Conferencia en Amoeiro: “A Masonería: unha experiencia de vida”

Conferencia en Amoeiro: “A Masonería: unha experiencia de vida”

Consonte coa política de respecto á memoria histórica, da que forma parte a visualización da labor da masonería outrora vituperada dende a ditadura e as faccións máis reaccionarias do ámbito político, o Concello de Amoeiro acollerá esta conferencia na Casa da Cultura o vindeiro sábado 10 de xuño do ano en curso, ás 20:00 horas.

O relator da mesma será José Mª Oleaga Zalvidea, popularmente coñecido como Txema Oleaga, quen é Grande Oficial da Grande Loxia de España, persoa vinculada profesionalmente ó eido do dereito e figura destaca da política española.

En concreto, este poñente, nado en Bilbao en 1963, é licenciado en Dereito pola Universidade de Deusto, e exerce na actualidade de avogado (as súas especialidades son as de Responsabilidade Civil, Dereito do Seguro, Dereito Penal e Dereito da circulación). No ámbito laboral tamén foi Presidente do Metro de Bilbao. No apartado da política milita actualmente no Partido Socialista de Euskadi-Euskadiko Ezkerra (PSE-EE. PSOE), organización pola que foi concelleiro no Concello de Bilbao dende 1999, e voceiro do Grupo Municipal Socialista entre 2004 e 2011, así como candidato á Alcaldía nos comicios de 2007 e 2011; ademais, foi Director de Participación Cidadán do Goberno Vasco. Polo que atinxe á masonería, é membro activo das Loxias “Stella Matutina”, de San Sebastián (na que se iniciou e chegou a Venerable Mestre), e “La Tolerancia”, de Bilbao.

Txema Oleaga será presentado por Ricardo Aldao Matilla, Presidente do Instituto de Estudios Masónicos de Galicia (IEMG), entidade que organiza o acto xunto ó Triángulo Masónico Auriense, colaborando con ambos o Concello de Amoeiro e a Gran Logia Provincial de Castilla.

O Concello de Amoeiro recomenda a asistencia a este conferencia como xeito de aproximar á cidadanía cara a labor dunha organización tan orientada ó ben común como descoñecida para a maioría da poboación. Neste senso, avánzase que proximamente abrirá as súas portas ó público a Biblioteca da Masonería sita no primeiro andar da antiga escola pública de As Figueiras, de cuxa data de inaugaración será debidamente informada a veciñanza.

Posts relacionados

Leave a Reply