Alegacións presentadas con urxencia polo Concello de Amoeiro respecto do Anteproxecto de Explotación do Sistema Integrado de Transportes de Galicia

Alegacións presentadas con urxencia polo Concello de Amoeiro respecto do Anteproxecto de Explotación do Sistema Integrado de Transportes de Galicia

A aprobación da última Lei de Transportes de Galicia en agosto de 2016 conduciu a que a practica totalidade das empresas de transportes de viaxeiros de Ourense renunciasen ás súas concesións, xa que consideraban que as esixencias deste marco normativo penalizaban a súa conta de resultados (p. ex. os autobuses debían incorporar sistemas adaptados para persoas con problemas de mobilidade, localizadores GPS e canceladoras para lectura de tarxetas de transporte). Entre estas compañías figuran as concesionarias das liñas no termo municipal de Amoeiro (Autos González e Augas do Incio), que seguirán a prestar os seus servizos ata o próximo 1 de agosto, momento no que estas ou outras compañías recibirán novas concesións de transportes de viaxeiros.

Neste contexto, a Xunta de Galicia debe afrontar a tarefa de realizar novas adxudicacións de concesións de liñas cun horizonte que rematará ó finalizar 2019. Foi así como deseñou un Sistema Integrado de Transportes de Galicia que inclúe a Amoeiro e da lugar a algúns cambios, dando un prazo de 10 días para formular alegacións ó mesmo.

Unha vez revisado o documento, que figura na ligazón http://civ.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-civ/Documentos_DXMobilidade/Plan%20de%20Transporte%20Publico%20de%20Galicia/XG505_GAL_rect.pdf , o Concello de Amoeiro formula alegacións pola súa insatisfacción coa proposta recibida. Unha proposta que mantén a liña “Ponte Mandrás-Ourense”, que só opera de luns a venres, e que presenta una nova liña “Amoeiro-Ourense por As Quintás e Beiro” sen paradas intermedias e que deixa sen cobertura á metade do municipio (en concreto, quedan fora as parroquias de Rouzós, Fontefría, Parada e Trasalba). Ademais, a proposta da Xunta esquece por completo o Transporte Metropolitano, deixa a Amoeiro sen integración no transporte escolar e ouvida a implantación do Transporte a Demanda neste municipio. Se a elo engadimos que só inclúen planos dunha das rutas que propoñen e todo o itinerario da sinalada ruta é erróneo, a conclusión só pode ser unha: o Concello de Amoeiro está en completo desacordo coa proposta recibida.

Alegacións do Concello de Amoeiro

Ante tales circunstancias, este concello presenta un conxunto de alegacións, que figuran nesta nova para poder ser consultadas pola cidadanía, as cales son froito de múltiples deliberacións e propostas municipais ante a diversidade de plans que nos foron ofertados durante os últimos 24 anos, e que tamén teñen presentes as circunstancias actuais e as presións de tempo recibidas. Tales alegacións amosan liñas, rutas, horarios e opcións alternativas e máis axeitadas para a veciñanza amoeirense, así como novas ideas e vontade de participación para elaborar un sistema de mobilidade máis útil e axustado á nosa poboación.

Posts relacionados

Leave a Reply