado e Agustín Gutiérrez Vázquez, todos veciños da parroquia de Parada. Algúns deles foron trasladados despois ó cárcere do mosteiro de S. Rosendo en Celanova, e tras elo utilizados para traballos forzosos nas casas baratas de Ourense (O Cumial) (Prada Rodríguez, 2004).

Coa asignación da praza de Portecelos ó nome de Santiago Vázquez Rodríguez gaña dignidade todo un pobo, e rescátanse do ouvido os logros e as penalidades dos que loitaron polo ben da cidadanía e sufriron as penalidades dun réxime ilegal e cruel que tratou de borrar da memoria colectiva ás persoas que se opuxeron ó mesmo.

No descubrimento da placa estarán presentes os familiares de Santiago, o alcalde de Amoeiro xunto con concelleiros e concelleiras deste municipio e a veciñanza do lugar que celebrará, a continuación, a tradicional cea do “Día de San Xoán”.

 

FONDES DOCUMENTAIS

Prada Rodríguez, J. (2004). Ourense, 1936-1939. Alzamento, guerra e represión. Edicións do Castro: Sada (A Coruña).

Quintas Ferreño, F.J. (2012). Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936). Fundación Luís Tilve: Santiago de Compostela.

Posts relacionados

Leave a Reply