Campamento Municipal de Verán 2016 en Porto do Son para a Mocidade entre 12 e 14 anos

Campamento Municipal de Verán 2016 en Porto do Son para a Mocidade entre 12 e 14 anos

Mapa Porto do SonNo seo do Programa para a Xuventude 2016, que está organizado polos Concellos de Amoeiro, Coles e Maside, ofrécese a posibilidade de participar a mozas e mozos de ditos concellos, entre 12 e 14 anos, no Campamento de Verán Virxe de Loreto.

O campamento desenvolverase entre o 17 e o 22 de xullo nas instalacións homónimas da Xunta de Galicia, sitas á beira do mar en A Aguieira, a 2 quilómetros de Porto do Son (A Coruña).

O campamento terá como piares fundamentais a tolerancia, a igualdade, a revalorización dos recursos naturais e a aposta por un futuro sostible.

Todas as actividades adaptaranse ao grupo de idade e procurarán, ademais da súa vertente lúdica, o desenvolvemento de habilidades e capacidades para coñecer o medio natural, así como para por en marcha novas alternativas que permitan un desenvolvemento máis sostible, fomentando o entusiasmo, a curiosidade e o interese como base da aprendizaxe.

METODOLOXÍA A EMPREGAR

  • Activa: procurando fomentar a creatividade e a espontaneidade.
  • Participativa: asignando responsabilidades a todos os participantes.
  • Significativa: a partires dos coñecementos, actitudes e aptitudes previas dos mozos e das mozas.
  • Integradora: promovendo o traballo en grupos pequenos nos que se fomenta o espírito de equipo.
  • Non sexista: subliñando a igualdade como valor esencial.
  • Flexible: Pois todo o anterior está sempre adaptado ás características do grupo.

OBXECTIVOS

VIRXE_DE_LORETOTrátase dun campamento tematizado ambiental situado a carón do mar, que se levará a cabo nun ambiente de igualdade e amizade, e no que se descubrirá o fascinante mundo da natureza mariña a través de xogos e dinámicas de grupo.

Combina diversidade de actividades educativas en contacto coa natureza, promove a sensibilidade medioambiental xunto a identificación dos valores humanos de convivencia na mesma, dando cabida a xogos, dinámicas de grupo, obradoiros, excursións, actividades multiaventura e debates sobre as solucións que necesita o planeta.

A metodoloxía e os obxectivos teñen como referencia a Estratexia Galega de Educación Ambiental e inclúen os seguintes:

  • Vivenciar o entorno máis natural e salvaxe da costa galega.
  • Descubrir e empatizar coa natureza como método de sensibilización social.
  • Espertar emocións e sentimentos a partires de experiencias vivenciais.
  • Potenciar as relación interpersoais, as habilidades sociais e a cooperación, para actuar en defensa do medio e estimular o sentido da responsabilidade e a creatividade.

CUSTE E PRE-INSCRICIÓNS

O custe do campamento é de 85 euros por participante, e para formalizar as pre-inscricións serán necesario facilitar os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, dirección, teléfono e e-mail (optativo) do responsable familiar así como do/a menor con interese en participar no campamento. Estas informacións poderanse facilitar a partires do martes 7 de xuño e a través de calquera dos seguintes medios:

  • E-mail concello@amoeiro.gal
  • Tlf.: 988281000
  • Fax: 988279988
  • En persoa, nas oficinas da Casa Consistorial.

 

Despois de analizar as pre-inscricións recibidas nos tres municipios, comunicaranse as admisións ó campamento.

O campamento, conformado por tendas de campaña, ten un comedor cuberto, pista polideportiva e un recinto cuberto para obradoiros. Os aseos e os exteriores non están adaptados para situacións de discapacidade.

Virxe de LoretoO abano de actividades inclúe kaiak, paddle surf, biomergullo mariño, escalada, surf, bodyboard, orientación, bicicleta, rapel, xeocaptura, tirolesa, tiro con arco e slack-line.

Posts relacionados

Leave a Reply