Proposta de Aprobación Plenaria da Declaración de Honorabilidade e Lexitimidade da Masonería

Proposta de Aprobación Plenaria da Declaración de Honorabilidade e Lexitimidade da Masonería

O CONCELLO DE AMOEIRO INCLÚE NA SESIÓN PLENARIA DO PRÓXIMO XOVES A APROBACIÓN DUNHA DECLARACIÓN DE HONORABILIDADE E LEXITIMIDADE DA MASONERÍA  

gran-logia-de-espana Con motivo da celebración do III Centenario da Francmasonería Universal, o grupo de goberno do Concello de Amoeiro incluirá na sesión plenaria que se celebrará o xoves 9 de marzo, ás 18:00 horas, a aprobación institucional da seguinte declaración:

“En 2017 a Masonería celebra en todo o mundo o tricentenario dos seus ideais de libre pensamento e tolerancia fraterna entre todos os seres humanos. A través desta declaración institucional unímonos ao recoñecemento da honorabilidade destes principios co desexo de que no século XXI vexamos o día no que cese o sufrimento de quen aínda hoxe padecen  persecución, sancións, condenas penais, exilio ou son executados por razón da defensa da Masonería e dos seus ideais profundamente democráticos”.

Coa aprobación desta sinxela e breve declaración, tal e como é definida e formulada na “Carta Aberta ás Institucións Españolas” polo Gran Maestro de la Gran Logia de España – Grande Oriente Español, Sr. D, Óscar de Alfonso Ortega, o grupo de goberno municipal apoia, de xeito institucional, a loita das organizacións masónicas por defender os principios de tolerancia, liberdade de conciencia e de pensamento e o respecto cara a dignidade humana máis aló de credos, clases sociais, razas, ideas ou nacións nos 23 países do mundo en que están, a día de hoxe, severamente ameazados a causa de fundamentalismos relixiosos, totalitarismos políticos, e pensamentos únicos, de xeito semellante ó que lle aconteceu á institución masónica noutros lugares e en tempos anteriores.

Mediante esta adhesión, o grupo de goberno do Concello de Amoeiro pretende sumarse a iniciativas como as subscritas polos concellos de Las Palmas de Gran Canaria, Santa Cruz de Tenerife e Arucas, así como o Cabildo Insular de Gran Canaria e o Parlament Balear, iniciando unha rede de solidariedade pública que seguirá a estenderse a nivel estatal.

jose-vazquez-fouz

Sr. D. José Vázquez Fouz

Tal conmemoración, ten lugar no seo dunha sociedade española contemporánea na que a masonería síntese amparada e protexida polas institucións democráticas, precisándose agora o pulo das mesmas para continuar a protexer os lexítimos principios da masonería nas terras en que seguen a ser perseguidos.

A memoria histórica española non permite esquecer que os masóns foron un dos colectivos máis duramente acosados, represaliados e vilipendiados polo franquismo, sendo deber das institucións democráticas actuais unirse para acabar con estas inxustizas noutras latitudes, así como para evitar que se repitan na nosa terra.

Na sesión plenaria amoeirense darase lectura á antedita declaración e intervirá, así mesmo, o Sr. D. José Vázquez Fouz, máxima autoridade en Galicia da Gran Logia de España.

Posts relacionados

Leave a Reply